TEMA 07. A SEGUNDA GUERRA MUNDIAL - 4ºESO (pdf)
Tema 7. A
Segunda Guerra Mundial
7.1.
As causas e o detonante da guerra
Os
tratados de paz da I Guerra Mundial deixaran prostrados os países vencidos.
Alemaña, que co Tratado de Versalles
perdera parte do seu territorio, viu tamén como a súa economía era embargada
para satisfacer os países vencedores, o que facía practicamente imposible que
se recuperase. Esta situación xerou un clima de resentimento cara aos vencedores, do que se nutriu un incipiente
nacionalismo extremista alemán.
Por
outra banda, a Gran Depresión da
década de 1930 sumiu moitos países nunha terrible crise. As solucións extremas
(comunismo ou nazismo) presentábanse como as únicas saídas. Nesas
circunstancias, a debilidade dos países democráticos e da Sociedade de Nacións
mostrou un pacifismo ineficaz na práctica e tolerou o expansionismo e o rearmamento de Alemaña.
En
1933, Hitler puxo en marcha o seu programa político baseado no panxermanismo (unificación dos
territorios de lingua alemá), e o rexeitamento do Tratado de Versalles. Alemaña
abandonou nese ano a Sociedade de Nacións e en 1936 recuperou o Sarre e remilitarizou
Renania, rompendo as condicións de Versalles. Italia invadiu Etiopía en 1935, e reorientou a súa política cara á
colaboración coa Alemaña nazi, disposta a recoñecer as súas conquistas. En
Asia, Xapón ocupou Manchuria en
1931, continuando coa expansión do imperio xaponés iniciada a finais do s. XIX.
As
relacións entre Italia e Alemaña fortalecéronse cando en xullo de 1936 se
iniciou a guerra civil española e ambas potencias apoiaron ao bando nacional.
En outubro dese ano formaron o chamado Eixe
Berlín-Roma. En novembro, Hitler asinaba tamén con Xapón o Pacto
Antikomintern contra a URSS, ao que máis tarde se uniu Italia. O Eixe quedaba
así ampliado a Berlín-Roma-Tokio.
Cos
seus novos apoios, Hitler aumentou a expansión militar. En 1938 realizou a anexión de Austria ao Estado alemán, e
máis tarde ocupou a rexión checoslovaca dos Sudetes, poboada por alemáns. O primeiro ministro británico, N.
Chamberlain, seguiu unha política de “pacificación”,
é dicir, cedeu ante as agresións de Hitler na Conferencia de Múnic, onde ambos se reuniron, esperando que con
isto se ía dar por satisfeito. Pouco despois, o exército alemán, xa dentro das
fronteiras, invadiu por completo
Checoslovaquia, coa pasividade de Gran Bretaña e Francia.
O
seguinte paso nas ambicións de Hitler era Polonia. Alemaña nunca aceptara a
perda dos territorios polacos que dominara durante máis de cen anos,
especialmente a creación do corredor de Danzig, que partía en dous Alemaña.
Pero Polonia estaba ben protexida, grazas á alianza con Francia en Gran
Bretaña, que garantía a súa independencia.
Para
preparar a invasión, Hitler aliouse con Stalin, xa que Rusia tamén dominara
gran parte do territorio polaco, e ambos firmaron en 1939 un Pacto de Non Agresión, polo que ambos
países repartían en segredo Polonia entre eles. Hitler quería contar, se era
atacado por británicos e franceses, a neutralidade da URSS, para non loitar en
dúas frontes. Cando se coñeceu esta alianza entre dous inimigos ideolóxicos
como eran, a noticia causou un bo escándalo en Europa.
O 1
de setembro de 1939, Alemaña e a URSS deron comezo á invasión. Francia e o
Reino Unido declararon a guerra a Alemaña, e a Segunda Guerra Mundial daba
comezo.
7.2.
A ofensiva do Eixe (1939-1941)
Alemaña
invadiu Polonia en só un mes. Francia iniciou, con axuda británica, unha
ofensiva no Sarre, pero fracasou. A URSS, pola súa parte, aproveitou a
conxuntura para atacar Finlandia en novembro de 1939, pero topou coa
resistencia do exército finlandés.
A
continuación, en abril de 1940, Alemaña comezou unha impresionante cadea de
invasións aproveitando a velocidade das súas columnas de tanques, que desbordou
os exércitos dos seus inimigos e deixounos rendidos en cuestión de semanas ou
mesmo de días. Esta nova concepción da guerra, posible grazas á motorización do
exército, coñeceuse como blitzkrieg (guerra lóstrego). Comezou coa invasión
de Dinamarca e Noruega, para pasar inmediatamente a conquistar os Países Baixos e Bélxica. Desde aí, preparou unha grande ofensiva sobre Francia. Os británicos e franceses non
puideron facer fronte ao potente exército alemán, retirándose precipitadamente
e permitindo así a entrada en París das tropas alemás. O propio Hitler pasearía
días despois polas rúas de París, mentres que o Sur do país e as colonias
quedaron baixo o goberno do xeneral Pétain, obediente aos nazis, con capital en
Vichy (a chamada Francia de Vichy).
O
Reino Unido quedaba así só frote aos alemáns, e foron o seguinte obxectivo.
Posto que a frota británica era moi superior á alemá, Hitler propúxose dominar
o espazo aéreo para controlar o canal da Manga o tempo suficiente como
para que o cruzasen as tropas alemás.
Entre xuño de 1940 e xuño de 1941 produciuse a batalla de Inglaterra, en que esta foi sometida a un continuo
ataque aéreo. Ante a efectividade dos avións de caza británicos e do radar, os
alemáns responderon bombardeando as principais cidades; porén, Inglaterra
logrou frear o avance nazi.
Nesta
situación de dominio continental case absoluto, e vendo a debilidade do
exército soviético, Hitler decidiu romper a súa alianza con Stalin no verán de
1941, iniciando a invasión da URSS,
na chamada “operación Barbarossa”.
Recordemos que unha das ideas clave do nazismo era ocupar o “espazo vital” al
Leste de Europa, dominando aos pobos eslavos e atacando ademais o comunismo
soviético. O obxectivo era ocupar antes do inverno Leningrado, Moscova e Kiev
para obter os cereais ucraínos e o petróleo do Cáucaso, imprescindible para
manter o avance dos vehículos militares. Pero a operación Barbarossa retrasouse
demasiado, e a chegada dun inverno especialmente duro conxelou os tanques e os
soldados alemáns, que se viron obrigados a retirarse polo momento e planear un
novo ataque o ano seguinte.
Mentres tanto, no Pacífico... Xapón continuaba a súa expansión e o dominio sobre Manchuria, Corea e outros territorios, cun exército moi poderoso dirixido polo xeneral Tojo. A crueldade dos militares nipóns era ben coñecida por feitos como a masacre de Nanking (1937), que horrorizou á opinión pública. O avance xaponés en Asia foi castigado por Estados Unidos co bloqueo do comercio de petróleo. Xapón atopábase nunha situación difícil, e decidiu conquistar Indonesia para dispoñer de petróleo propio. Para evitar unha resposta estadounidense, os xaponeses realizaron previamente un ataque aéreo na base militar de Pearl Harbor (Hawaii). Como era de esperar, este ataque tivo como consecuencia a entrada de Estados Unidos na II Guerra Mundial no bando aliado.
7.3.
A vitoria aliada (1942-1945)
O
ano 1942 foi decisivo para o
desenlace da guerra. O pulo do Eixe durou ata a primavera de ese ano, pero a
partir de entón foron os aliados quen comezaron a levar a iniciativa coas súas
ofensivas:
●
Na batalla de Midway,
Xapón tomou a illa de Midway, onde se enfrontaron as frotas nipoa e
estadounidense. A vitoria norteamericana igualou as forzas navais neste océano.
●
A batalla de El
Alamein, en outubro, rematou coa vitoria do británico Montgomery sobre o
exército alemán de Rommel no norte de África, poñendo fin ás aspiracións nazis
de controlar o estratéxico Canal de Suez. O Afrika Korps rendeuse finalmente
meses despois.
●
A gran derrota dos alemáns tivo lugar na batalla de Stalingrado, coa gran contraofensiva do Exército
Vermello soviético. A partir deste momento, a guerra no Leste de Europa cambio
de rumbo: a ofensiva alemá detívose e os soviéticos iniciaron avances cara a
occidente.
Xa en 1943, Rusia derrotou en agosto ao
exército alemán na batalla de Kursk,
a partir da cal se produce unha retirada acelerada cara o Oeste. Co norte de África
xa pacificado, os aliados iniciaron nese verán a invasión de Italia polo Sur, desde Sicilia. O rei depuxo a
Mussolini, pero os alemáns aínda puideron rescatalo e defender o Norte de
Italia. No Pacífico, as forzas aliadas frearon o avance xaponés na batalla de Guadalcanal, en febreiro de
1943, e iniciaron un ataque coa táctica de “saltos de ra” do xeneral MacArthur.
Esta táctica buscaba dous obxectivos: avanzar creando bases militares que á súa
vez permitisen o seguinte “salto”, e illar as bases inimigas que, sen
subministracións, resultaban inoperantes.
As ofensivas
finais dos aliados producíronse a partir de 1944, ano en que tivo lugar o decisivo desembarco en Normandía, nas costas francesas, coordinado polo
xeneral estadounidense Eisenhower. A intención era abrir unha fronte no oeste
para chegar a Alemaña antes ca os rusos. Lograron romper as defensas alemás e
liberaron París o 26 de agosto de 1944. Os alemáns intentaron un último ataque
desesperado na batalla das Ardenas, en decembro, pero fracasaron. Ademais, os
aliados continuaron os bombardeos
masivos contra as cidades alemás, que causaron a morte de miles de civís; o
caso máis significativo foi a cidade de Dresde, con máis de 150.000 mortos en
dous días (equivalente ás dúas bombas atómicas sobre Xapón xuntas).
Os soviéticos
lanzaron unha última ofensiva e ocuparon
Berlín en abril de 1945. Hitler suicidouse e en maio Alemaña rendeuse.
Mussolini foi executado ese ano. A guerra en Europa remataba o 8 de maio.
A guerra no Pacífico prolongouse aínda uns meses. Estados Unidos seguiu o seu avance ocupando, á custa de numerosas baixas, as illas de Iwo Jima (febreiro de 1945) e Okinawa (abril de 1945). Acabar axiña coa guerra para evitar baixas foi o argumento que deu o presidente estadounidense Harry Truman para ordenar o lanzamento de bombas atómicas sobre as cidades xaponesas de Hiroshima e Nagasaki o 6 e o 9 de agosto de 1945. Xapón asinou a rendición incondicional o 2 de setembro. Así concluía a II Guerra Mundial.
7.4.
O Holocausto
A
faceta máis radical da política racial nazi foi o Holocausto ou a Shoah, que
foi o exterminio premeditado, planificado, documentado e sistemático das
comunidades xudías do III Reich, entre outras minorías étnicas e grupos
perseguidos pola súa ideoloxía política.
Como
xa vimos, na “noite dos cristais rotos” de 1938 produciuse unha persecución dos
xudíos alemáns, sendo recluídos miles deles en campos de concentración. O ano
seguinte, a invasión de Polonia,
onde vivían uns tres millóns de xudeus, marcou unha nova escalada na violencia
antisemita. As autoridades nazis promoveron unha nova forma de reclusión para
os xudeus e craron os guetos, que
eran os barrios das cidades onde se obrigada a concentrarse á poboación xudía,
someténdoa a unhas condicións extremas de pobreza e desabastecemento. Os guetos
principais (Łódź, Varsovia e Cracovia) encontrábanse en Polonia.
No
verán de 1941, coa invasión alemá da URSS, onde tamén vivían millóns de xudeus,
entrouse na fase máis brutal do xenocidio. As autoridades nazis consideraron
que había que eliminalos a medida que se conquistaba o territorio ruso, para o
que se crearon os escuadróns chamados Einsatzgruppen.
Ata o fin da guerra, o número de fusilados rondaba os dous millóns, máis da
metade dos cales eran xudeus. Os prisioneiros eran obrigados a cavar as fosas
onde serían fusilados e amontoados masivamente.
Pero
esta escalada de brutalidade non permitía levar a cabo os plans nazis de
exterminio total da poboación xudía. Os pelotóns de fusilamento estaban a
sufrir un desgaste psicolóxico progresivo, e por outra banda a poboación xudía recluída
en guetos e campos de concentración estaba a piques de desbordar os límites de
capacidade. Xurdiu entón a cuestión de que facer con toda esa poboación antes
de que fose imposible seguir adiante. Entre outras ideas, considerouse deportar
os xudeus en barcos a Madagascar. Pero xa se puxera a proba un novo sistema de
exterminio sen derrama de sangue: o envelenamento
con gas, primeiro en camións aproveitando os fumes do escape. En decembro
de 1941, 900 presos soviéticos foron gaseados nos sotos do campo de
concentración de Auschwitz cun novo produto, un pesticida a base de cianuro
chamado “Ziklon B”. Este macabro
experimento amosou ser unha solución ideal para a eliminación masiva de
prisioneiros, e transformaría os campos de concentración en verdadeiros campos de exterminio.
En xaneiro de 1942 celebrouse a Conferencia de Wannsee, na que os membros máis destacados das SS estableceron oficialmente o que chamaron a “Solución Final”, que consistiría na instalación de numerosos campos de exterminio equipados con cámaras de gas. Os máis terribles, e situados en Polonia, foron os de Sobibor, Treblinka, Belzec, Majdanek, Chelmno e Auschwitz, sendo este último o de máis sona hoxe por conservar en bo estado moitas das instalacións e documentación, de xeito que se pode visitar como museo do Holocausto. Nel foron asasinados máis dun millón de xudeus e tres mil xitanos, ademais de levarse a cabo nel terribles experimentos xenéticos polo infame doutor Josef Mengele.
7.5.
A organización da paz
Os
aliados, desde 1941, empezaron a discutir sobre como debería ser a orde
internacional posterior á guerra para lograr unha paz duradeira. Ao longo da guerra,
os aliados reuníronse en distintas conferencias para definir a estratexia a
seguir. As más importantes tiveron lugar en Ialta e Potsdam.
A Conferencia de Ialta (febreiro de
1945), reuniu a Stalin, Roosevelt e Churchill, que acordaron:
● Dividir Alemaña en zonas de
ocupación.
● Crear unha comisión para
establecer as indemnizacións a pagar por Alemaña.
● Conceder o Leste de Polonia e
os países bálticos a Stalin, quen se comprometeu a celebrar alí eleccións
libres, aínda que non se levou a cabo finalmente.
Na Conferencia de Potsdam (Alemaña, xullo
de 1945) reuníronse Clement Attlee, que substituíu a Churchill como primeiro
ministro británico; Harry Truman, o novo presidente de EE. UU.; e Stalin. Aínda
que os fortes desacordos entre os aliados empezaron a evidenciarse, adoptáronse
decisións importantes:
● División de Alemaña en catro zonas, cada unha administrada por un dos
vencedores (EE. UU., URSS, Reino Unido, Francia). Berlín tamén sería dividida en catro zonas pola súa importancia
como capital, aínda que quedase na zona soviética do reparto do país.
● “Desnazificación” de Alemaña, xulgando os principais responsables do
Holocausto (xuízos de Nüremberg).
● Desprazamento das fronteiras de Polonia: Stalin anexionou a franxa
Leste de Polonia, e a poboación polaca destes territorios recibiron outros nas
antigas rexións alemás de Silesia e Pomerania, o que provocou o seu
desprazamento masivo.
Paralelamente,
e ante o fracaso que supuxera a Sociedade de Nacións, incapaz de ter evitado a
II Guerra Mundial, construíuse un novo proxecto, a Organización das Nacións Unidas (ONU), fundada na Conferencia de San Francisco de 1945. A ONU
recolle catro obxectivos:
- Manter a paz e a seguridade internacional.
- Fomentar a libre determinación dos pobos
(independencia das colonias).
- Defender os dereitos das persoas (Declaración
dos Dereitos Humanos).
- Facilitar a cooperación pacífica entre países (organismos especializados
como a OMS, a UNESCO, etc.).
A ONU toma as decisións máis importantes no Consello de Seguridade, formado por Estados Unidos, Reino Unido, URSS, Francia e China, que teñen dereito de veto sobre os outros dez membros do consello, que son rotatorios. Todos os membros da ONU participan como integrantes da Asemblea Xeral, que só pode emitir recomendacións. A ONU conta tamén cun Secretario Xeral, elixido pola Asemblea na súa representación.
7.6.
As consecuencias da guerra
Calcúlase
que na II Guerra Mundial houbo máis de 60
millóns de mortos, uns 35 millóns de feridos e arredor de 3 millóns de
desaparecidos. Máis da metade dos falecidos foron civís. A URSS foi o país máis afectado. Ademais, a guerra provocou grandes desprazamentos de poboación como
consecuencia da liberación de prisioneiros e dos cambios de fronteiras (como xa
mencionamos no caso de Polonia).
Os superviventes
sufriron ademais os efectos morais da
guerra, tanto persoalmente como pola consciencia colectiva da crueldade que
pode acadar o ser humano. O coñecemento das grandes masacres e dos bombardeos
masivos transformou profundamente os valores éticos das nosas sociedades. Entre
outros cambios, apareceu neste momento un concepto novidoso, os chamados crimes contra a humanidade, que serían
xulgados por tribunais internacionais.
En
canto ás consecuencias económicas, destaca a creación en 1944 do Fondo Monetario Internacional (FMI) e o Banco de Reconstrución e
Desenvolvemento, que sería chamado máis tarde Banco Mundial. O seu obxectivo era axudar a reconstruír a economía
tras a guerra e configurar un novo sistema mundial que facilitase os acordos
económicos entre países.
No plano político, o equilibrio de poderes no mundo cambiou substancialmente. Europa occidental perdeu a súa hexemonía en favor de dous novos protagonistas, Estados Unidos e a URSS, cuxas relacións mutuas derivaron na Guerra Fría. A reacción das antigas potencias europeas foi iniciar o proceso de unificación de Europa, que culminaría na actual Unión Europea.
Ademais, formáronse dous bloques en Europa: a parte
occidental restableceu a democracia
parlamentaria e o sistema capitalista; mentres que en Europa oriental se
impuxeron as chamadas “democracias
populares”, ditaduras comunistas sometidas ao poder da URSS.
Comments
Post a Comment