TEMA 05. IMPERIALISMO, GUERRA E REVOLUCIÓN - 4ºESO (pdf)

Tema 5. Imperialismo, guerra e revolución

5.1. As grandes potencias na segunda metade do século XIX

Tras as revolucións liberais da primeira metade do s. XIX, a situación política dos Estados europeos era moi variada. En Gran Bretaña e Francia consolidouse o liberalismo, e a democracia avanzou pouco a pouco: aprobouse o sufraxio universal masculino, desenvolvéronse a liberdade relixiosa e a de expresión e xurdiron os partidos políticos modernos.

A concesión de voto a todos os homes provocou cambios moi importantes: os partidos socialistas empezaron a ter representación parlamentaria, agora que os obreiros podían votar, e tamén comezaron a desenvolverse estratexias políticas modernas, como mitins, carteis políticos, etc., xa que se facía necesario levar mensaxes propagandísticos a toda a poboación, e non só a unha pequena elite social.

Noutros países europeos, o liberalismo non avanzou moito. Os imperios alemán e austrohúngaro eran réximes autoritarios, nos que os seus emperadores acumulaban gran parte do poder, aínda que fosen aceptando pouco a pouco certas liberdades, unha Constitución e outras concesións. Contaban co seu Parlamento, pero este non podía opoñerse realmente ás decisións do Emperador.

O imperio máis pechado a reformas era Rusia, onde o tsar ou emperador mantiña un férreo absolutismo e a servidume (campesiños obrigados a traballar o campo dos seus señores) existiu ata 1861. A nobreza, a Igrexa ortodoxa e os oficiais do exército monopolizaban os cargos. A finais do s. XIX, desenvolveuse notablemente a industria, pero a economía seguía sendo basicamente agrícola.

En Estados Unidos completouse a expansión territorial que fixo que o país se estendese desde o océano Atlántico ata o Pacífico. Os novos territorios foron colonizados por poboadores europeos (conquista do Oeste), desprazando ás tribos indias que habitaban esas terras. Finalmente, os poucos indios superviventes foron internados en reservas.

Os Estados do Sur eran escravistas, porque os escravos eran a principal man de obra das súas explotacións agrícolas, mentres que os Estados do Norte aboliran a escravitude. En 1860 foi elixido presidente Abraham Lincoln, un decidido antiescravista. Once Estados do Sur separáronse e crearon unha Confederación, que pretendía independizarse do resto de Estados. Así comezou a guerra de Secesión (1861-1865), que enfrontou o Norte e o Sur. A contenda terminou co triunfo dos Estados do Norte, e a escravitude foi abolida en todo o país.

Xapón deixou de ser un país feudal dende 1867, cando o Emperador recuperou o poder que desde había séculos estaba en mans dos señores feudais de cada rexión. Iníciase así a era Meijí, en que Xapón se occidentalizou en todos os ámbitos: económico, social, cultural, etc. No campo económico, chegou a diversos acordos comerciais con varios países europeos e con EE. UU.


5.2. Os factores do imperialismo

O termo imperialismo implica a extensión do dominio dun país sobre outros. O país que conquista é a metrópole e os territorios conquistados son as colonias. Non era un fenómeno novo, pero no século XIX adquiriu unha dimensión diferente.

Desde a Antigüidade houbo grandes imperios, onde un territorio orixinal (a metrópole) dominaba outros pobos externos a el. Xa na Idade moderna, as potencias europeas foron colonizando e dominando outras partes do mundo, sobre todo América e partes de Asia. Pero na segunda metade do s. XIX, este fenómeno transformouse nunha dominación agresiva, que se coñece como “imperialismo”.

Os primeiros imperios coloniais desta época foron o británico e o francés, e máis tarde se unirían outros (Alemaña, Bélxica, etc.). España, pola súa banda, non participou deste fenómeno, senón que aínda perdeu os últimos territorios de ultramar (Cuba, Filipinas e outros) a causa da expansión das potencias imperialistas. Ademais dos países europeos, tamén entraron na expansión imperialista outras potencias que estaban a desenvolverse nese momento, como EE. UU. e Xapón, país que chegaría a dominar gran parte de Asia Oriental.

Esas potencias conquistaron ou anexionaron a maior parte do mundo. Mentres en 1800 o 35% das terras do planeta dependían de Europa e Estados Unidos, en 1914 esta porcentaxe era dun 84%. Podíase dicir que Europa era a dona do mundo. En África só quedaron dous Estados independentes: Etiopía (que era cristiá de antigo) e Liberia, un país africano fundado por antigos escravos estadounidenses que emigraron dende América no s. XIX. En Asia só o Imperio otomán, China e Persia non se converteron en colonias, pero a presión europea para lograr vantaxes comerciais foi cada vez maior.

O imperialismo viuse favorecido nestes anos por diversos factores:

  • Económicos: as potencias occidentais, agora que estaban industrializándose, buscaban materias primas para as súas fábricas, e tamén mercados ou poboación que puidera comprar os seus produtos industriais. Nalgúns casos, tamén se intentou investir capitais para tentar de desenvolver algúns deses países, escasamente civilizados, como aconteceu sobre todo en África.
  • Políticos: dado que as potencias europeas competían por expandirse no mundo, buscaban ocupar algúns territorios de valor estratéxico para defender as súas posicións. Así, o Reino Unido tratou de dominar enclaves situados nas principais rutas marítimas, como Malta ou Chipre. Ademais, a dominación de grandes territorios daba un prestixio internacional a un país, ao tempo que desviaba a opinión pública de problemas internos.
  • Demográficos: o rápido crecemento da poboación europea provocou unha emigración masiva a certos territorios faltos de poboación, como Norteamérica ou Australia.
  • Culturais: a aparición da teoría da evolución por parte de Charles Darwin reforzou as ideas racistas, xa formuladas dende o século XVIII, que consideraban as poboacións nativas como razas menos evolucionadas, que debían ser dominadas e civilizadas polos europeos (darwinismo social).


5.3. A administración colonial

Os Estados europeos estableceron nos territorios colonizados tres formas fundamentais de dominio:

  • Dominios: eran territorios sometidos á soberanía da potencia colonizadora e administrados por esta. A fórmula implicaba a perda de soberanía do país colonizado, xa que o soberano era o propio soberano da metrópole. Un gran exemplo disto foi o Congo Belga.
  • Protectorados: a potencia colonial controlaba a política exterior e as riquezas do país colonizado, mentres que as autoridades nativas se ocupaban da política interior. Foi o caso do Reino Unido en Exipto, e Francia e España en Marrocos.
  • Concesións: eran territorios que pertencían a un país independente, pero nos cales as potencias colonizadoras obtiñan vantaxes comerciais. Isto ocorreu na China, onde a penetración dos produtos occidentais arruinou os comerciantes locais e provocou varias rebelións.

 

5.4. A orixe da Primeira Guerra Mundial

Tras a súa unificación, Alemaña converteuse na potencia reitora da política internacional europea, grazas á política do seu chanceler, Bismarck. Este ideou un sistema de alianzas entre Alemaña, Austria e outras potencias, os chamados “sistemas bismarckianos”, que pretendía illar a Francia, pactando cos seus competidores.

Pero cando chegou ao trono o kaiser Guillerme II, partidario dunha política máis agresiva en Europa (a “realpolitik”), Bismarck foi desprazado do poder e foi o propio Guillerme quen conduciu as relacións internacionais. Comeza así a chamada “Paz Armada”, un período sen conflitos pero no que as potencias europeas inician unha carreira de armamentos, que estouparán nunha guerra mundial anos despois. Agrúpanse dous bloques de países:

ÿ       A Tripla Alianza, formada por Alemaña, Austria e Italia, que é a continuación das alianzas bismarckianas.

ÿ       A Tripla Entente, integrada por Francia, Rusia e o Reino Unido, que pretenden combater o poderío militar e a ameaza da Tripla Alianza.

A expansión de Austria-Hungría sobre os territorios dos Balcáns vai detonar o conflito. Cando este imperio absorbe Bosnia, ameazando a independencia de Serbia, a resistencia organiza un golpe. En 1914, mentres o herdeiro austríaco Francisco Fernando visitaba a capital de Bosnia, Sarajevo, un estudante serbio vaino asasinar en plena rúa.

Austria-Hungría pide a investigación do crime a Serbia, pero este país, apoiado por Rusia, négase. A finais de xullo de 1914, Austria-Hungría entra en guerra con Serbia. Rusia mobiliza o exército en defensa de Serbia, e iso provoca un efecto dominó coas alianzas europeas. Os dous bloques anteriormente mencionados inician deste xeito a Primeira Guerra Mundial. A Tripla Alianza formará o bando dos “imperios centrais”, mentres que a Tripla Entente se dará a coñecer como o bando dos “aliados”.


5.5. O desenvolvemento da guerra

A guerra iniciada en 1914 chegou a ser unha guerra mundial, especialmente porque as potencias enfrontadas dispoñían de colonias en todos os continentes do planeta, as cales enviaron recursos e tropas, especialmente no caso do imperio británico.

Os alemáns, que pretendían obter unha rápida vitoria sobre Francia para atacar despois Rusia (plan Schlieffen). Por iso, avanzaron en ambas frontes con bastante velocidade nos primeiros meses do conflito, o que se coñece como a “guerra de movementos”.

Non obstante, foron detidos no seu avance cara a París, e a partir de 1915 pasamos a falar dunha “guerra de posicións”. Comézanse a cavar posicións defensivas, as trincheiras, e as liñas da fronte permaneceron con poucos cambios nos anos seguintes, ata o fin da guerra. Un dos intentos máis notables por parte dos alemáns para romper a fronte en Francia foi a batalla de Verdún, unha ofensiva a grande escala que durou cerca dun ano, sen acadar finalmente o seu obxectivo. Para contrarrestar este ataque alemán, os aliados contraatacaron na batalla do río Somme, que permitiu desviar recursos alemáns de Verdún, aínda que tampouco rematou con grandes cambios territoriais.

En ambas batallas sufríronse números inmensos de baixas humanas, grazas ao perfeccionamento das armas de fogo (metralladoras). Ademais, na batalla do Somme os británicos empregaron os primeiros carros de combate, predecesores dos tanques actuais. Destaca igualmente o uso de bombas de gas, que a pesar da existencia de máscaras antigás provocaron un número altísimo de baixas onde se utilizaron.

O ano 1917 foi decisivo para o desenlace da guerra. A entrada de EE. UU. na mesma, que durante anos se mantivera ao marxe, proporcionou importantes recursos materiais e humanos, e decantou o conflito a favor dos aliados. Por outra banda, en Rusia vivíanse momentos de inestabilidade. Os bolxeviques, unha vez que asaltaron o poder no país, decidiron asinar unha paz en solitario con Alemaña, no tratado de Brest-Litovsk, deixando aos aliados sen un dos seus membros. Así, Alemaña podía centrarse na fronte francesa en exclusiva.

Pero os imperios centrais estaban tan esgotados que a derrota estaba xa no horizonte. En 1918, os ataques dos aliados romperon as liñas da fronte, e Turquía, Austria e Alemaña acabaron por renderse o 11 de novembro, celebrado aínda hoxe como o día do armisticio.


5.6. As consecuencias da I Guerra Mundial

A Primeira Guerra Mundial provocou máis de 8 millóns de mortos e 9 millóns de feridos. O país máis afectado neste sentido foi Alemaña. As perdas materiais foron menos significativas ca as humanas, pola grande estabilidade das frontes. Soamente no nordeste de Francia, en Bélxica e no norte de Italia foi considerable a destrución, que afectou a terreos agrícolas, minas e núcleos de poboación.

Pero ademais das baixas directamente causadas pola guerra, hai que considerar os efectos da terrible pandemia de gripe de 1918, agravada polas condicións de vida nas trincheiras e o enorme desprazamento de poboación dende todas as partes do mundo ás liñas da fronte. Dado que España non participaba na guerra, a prensa informaba sen censura das novas que falaban desta pandemia, mentres que os medios europeos o ocultaban, e de aí que ao coñecerse a súa existencia pasase a ser denominada “a gripe española”. Porén, non se coñece nin a súa orixe exacta nin o número de mortes que causou en todo o mundo. Estímase que foron entre 50 e 200 millóns de persoas, unha cifra que representaba entre o 10% e o 20% da poboación mundial (!).

Despois do armisticio, que so era un cese das operacións armadas, comezouse a organizar a sinatura de varios tratados de paz, contidos na Paz de París. Os aliados preferiron facer un tratado con cada un dos países derrotados, e forzalos así a aceptar as súas condicións. Así, asinouse o tratado de Versalles (Alemaña), que foi o máis importante e o modelo para os demais; o de Saint Germain (Austria); o de Trianon (Hungría); etc. Dese xeito, estes tratados supoñían un “diktat”, unha imposición que sometía e humillaba aos vencidos. Os obxectivos eran varios:

®    Impedir o rexurdimento de Alemaña como gran potencia.

®    Manter illada a Rusia, onde estaba a impoñerse a revolución comunista, evitando así o “contaxio” revolucionario.

®    Lograr o equilibrio de poderes entre os vencedores, repartíndose certos territorios europeos.

 

Ademais, en 1920 acordouse a creación dunha Sociedade de Nacións, unha organización internacional que pretendía evitar novos conflitos internacionais. Porén, foi concibida con varios erros, como non incluír nela algunhas das grandes potencias (Alemaña, Rusia), e por iso anos despois fracasou, e non evitou unha nova guerra. Pero serviría como modelo para a ONU, creada despois da II Guerra Mundial e que tivo moito máis éxito a partir da experiencia previa.


5.7. As orixes da revolución rusa

A principios do s. XX, Rusia seguía ancorada no Antigo Réxime, cunha monarquía absoluta na que o tsar, Nicolás II, concentraba o poder supremo do Estado. Contaba co apoio da nobreza, da Igrexa ortodoxa e do exército. Aínda que existía un parlamento, a Duma, os seus poderes eran moi limitados, pois o tsar podía convocalo ou disolvelo cando o desexase.

A finais do s. XIX iniciouse unha lenta industrialización do país, co que aumentou a clase traballadora nas fábricas (proletariado). Pero esencialmente a economía era agraria e o 80% da poboación eran campesiños, que vivían polo xeral na miseria. A finais do s. XIX existían partidos clandestinos opostos ao tsar, que representaban varias ideoloxías. Destacaba o Partido Obreiro Socialdemócrata Ruso, que defendía a ideoloxía marxista e foise dividindo en dúas faccións:

v  Os menxeviques, máis moderados e partidarios de chegar ao socialismo mediante un réxime liberal de transición, é dicir, de forma pacífica.

v  Os bolxeviques, radicais liderados por Vladimir Lenin, que querían implantar directamente a ditadura do proletariado, mediante unha revolución violenta.


5.8. As revolucións de 1917 e a guerra civil en Rusia

Na Primeira Guerra Mundial, Rusia sufriu derrotas que crearon malestar na poboación. O 23 de febreiro en Petrogrado (San Petersburgo) comezou unha gran manifestación, baixo o lema “Paz e Pan”. Pouco despois estala unha folga xeral e disturbios nas rúas. O exército negouse a disparar contra os folguistas. O 27 de febreiro formouse un Goberno provisional, firmado por figuras políticas coma Alexander Kerensky, e o tsar, falto de apoios, decidiu abdicar do trono. Este primeiro xiro político é coñecido habitualmente como “revolución de febreiro”.

Pero o Goberno provisional non foi o único órgano político nesta situación de baleiro de poder. As formacións de ideoloxía obreira formaron por todo o país asembleas de traballadores, chamados en ruso soviets, que incluso contaban coas súas propias milicias armadas de defensa. Todos eles pasaron a estar dirixidos polo Soviet de Petrogrado, composto por membros do Partido Social revolucionario, e tamén por menxeviques e bolxeviques.

O líder bolxevique, Lenin, estaba exiliado en Suíza dende había anos. O Kaiser alemán pensou que Lenin retiraría a Rusia da guerra, polo que permitiu que cruzara o territorio alemán en tren para chegar a Petrogrado. A súa chegada ao Soviet de Petrogrado fixo que os bolxeviques medrasen moito en cantidade e forza. Despois de varios meses de intentos e fracasos, Lenin e os bolxeviques asaltaron a sede do Goberno provisional mediante un golpe de Estado o 25 de outubro de 1917, que pasou a chamarse “revolución de outubro”. Lenin convocou eleccións, convencido da súa popularidade. Pero os bolxeviques continuaban a ser unha minoría radical, que foi derrotada nas eleccións, de xeito que se implantou directamente unha ditadura. Creouse a Che-Ka, unha temible policía política que impuxo o Terror contra calquera sospeitoso de non comulgar co novo réxime.

Xa en 1918, os bolxeviques asinan a Paz de Brest-Litovsk, retirando a Rusia da Primeira Guerra Mundial. Isto creou un gran número de opositores, que reunidos no Exército Blanco loitaron contra o Exército Vermello de Lenin e Trotsky (guerra civil rusa). A guerra rematou en 1922 coa vitoria bolxevique e a creación da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS).


Comments