TEMA 04. ESPAÑA NO SÉCULO XIX - 4ºESO (pdf)
Tema 4. España
no século XIX
4.1.
A guerra da independencia (1808-1814)
A
comezos do s. XIX, a monarquía de Carlos IV estaba desprestixiada, en parte
porque deixara o goberno en mans de Manuel Godoy. Cando a República
francesa declarou a guerra á Primeira Coalición, Godoy uniuse contra os
revolucionarios, pero foi derrotado e finalmente tivo que aliarse con Francia,
e pasou polo tanto a ser inimiga de Gran Bretaña. En 1805, a frota británica
destruíu a hispano-francesa na batalla de Trafalgar, o que minou o
dominio hispano dos océanos.
Máis
tarde, Napoleón cruzou o territorio español para invadir Portugal, aliado de
Gran Bretaña, como xa vimos. No Tratado de Fontainebleau, Godoy permitía
pasar as tropas francesas, recibindo a cambio unha parte do territorio
portugués. Pero os plans de Napoleón, unha vez dentro do territorio, descubríronse
lentamente.
Os
soldados franceses non so estaban de paso, senón que aproveitarían a situación
para sumar España á súa lista de países conquistados. O pobo de Madrid deuse
conta da invasión inminente, e organizou o Motín de Aranjuez para lograr
a destitución de Godoy. Carlos IV ademais viuse obrigado a abdicar, deixando a
Coroa ao seu fillo Fernando VII.
Napoleón,
que vía todos estes problemas internos na familia real, aproveitou a ocasión
para convocar a pai e fillo na cidade francesa de Bayonne e “axudarlles”
a resolver os seus problemas. Unha vez alí, encerrounos e obrigounos a
abdicar e cederlle a el a Coroa, rematando na cabeza de José Bonaparte,
irmán do emperador francés, quen pasou a ser Xosé I de España.
Mentres
tanto, en Madrid, o intento de secuestrar a toda a familia real provocou o
coñecido levantamento popular do 2 de maio, que marcou o comezo dunha
sublevación en toda España contra as tropas francesas, coñecida como guerra
de independencia. A poboación española dividiuse entre afrancesados,
que recoñeceron a Xosé I como rei, e patriotas ou fernandinos, fieis a
Fernando VII. Esta división deuse en todo o imperio español, provocando anos
despois a independencia de case todos os territorios americanos da Coroa
española.
A
contenda foi longa e moi cruenta, causando a morte a entre 300.000 e 500.000
españois e 200.000 franceses. O exército francés era o máis poderoso e mellor
organizado e equipado do mundo nese momento. Ante un inimigo así, os rebeldes
españois, escasamente formados e apenas equipados para a guerra, tiveron que
aproveitar o seu coñecemento do territorio para agocharse e atacar por
sorpresa, desgastando o posible ao inimigo invasor. Esta táctica, aínda que non
inventaran eles, si que a bautizaron, dándolle un nome que tivo éxito e se
emprega hoxe noutras linguas, como o inglés ou o francés: a “guerrilla”.
Tras
cinco anos de loita, Napoleón viuse obrigado a retirarse e Fernando VII
regresou ao trono. Pero neste tempo, algúns cambios tiveron lugar nas ideas
políticas dos que loitaban pola súa volta...
4.2. As Cortes de Cádiz
A guerra
da independencia tivo consecuencias políticas. A ausencia da familia real
deixou en España un baleiro de poder nas zonas sublevadas, onde se crearon Xuntas
para organizar a loita. Posteriormente, creouse a Xunta Suprema Central.
En
1810, a Xunta Central convocou unhas Cortes Constituíntes, para crear as
bases políticas do Estado español en ausencia do rei Fernando VII, e esperando
a súa volta. O lugar de reunión foi Cádiz, a única cidade peninsular que
non ocuparan os franceses. Asistiron deputados de todos os territorios da
monarquía, tanto peninsular como dos vicerreinados americanos.
Nestas
Cortes diferenciáronse dous grandes grupos:
v Absolutistas: buscaban a volta do rei para
retornar a un sistema monárquico absolutista idéntico ao anterior á invasión
francesa.
v Liberais: defendían as novas ideas das
revolucións americana e francesa, e buscaban polo tanto un sistema
constitucional con separación de poderes. A palabra “liberal” foi tamén creada
neste contexto histórico español, e pasaría a ser usada noutros idiomas para
definir esta ideoloxía.
Nas
Cortes de Cádiz aprobáronse diversas leis; a máis importante delas foi a Constitución
de 1812, aprobada o 19 de marzo dese ano, e chamada por iso a “Pepa”.
Foi a primeira Constitución da historia de España, na que se aprobaron moitas
reformas que puxeron fin ao Antigo Réxime: fin dos privilexios da nobreza e o
clero, abolición dos señoríos e os gremios, etc.
4.3.
O reinado de Fernando VII
Fernando
VII regresou a España en marzo de 1814. Á súa chegada, un grupo de absolutistas
entregoulle o Manifesto dos Persas, no que lle pedían que recuperase a
monarquía absolutista, ignorando as Cortes de Cádiz. Volveuse así ao Antigo
Réxime durante os primeiros anos do seu reinado, o chamado Sexenio
Absolutista (1814-1820). Os liberais, perseguidos e encarcerados, comezaron
a organizar sublevacións militares, coñecidas como pronunciamentos.
En
1820, o pronunciamento do coronel Riego dende Cádiz tivo éxito e obrigou
a Fernando VII a xurar a Constitución. Comezou así o Trienio Liberal, no
que se recuperaron as leis das Cortes de Cádiz. Isto provocou conflitos entre
os propios liberais que as defendían, xa que os moderados conformábanse
con lixeiras reformas liberais, mentres que os exaltados querían ir máis
lonxe, con reformas radicais no sistema. Pero en Europa dominaba a Santa
Alianza (Rusia, Austria, Prusia), que defendía a monarquía absoluta e enviou un
exército dende Francia, os chamados Cen Mil Fillos de San Luís, que
expulsaron os liberais e permitiron a Fernando reinar de novo como rei absolutista.
Os
últimos anos do reinado coñécense como Década Ominosa (1823-1833).
Apareceu entón un problema dinástico, xa que o rei non tiña fillos varóns e
modificou a Lei Sálica dos Borbóns para que puidese reinar unha muller.
Esta reforma plasmouse na Pragmática Sanción, pero moitos dos
absolutistas máis puros rexeitaron esta medida, e cando Fernando morreu non
aceptaron á súa filla Isabel. No canto disto, apoiaron ao irmán do rei
falecido, Carlos María Isidro de Borbón, polo que se denominaron carlistas.
Desatouse unha terrible guerra civil (a primeira guerra carlista), que
remataría coa derrota dos carlistas, aínda que volverían a levantarse en armas
dúas veces máis no resto do século XIX.
4.4.
Isabel II e a construción do Estado liberal (1833-1868)
Os
liberais, igual que antes, estaban divididos segundo as súas ideas máis ou
menos radicais. Os moderados non desexaban reformas demasiado extremas,
mentres que os antigos exaltados, que agora se chamaron “progresistas”,
eran máis ambiciosos nese sentido. Nestes anos vanse conformar os primeiros
partidos políticos tal como os coñecemos hoxe, formándose desa maneira o Partido
Moderado e o Partido Progresista, que verían nacer anos máis tarde
outras formacións políticas de ideoloxías diversas.
No
reinado de Isabel II aprobouse a Constitución de 1837, a segunda que
existiu en España, algo máis moderada que a de 1812, pero menos que a seguinte,
que se aprobaría en 1845. Tamén se levou a cabo a desamortización,
é dicir, a venda das terras de mans mortas e bens acumulados pola Igrexa ao
longo dos séculos, para intentar financiar as arcas do Estado e facer esas
terras máis produtivas. Os resultados foron visibles, aínda que non chegaron a
ser todo o bos que se esperaba.
Tras afrontar diversas dificultades, tanto María Cristina como despois o xeneral Espartero tiveron que abandonar a rexencia. Á raíña aínda lle faltaba un ano para poder reinar en 1843, pero adiantouse o prazo establecido e acordouse a súa subida ao trono con tan só 13 anos, comezando así o reinado persoal de Isabel II, que duraría 25 anos.
4.5.
O Sexenio Democrático (1868-1874)
Nos
últimos anos do reinado de Isabel II viviuse unha grave crise económica, e o
goberno volveuse cada vez máis autoritario. A raíña apoiábase no Partido
Moderado, sen deixar lugar ao resto de partidos, que comezaron a conspirar
contra ela. A imaxe de Isabel para o pobo era cada vez máis impopular, e
comezaron a xurdir as ideas contrarias á monarquía en novos partidos republicanos.
O pronunciamento
dos xenerais Prim e Serrano en 1868 deu lugar á creación de xuntas
revolucionarias nas cidades e provincias, na coñecida como revolución
Gloriosa. A raíña non tivo máis opción que abandonar España. Convocouse un
goberno provisional, e eleccións para formar Cortes Constituíntes, é dicir,
encargadas de elaborar a Constitución de 1869, o primeiro texto
constitucional plenamente democrático en España, xa que nela se recoñecía o
sufraxio universal masculino, ademais dunha ampla serie de dereitos
individuais.
Serrano
era o rexente á espera de atopar un monarca para o trono español. O elixido,
entre varios candidatos, foi Amadeo I de Saboia, fillo do rei de Italia.
O seu reinado foi caótico, xa que debeu afrontar os numerosos problemas do
momento (guerra en Cuba, novo levantamento carlista, etc.), con moitos na súa
contra e case ninguén no seu apoio. Así, tras dous anos de reinado, volveu a
Italia temeroso da súa propia integridade.
Tras
a abdicación de Amadeo I, as Cortes optaron pola única solución non probada ata
entón: a supresión da monarquía. Proclamouse así a I República española,
que porén duraría algo máis de nove meses, nos que se sucederon catro Presidentes
(Figueras, Pi i Margall, Salmerón e Castelar).
Aparte
das guerras en Cuba e nos territorios carlistas do norte de España, o goberno
republicano tivo que afrontar unha grave crise, o movemento cantonalista,
xa que ante a ausencia dun poder efectivo numerosas rexións e mesmo cidades
españolas se declararon independentes do goberno central, asociadas nunha
especie de federación de rexións ou “cantóns” (similares aos cantóns
suízos). A Coruña formou o seu cantón, mentres que Betanzos separouse despois
del, e isto levaba en moitos casos a enfrontamentos armados entre cantóns
veciños. O conflito máis grave de todos foi a rebelión cantonal en Cartaxena,
Murcia, que provocou a intervención do exército para sufocala e reprimila pola
forza.
Nesta
situación de caos, o xeneral Pavía entrou nas Cortes coas súas tropas e
asumiu o control do goberno mediante un golpe de Estado, en xaneiro de
1874. A república sobreviviu durante varios meses baixo a autoridade do
exército, que non permitía máis desordes. Un ano despois, un novo golpe de
Estado, do xeneral Martínez Campos, trouxo de volta á familia Borbón,
restaurando así a monarquía co fillo de Isabel II, que reinaría como Alfonso
II.
En 1874,
o xeneral Martínez Campos proclamou rei a Alfonso XII, fillo de Isabel
II. Deste xeito comezou unha nova etapa política, a Restauración. Este
foi un período de notable estabilidade política en España.
O
novo rei, partidario da monarquía constitucional, nomeou presidente de Goberno
a quen fora o artífice da súa volta a España, Antonio Cánovas del Castillo.
Cánovas puxo fin á guerra de Cuba e á guerra carlista, e creou un novo sistema
político en que tiñan cabida todos os partidos que aceptasen a monarquía e un
réxime constitucional.
A
Restauración baseouse en dous piares: a Constitución de 1876, que era
conciliadora, contentando tanto aos sectores demócratas como a outros máis
conservadores; e a alternancia pacífica de partidos no Goberno. Concretamente
dous, o Partido Conservador, dirixido polo propio Antonio Cánovas,
e o Partido Liberal, liderado por Práxedes Mateo Sagasta, quen
defendeu a aprobación do sufraxio universal masculino anos máis tarde.
A
alternancia no poder permitía que os gobernos cambiasen periodicamente,
evitando así os choques políticos, revolucións e golpes de Estado do pasado.
Pero en realidade, esa alternancia de partidos non se debía á simple
casualidade, senón que había todo un sistema organizado de corrupción
electoral que o garantía: dende o Goberno se decidía que partido ía gañar
en cada unha das circunscricións electorais; para que ese resultado se cumprise
ordenábase a manipulación dos votos de maneira que todo saíse como se desexaba.
Había
varias maneiras de manipular eses votos: no campo, algúns personaxes ricos e
influentes, coñecidos como caciques, convencían á poboación dos pobos
para votar polo partido correspondente, a cambio de favores ou de ser
contratados para traballar nas súas terras. Esta práctica coñecíase como caciquismo.
Nas
cidades, onde os caciques tiñan menos influencia sobre a poboación, podíanse
manipular ou cambiar os pucheiros e furnas onde se gardaban os votos (pucherazo).
Tamén era habitual incluír “votos” de persoas que faleceran recentemente e
aínda constaban no censo (lázaros); etc.
En
conclusión, este sistema proporcionou estabilidade á vida política española.
Pero a alternancia de partidos deixaba fóra do Goberno tres grupos cada vez
máis representativos: os anarquistas, os socialistas e os nacionalistas
cataláns, vascos e galegos; todos eles chegarían a dinamitar o sistema corenta
anos despois...
Comments
Post a Comment