TEMA 06. O MUNDO DE ENTREGUERRAS - 4ºESO (pdf)

Tema 6. O mundo de entreguerras

6.1. A fráxil recuperación dos anos vinte

Tras a Gran Guerra, a hexemonía económica mundial desprazouse desde o Reino Unido cara a Estados Unidos: Nova York substituíu a Londres como principal centro financeiro internacional, e produciuse nos anos 20 un gran crecemento industrial. As industrias automobilística, eléctrica, petroquímica... desenvolvéronse grazas ao traballo en cadea, á produción estandarizada e á creación de grandes grupos empresariais, capaces de realizar fortes investimentos.

O nivel de vida dos estadounidenses aumentou, e como consecuencia disto apareceu a actual sociedade de consumo. Nalgunhas vivendas empezouse a gozar de instalacións antes reservadas á clase alta: ascensor, calefacción ou luz eléctrica. Os electrodomésticos (lavadoras, frigoríficos, radios...) e os automóbiles foron accesibles para capas máis amplas da poboación, que os coñecía a través da publicidade e os adquiría grazas ás compras a prazos. O “modo de vida americano” estendeuse polo resto do mundo. Triunfaron novos modos de ocio: cine, cabarés, deportes de masas (boxeo, rugby...) e a música popular (charleston, jazz, etc.). Este período é coñecido habitualmente como os “felices anos vinte”.

A readaptación das economías europeas á paz foi longa e difícil debido á destrución provocada pola guerra. Pero a crise foi especial en Alemaña, obrigada pola Paz de Versalles a pagar as chamadas “reparacións de guerra”, 132 mil millóns de marcos-ouro, que debían ser pagados en varios prazos a Francia e Reino Unido polos danos causados na I Guerra Mundial.

O goberno alemán, forzado a destinar todo o seu ouro ao pago da débeda, comezou a imprimir cada vez máis papel moeda (Papiermark) para manter os gastos do Estado, o que facía que esta moeda en papel perdese valor a pasos acelerados. En 1922, o proceso escalou asombrosamente, e os prezos multiplicáronse por dous millóns nun curto período de tempo, nun fenómeno coñecido como hiperinflación, que levou á ruína á poboación alemá.

O problema agravouse cada vez máis. O goberno xa non podía nin sequera pagar as reparacións de guerra, e en 1923 Francia invadiu o val do Ruhr, onde se atopaban numerosas minas e fábricas alemás. Con esta rexión paralizada económicamente, disparouse a impresión de papel moeda polo goberno alemán, e a hiperinflación acadou o seu máximo nivel.

Para solucionar esta grave situación, Estados Unidos puxo en marcha en 1924 o Plan Dawes. Alemaña recibiría un préstamo de Estados Unidos que lle permitiría pagar as reparacións de guerra aos aliados. Un dos obxectivos do Plan Dawes era que Reino Unido e Francia puidesen cobrar as reparacións, para garantir o pago das débedas que eles mesmos tiñan con Estados Unidos.

En conclusión, a década de 1920 foi rematando cun certo optimismo nas relacións internacionais, xa que o Plan Dawes e o Tratado de Locarno, firmado en 1925 entre Alemaña e os aliados, parecía amosar que os conflitos remataban definitivamente. Por iso, falouse do “espírito de Locarno” para describir o impulso pacifista do momento. Pero esta idea se demostraría que non era máis que unha ilusión...



6.2. A Gran Depresión dos anos trinta

O crecemento económico dos anos vinte tería un final dramático e brusco en 1929. Dende a I Guerra Mundial, o goberno estadounidense sacara ao mercado os “bonos da liberdade”, que compraban os cidadáns como préstamo para os gastos da guerra, recibindo a cambio uns intereses. Estes bonos xa fomentaron unha certa cultura de inversión na poboación desde os anos da guerra.

Na posguerra comezáronse a vender bonos corporativos, é dicir, accións de empresas privadas, nos bancos de aforro para o gran público (antes disto estaban reservados a inversores profesionais os en bancos especializados). Pero estes bonos privados eran arriscados, xa que unha quebra da empresa en cuestión podía esfumar os cartos investidos.

Ao mesmo tempo, a Reserva Federal estadounidense tomou certas decisións que expandiron o crédito, disparando os préstamos bancarios a baixo prezo. Reducíronse os tipos de interese, e permitiuse a compra de accións 1:10, é dicir, adquirir ata dez veces máis do que se podía pagar no momento, o que animou á poboación a endebedarse case sen límite.

A Bolsa de valores medrou incriblemente grazas a este crédito fácil, entrando nunha dinámica de burbulla financeira. Pero antes ou despois, esta burbulla debía estoupar. En 1929, no chamado “xoves negro” (24 de outubro), empezáronse a vender masivamente accións, espantando así a futuros compradores e causando o denominado Crack de 1929. O medo apoderouse dos posuidores de accións, que correron a intentar vendelas ao prezo que fose. Os prezos das accións caeron en picado, e os préstamos pedidos para compralas xa non podían ser devoltos, facendo quebrar aos bancos. As empresas da Bolsa, que se quedaron sen inversores, pecharon e o desemprego disparouse.

A ruína económica apoderouse do país, e a Gran Depresión que se orixinou en 1929 como consecuencia do Crack da Bolsa duraría varios anos, e expandiuse polo mundo. Os principais exportadores de materias primas a EE. UU. víronse directamente afectados, xa que as empresas arruinadas deixaron de importalas. O Plan Dawes deixou de funcionar, xa que Estados Unidos xa non podía continuar prestando capitais a Alemaña, onde o golpe desta nova crise remataría por levar ao goberno ao Partido Nazi de Adolf Hitler.

As medidas adoptadas polo goberno de EE. UU. para saír da crise só agravaron os problemas. O presidente Franklin D. Roosevelt puxo en marcha un programa chamado New Deal (novo acordo), que impoñía unha maior intervención do Estado na economía: separouse a banca de inversión da banca comercial; subvencionouse a produción agraria; concedéronse numerosas axudas á industria e fomentáronse as obras públicas; en canto ao traballo, regulouse en materia de horarios, salario mínimo e outros aspectos laborais.



6.3. A formación da URSS

A Revolución rusa logrou sobrevivir á guerra civil, pero á custa de enormes perdas materiais e humanas. En 1921 estableceuse unha Nova Política Económica (NEP), para reparar o desastre económico producido pola política de “comunismo de guerra”, que consistía en confiscar a produción aos agricultores para manter o esforzo da guerra civil.

Coa Nova Política Económica, permitíase aos agricultores cultivar e vender libremente; autorizábase o comercio libre no interior de Rusia, e admitíase a propiedade privada de pequenas e medianas empresas industriais. O Estado aínda mantiña baixo o seu control a maior parte da economía, pero as reformas permitiron un pequeno rexurdimento da economía e a pequena burguesía recuperou algo de importancia.

En 1922, superada a guerra civil, Lenin conseguiu a formación da URSS, Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas, na que se integraban os territorios do antigo imperio ruso dos tsares, que quedaran divididos durante a guerra. 

Lenin estaba convencido de que a URSS non podería sobrevivir se a revolución se limitaba ao seu territorio; deste xeito promoveu desde que chegou o poder o internacionalismo, é dicir, a supresión das fronteiras nacionais para que os obreiros de todo o mundo tomasen o poder e implantasen unha ditadura do proletariado a nivel mundial.

En 1919, creouse en Moscova a Terceira Internacional, coñecida tamén como Komintern (Internacional Comunista). Convidouse a varios países a adherirse a esta organización, coa intención de fundar partidos comunistas en cada un deles. A maioría dos partidos comunistas xurdiron por escisións dos partidos socialistas, como aconteceu co Partido Comunista de España (1921). Estes partidos seguían o modelo do PCUS soviético: unha organización moi xerárquica e moi pouco democrática, onde calquera crítica á cúpula do partido era considerada disidencia e se reprimía duramente.



6.4. A ditadura de Stalin

Tras a morte de Lenin en 1924, a dirección do partido e do Estado pasou a ser exercida por un grupo de dirixentes (Trotski, Kamenev, Zinoviev...), pero os enfrontamentos entre eles eran continuos, e paulatinamente foise impoñendo un deles, o Secretario Xeral do Partido Comunista, Josif Stalin. Stalin foi poñendo en contra de Trotski, o candidato máis forte, a todos os seus contrincantes, forzando a súa expulsión do partido.

Dende 1928, Stalin xa acaparaba todos os poderes e instaurou unha feroz ditadura baseada en:

a)      Culto á personalidade: mediante a propaganda enxalzábase a imaxe de Stalin como “gran benfeitor” e “pai do pobo”. Difundíronse numerosos carteis e fotografías manipuladas nas que se presentaba como o herdeiro da obra de Lenin.

b)      Terror: calquera oposición debía ser exterminada, empregando métodos que disuadiran a outros de facelo. O NKVD foi o sucesor da Che-Ka, que arrestaba, torturaba, asasinaba ou enviaba a a morrer en campos de concentración (gulags) a calquera sospeitoso denunciado como “contrarrevolucionario” pola policía ou por calquera cidadán. Nos anos 30 produciuse a Gran Purga, na que se condenou a morte a centos de miles de “contrarrevolucionarios”. Nos xuízos de Moscova, foron sentenciados a morte antigos dirixentes do Partido, moitos dos que foran amigos de Stalin e que o axudaran a chegar ao poder.

c)      Control da cultura: o PCUS determinou que a arte debía servir como propaganda do partido. Estableceuse unha única tendencia oficial, o realismo socialista, que enxalzaba a revolución, os seus líderes e os grupos sociais que se consideraban como a “base da revolución”, é dicir, os obreiros e campesiños.

A política económica de Stalin consistiu en suprimir a liberdade concedida na NEP de 1921, e converter o Estado de novo no planificador central de todas as actividades. Prohibiuse a propiedade privada e lanzáronse os Plans Quinquenais, nos que a burocracia estatal determinaba o desenvolvemento das actividades nos vindeiros cinco anos: que se ía producir, cando, canto e a que prezos. Dábase unha prioridade absoluta ao desenvolvemento da industria soviética, xa que se consideraba esencial para competir coas grandes potencias mundiais.

No primeiro plan quinquenal establecéronse as colectivizacións forzosas do campo. Os propietarios debían renunciar a explotar a terra en granxas privadas, e debían integrarse nas granxas colectivas estatais (Kolkhoz). A represión contra calquera campesiño que non o acatase foi brutal. En Ucraína, onde moitos campesiños prosperaran nos anos da NEP, a represión foi especialmente dura, moitos foron executados ou deportados, e outros preferiron abandonar o campo antes que ser forzados a entrar na granxas colectivas.

A produción das granxas colectivas era bastante baixa, pola falta de motivación e de experiencia dos granxeiros, moitos dos cales non traballaran nunca no agro. Stalin fixou a conciencia uns niveis de produción altos, e prohibiu aos agricultores quedarse coa súa colleita mentres non se acadasen os niveis impostos, sendo fusilado todo aquel que gardase un só gran de trigo sen entregalo ás autoridades. Como resultado, a poboación de Ucraína sufriu de 1931 a 1933 o chamado Holodomor, a morte por falta de alimento de máis de tres millóns de ucraínos.



6.5. A Italia fascista

Tras perder 600.000 homes, e cunha alta inflación pola débeda contraída para financiar a guerra, os tratados de paz que firma Italia foron unha decepción para o país, que se sentiu enganado polos aliados. Mentres, a reconversión da industria de guerra e a desmobilización do exército provocaron un crecente desemprego, e a tensión social aumentou.

Algúns campesiños ocuparon propiedades agrarias e os obreiros industriais organizaron protestas violentas, folgas e ocupacións de fábricas. ­Nese ambiente, gran parte da sociedade empezou a temer unha revolución comunista, como a que estaba a acontecer en Rusia neses anos.

Os partidos políticos tradicionais non souberon facer fronte a esta situación e xurdiron grupos extremistas: o Partido Comunista de Italia (PCI) liderou os movementos de esquerda radical, mentres que os Fasci Italiani di Combattimento, coñecidos como “camisas negras”, baixo o mando de Benito Mussolini, opuxéronse ao comunismo. Dentro dos Fasci había veteranos da I Guerra Mundial, que formaban “escuadras” que atacaban violentamente aos movementos comunistas.

En 1921, Mussolini funda o partido político que levará o fascismo ao poder no Parlamento italiano, o Partido Nacional Fascista. A ideoloxía do partido resúmese nos seguintes trazos:

  • Antiliberalismo: o fascismo é contrario ao sistema liberal de partidos políticos, pretende que o único partido no poder sexa o fascista.
  • Anticomunismo: non se pretende unha eliminación total da propiedade privada nin da burguesía, e por tanto trátase de evitar a loita de clases marxista.
  • Totalitarismo: todos os aspectos da vida dos cidadáns (política, economía, costumes, cultura, etc.) están fortemente controlados polo Goberno, é dicir, polo Partido Fascista.
  • Violencia: toda oposición política debe ser eliminada pola forza.
  • Propaganda: organización de eventos grandiosos que resalten a grandeza da nación italiana, xeralmente inspirándose no Imperio Romano e os seus símbolos.
  • Imperialismo: glorifícase a guerra e hai un culto ao militarismo, que se materializa en campañas de conquista en África en en certos territorios europeos.

O Partido Fascista obtivo en 1921 poucos votos nas eleccións; pero os camisas negras conquistaron o poder pola forza: mobilizaron a miles de exaltados no norte de Italia, dende onde partiron cara á capital, na chamada Marcha sobre Roma (1922). O rei de Italia cedeu e concedeu a Mussolini o goberno do país.

En 1924, obtivo a maioría absoluta grazas á manipulación e ás ameazas aos partidos opositores. Semanas despois, o deputado socialista Giacomo Matteoti, que denunciaba no Parlamento de Italia os abusos do Partido Fascista, foi misteriosamente secuestrado e asasinado. O “Duce” Mussolini pasou entón a ter o control absoluto dos poderes do Estado.



6.6. As orixes do nazismo

Tras a derrota de Alemaña na I Guerra Mundial, formouse un Goberno provisional que tivo que facer fronte á revolta espartaquista en 1919, liderada por Karl Liebknecht e Rosa Luxemburgo. Ambos trataron de impoñer un réxime comunista en Alemaña, pero fracasou pola acción dos Freikorps, voluntarios patriotas veteranos da guerra, que asasinaron Liebknecht e Luxemburgo.

Pouco despois, celebráronse eleccións para unha Asemblea Constituínte. Esta asemblea aprobou en 1919 na cidade de Weimar unha Constitución pola que Alemaña se convertía nunha república democrática, a chamada “república de Weimar”. O Partido Socialdemócrata tiña maioría no Parlamento e controlaba o Goberno. Pero a nova república era feble pola existencia de grupos políticos extremistas que a querían destruír, tanto desde a esquerda coma da dereita.

En 1919, un soldado veterano da I Guerra Mundial chamado Adolf Hitler afiliouse ao Partido dos Traballadores Alemáns (DAP), no que destacou pola forza dos seus discursos en defensa da patria e contra os seus inimigos, que a levaran á derrota na guerra. En pouco tempo fíxose co control do partido, que pasou a chamarse Partido Nacional Socialista dos Traballadores Alemáns (NSDAP), máis coñecido como “nazi”. Creou ademais unha milicia armada que mantiña a orde nos mitins e os eventos organizados polo partido.

En 1923 vivíase en Alemaña os efectos da hiperinflación, e Hitler viu a ocasión perfecta para asaltar o poder. Os líderes do partido deron un golpe de Estado en Múnic (putsch de Múnic), pero foron detidos e encarcerados. En prisión, Hitler escribiu a súa obra, Mein Kampf (a miña loita), que recolle os principais trazos da ideoloxía nazi. Ademais das ideas do fascismo italiano, que son incorporadas na doutrina nazi, inclúe outras propias, como as seguintes:

  • Antisemitismo: os xudeus eran os culpables dos males históricos de Alemaña, e na I Guerra Mundial conspiraron para que o país fose derrotado e que chegasen así a facerse co poder, formando a república democrática de Weimar (teoría da “puñalada polas costas”).
  • Raza aria: as ideas do darwinismo aplicadas á socioloxía levaron aos nazis a buscar as orixes da nación alemá nos antigos pobos indoeuropeos (arios), que se foron impoñendo historicamente a outros pobos menos “evolucionados”, como os eslavos, xitanos...; e sobre todo os xudeus.
  • Espazo vital: para que o pobo alemán puidese desenvolverse como outros pobos arios (especialmente o imperio británico), debían ocupar o seu “espazo vital”, que era todo o territorio ao Leste, poboado por pobos (inferiores) eslavos (polacos, rusos, ucraínos...).

A condena de Hitler durou menos de un ano, pero en 1924 a situación económica xa mellorara e as tensións sociais desaparecían. O Goberno de Weimar gañaba popularidade e o Partido Nazi foi perdendo pouco a pouco a súa ocasión de facerse co poder. Porén, a crise do 29 orixinada no crack da Bolsa de Wall Street afectou moito a Alemaña, como vimos. O paro disparouse e o país afundiuse de novo nunha situación desesperada.

Nas eleccións de novembro de 1932, o Partido Nazi era o máis votado, sen contar coa maioría absoluta. O Presidente da República, o mariscal von Hindenburg, despois de resistirse durante moito tempo, e obrigado a romper o bloqueo político, acabou nomeando a Hitler chanceler (xefe do Goberno) en xaneiro de 1933.



6.7. A Alemaña nazi, un réxime totalitario

Hitler aproveitou o cargo de chanceler para facerse con todo o poder do Estado alemán, forzando o sistema legal para destruír a democracia, mantendo unha aparencia de legalidade. En febreiro de 1933 produciuse o incendio do Reichstag (Parlamento), E culpouse aos comunistas de preparar un golpe de Estado. Hitler recibiu temporalmente plenos poderes ditatoriais para xestionar esta crise, aproveitando para prohibir o Partido Comunista. Días despois convocáronse novas eleccións, as últimas da república de Weimar. Os nazis lograron coa nova maioría aprobar a Lei Habilitante de 1933, que outorgaba a Hitler a capacidade para aprobar leis sen contar co Parlamento, o que abría o camiño á ditadura nazi. Prohibíronse os demais partidos políticos e sindicatos.

Con todo o poder nas súas mans, o Führer (condutor, líder) desfíxose dos rivais internos. As SA, o grupo paramilitar que axudara aos nazis a chegar ao poder, foron detidos e asasinados, na coñecida como noite dos coitelos longos. Hitler apoiaríase desde entón nun corpo similar, as Schutzstaffel ou SS, que sería como un segundo exército alemán destinado a realizar os proxectos do partido nazi, especialmente no exterminio da raza xudía nos territorios conquistados.

Enfermo e superado polos acontecementos, o Presidente Hindenburg morre en 1934, e nese momento Hitler aprópiase do título de Presidente da República, consolidando definitivamente o seu poder absoluto: xefe de Estado, xefe do Goberno e presidente do único partido legal.

Hitler consideraba un ha prioridade recuperar para Alemaña a súa pureza racial. En aplicación desta idea, ordenouse a eliminación de enfermos e discapacitados, e implantouse unha sistemática política antisemita, que se foi endurecendo co tempo:

  • En 1933, xa se prohibira aos xudeus exercer moitas profesións, como a medicina ou a ensinanza.
  • En 1935, as leis de Núremberg prohibiron os matrimonios entre xudeus e arios, establecendo certos grados de pureza.
  • En 1938, durante a noite dos cristais rotos, decenas de xudeus foron asasinados e 26.000 foron encerrados en campos de concentración, para illalos da sociedade.
A partir de 1941, durante a Segunda Guerra Mundial, comezaría o exterminio sistemático de millóns de xudeus, como veremos noutro tema.








COMENTARIO DE TEXTO

Le con atención este texto, e comenta os seus contidos e o contexto histórico segundo os contidos deste tema:

O Goberno dixo que había que entregarllo todo, e comezaron a humillar a meu pai. Meu pai dixo: teño fillos, teño unha familia. (Pero dixeron que...) todos iríamos á granxa colectiva (kolkhoz), e que íamos estar mellor. Dixéronlle a meu pai que baixara as campás da igrexa. Meu pai dixo: “eu non as subín e non vou baixalas”. Así que o golpearon e levárono a un calabozo de detención. Nos non o vimos por máis de dúas semanas, e cando chegou á casa, el morreu de súpeto. Cando se colleitaba o trigo ou o centeo, utilizaban máquinas para iso, e deixaban os tallos. Así que miña nai, no seu camiño á casa, recolleu algúns tallos para cociñar algo. Unha brigada tomou os tallos e golpeou despois a miña nai. Cando chegou á casa deitouse na cama, e nunca se levantou de novo. Non sei canto tempo quedou alí, pero así foi como morreu.

María Martyniuk, supervivente da vila de Khyzhychi. 17 de xullo de 2008, Toronto

Comments