TEMA 10. A DESCOLONIZACIÓN E O TERCEIRO MUNDO - 4ºESO (pdf)

Tema 10. A descolonización e o Terceiro Mundo

10.1. A descolonización

A partir de 1945 produciuse a descolonización, é dicir, a independencia política da maioría dos territorios que formaban parte dos imperios coloniais do XIX. As causas deste proceso son moi variadas:

*      A debilidade das metrópoles: a II Guerra Mundial demostrou ás colonias que as súas metrópoles non eran invencibles. Ademais, as colonias contribuían á guerra con recursos naturais, enviando tropas e tamén combatendo no seu territorio os inimigos da súa metrópole. Deste xeito, a guerra serviulles de escola para formar militarmente os habitantes das colonias e crear líderes populares que ían ter papeis decisivos na independencia.

*      Os movementos nacionalistas: durante o período colonial fórase formando unha elite indíxena que desenvolveu unha conciencia crítica contra a ocupación europea. Estes grupos foron elaborando un pensamento nacionalista que serviu despois para fundar os novos estados independentes.

*      O contexto internacional favorable: a ONU, seguindo os principios da súa Carta Fundacional, defendeu o dereito de autodeterminación dos pobos colonizados e reclamou a independencia das colonias. Así mesmo, as dúas superpotencias da Guerra Fría, EE. UU. e a URSS, condenaron a continuidade dos vellos imperios coloniais. Esta condena en realidade buscaba por unha banda debilitar definitivamente as potencias europeas, e por outra aliarse coas colonias para obter apoios na Guerra Fría.

O proceso da descolonización ten varias etapas, que abarcan entre 1940 e 1980. As principais rexións afectadas son obviamente as mesmas que foran ocupadas desde finais do s. XIX polos imperios europeos, é dicir, África, Asia do Sur e Sueste e Oriente Próximo, entre outras.

Non obstante, na actualidade seguen existindo certos territorios que a ONU cualifica como “territorios non autónomos”, que son os restos dos antigos imperios coloniais.



10.2. A descolonización de Asia e Oceanía

Na India británica, xa existían antes da II Guerra Mundial algúns movementos nacionalistas de base relixiosa que representaban as dúas grandes colectividades indias (hindús e musulmáns):

§  O Partido do Congreso, fundado por Jawaharlal Nehru, discípulo de Mahatma Gandhi, representaba o nacionalismo hinduísta. Defendeu a resistencia pacífica para lograr que os británicos abandonasen a India. Este partido desexaba a creación dun único Estado tras a independencia.

§  A Liga Musulmá, creada en 1906 e dirixida por Alí Jinnah, aspiraba á formación dunha nación propia para os musulmáns (o futuro Estado de Paquistán), coa participación da India.

Tras o final da guerra mundial, o Goberno británico propuxo un plan de independencia que prevía a partición da India. En 1947 a India deixou de estar baixo a soberanía británica e dividiuse en dous Estados Independentes: a India e Paquistán.

Desde a súa independencia, a India tivo un sistema político democrático e grande estabilidade política, sendo coñecida como “a maior democracia do mundo”. Paquistán quedou dividida en dúas rexións separadas por unha gran distancia, Paquistán Occidental e Paquistán Oriental. En 1971, a parte oriental proclamouse independente da occidental, adquirindo o nome de Bangladesh.

No caso de Indochina, territorio dominado no XIX polo imperio francés, os sentimentos nacionalistas intensificáronse moito despois da guerra, durante a cal foran invadidos por Xapón. Ao remate da guerra, coa retirada xaponesa, Ho Chi Minh, líder independentista de ideoloxía comunista, proclamou a independencia de Vietnam en 1945. Francia non recoñeceu esta independencia, o que provocou unha guerra ata 1954, ano en que o exército francés foi derrotado en Dien Ben Phu e tivo que asinar os Acordos de Xenebra ese mesmo ano. Francia recoñecía a independencia de Laos e Cambodia, mentres que Vietnam sería dividido en dous Estados, Vietnam do Norte e Vietnam do Sur (o que daría lugar anos despois á guerra de Vietnam que xa estudamos).



10.3. Oriente Próximo

Desde finais do século XIX, o movemento sionista aspiraba á creación dun Estado para o pobo xudeu, que estaba disperso en diversos países. En 1917 produciuse a Declaración de Balfour, en que o Reino Unido se comprometeu a favorecer a creación dun “fogar nacional xudeu en Palestina”, territorio habitado polos árabes desde o século VIII.

Tras a I Guerra Mundial, a Sociedade de Nacións concedeu o mandato sobre Palestina ao Reino Unido. A inmigración xudía a Palestina, que xa era moi numerosa, intensificouse na década de 1930, pois moitos xudeus fuxían do réxime nazi. Isto provocou o descontento da poboación árabe.

En 1947 a ONU aprobou unha resolución que establecía a retirada británica deste territorio, e a partición de Palestina en dous Estados, un xudeu e outro árabe: o 55% do territorio quedaba para os xudeus, que eran a minoría da poboación, mentres que os árabes obtiveron o 45% da terra e os seus territorios estaban fragmentados. A cidade de Xerusalén quedaba baixo control internacional.

O 14 de maio de 1948 finalizaba o mandato británico en Palestina, e o líder xudeu David Ben Gurion proclamou entón a creación do Estado de Israel. A noite seguinte, os países árabes veciños invadiron o novo Estado, desencadeando a primeira guerra árabe-israelí. Israel logrou vencer e ampliou así os seus territorios máis alá do que a ONU lle asignara, ocupando ademais a parte occidental de Xerusalén.

Este non sería o único conflito entre Israel e os países árabes; en total producíronse catro. O terceiro, acontecido en 1967 e coñecido como a Guerra dos Seis Días, supuxo a maior vitoria militar de Israel sobre os seus inimigos, aos que arrebatou numerosos territorios (Xerusalén Leste, os Altos do Golán, a península do Sinaí...). Porén, unha resolución da ONU ordenou a retirada dos mesmos. En 1978 alcanzáronse os Acordos de Camp David, que puxeron fin a estas guerras, aínda que a conflitividade e os incidentes na rexión se veñen repetindo esporadicamente.



10.4. O nacemento do Terceiro Mundo

Gran parte dos novos Estados xurdidos da descolonización pasaron a integrar o que se denominou como Terceiro Mundo, un espazo que non pertencía nin ao mundo capitalista nin ao comunista, e que se caracterizou pola inestabilidade política e o seu menor desenvolvemento. Os países do Terceiro Mundo teñen características similares:

o   Pobreza e desigualdades sociais: gran parte da poboación vive por debaixo do limiar da pobreza extrema (1,25 dólares diarios). Ao mesmo tempo, unha minoría de familias próximas ao ditador posúe inmensas fortunas.

o   Sobrepoboación: as elevadas taxas de natalidade, cunha baixa mortalidade, unidas á falta de oportunidades para emprender actividades económicas, causan un crecemento natural que o país non pode asimilar, o que ten consecuencias moi negativas e obriga a emigrar a millóns de persoas.

o   Endebedamento: os préstamos e axudas de organismos internacionais, como o FMI, en moitos casos van parar directamente ás mans dos gobernantes, sen que exista ningún tipo de control da corrupción política. Finalmente, eses préstamos fan medrar unha débeda externa que arruína as posibilidades do país de prosperar económicamente.

o   Sectores económicos atrasados: a agricultura é moi pouco produtiva e se limita a cubrir as necesidades de subsistencia da poboación. Ante este panorama, o éxodo rural imponse pola forza para moita xente. Pero na cidade non é moito mellor: a industria limítase (con sorte) a unhas poucas multinacionais estranxeiras, e o sector servizos é escaso e informal.

o   Inestabilidade política: son frecuentes as guerras civís, os conflitos fronteirizos, os golpes de Estado, as ditaduras e as violacións de dereitos humanos.

En política internacional, nun principio os países do Terceiro Mundo intentaron manterse neutrais. Estas propostas quedaron reflectidas na Conferencia de Bandung (1955), que foi a orixe do Movemento dos Países Non Aliñados, nome que procede do desexo dos novos Estados de non integrarse nin no bloque comunista nin no bloque capitalista. 

Nesta conferencia participaron 29 Estados recentemente descolonizados. Os participantes condenaron o colonialismo e a discriminación racial, recoñeceron a necesidade de promover o desenvolvemento económico e preservar a súa independencia.  Pero o proxecto fracasou, xa que os obxectivos de desenvolvemento non se cumpriron totalmente nin se mantiveron sempre distantes dos bloques. A inclusión dalgúns países claramente aliñados cunha das superpotencias, como foi o caso de Cuba, restou moita credibilidade ao movemento.


Comments