Tema 11. A formación do imperio español - 3ºESO (pdf)

Tema 11. A formación do imperio español

11.1. A aparición do Estado moderno

A finais da Idade Media, algúns reis europeos impuxéronse sobre os señores feudais do seu reino, consolidando unha monarquía autoritaria con autoridade sobre a nobreza. Concederon aos grandes nobres beneficios económicos, a cambio de aceptar a autoridade política da monarquía. Así, desde finais do s. XV e comezos do XVI consolidáronse cinco grandes monarquías en Europa:

      España: os Reis Católicos gobernaron conxuntamente Aragón e Castela, e deron paso a un imperio que abranguería diversos territorios de Europa e doutros continentes.

      Portugal: Xoán II someteu a aristocracia ao poder real e impulsou a exploración e a conquista de novas terras, que proporcionaron a Portugal numerosas riquezas.

      Francia: tras a guerra dos Cen Anos contra Inglaterra, os reis franceses unificaron a administración, atraeron a nobreza á corte e beneficiaron a burguesía para poñela da súa parte. Tamén crearon un exército permanente. Durante o reinado de Francisco I, Francia converteuse nunha potencia europea.

      Inglaterra: a guerra das Dúas Rosas levou ao trono á dinastía Tudor, que creou unha monarquía autoritaria. Con Henrique VIII fundouse a igrexa anglicana, que lle daba ao rei independencia respecto do Papado.

      Rusia: Iván III o Grande unificou o país e ampliou o reino. Máis tarde, Iván IV o Terrible adoptou o título de tsar (“César”), é dicir, emperador de Rusia.

1.                     Nomea cinco exemplos de monarquías autoritarias que aparecen na Europa de comezos do s. XVI.

 

 

 

 


 


11.2. O reinado dos Reis Católicos

En 1469 contraeron matrimonio Fernando, fillo do rei de Aragón, e Isabel, irmá do rei de Castela. Anos despois serían coñecidos como “Reis Católicos”, unha distinción que lles concedeu o Papa Alexandre VI. Ao herdar cadanseu trono, crearon unha unión dinástica, xa que as dúas Coroas pasaron á súa filla Xoana. Porén, cada Coroa mantivo as súas institucións propias durante séculos.

Para afianzar a súa autoridade, e converterse en “monarcas autoritarios”, ambos decidiron:

ÿ       Fundar en Castela a Santa Irmandade, un corpo policial formado por habitantes das cidades, para manter a orde e loitar contra o bandoleirismo nas zonas rurais.

ÿ       Crear un exército permanente e profesional, sen depender das tropas dos señores feudais.

ÿ       Reorganizar a xustiza coas chancelarías, tribunais de apelación baixo a xurisdición real.

ÿ       Nomear corrixidores nas cidades, representantes dos monarcas que supervisaban a acción política dos rexedores locais.

ÿ       Poñer en marcha un conxunto de consellos que asesoraban os monarcas nas tarefas de goberno: o Consello de Castela, o de Aragón, o de Indias, etc.

ÿ       Reorganizar a Facenda para aumentar os ingresos da Coroa.

2.                    A unión de Coroas de Castela e Aragón foi só unha unión dinástica, xa que cada territorio …

3.                    Como se chaman os enviados dos reis para controlar o goberno das cidades?

4.                   Cal foi o corpo de “policía” creado para manter a orde no rural de Castela no s. XV?

Tamén perseguiron a unificación relixiosa. En 1478, o Papa autorizou a creación en España da Inquisición, tribunal eclesiástico que perseguía a herexía. Usouse sobre todo contra falsos conversos, antigos xudeus que seguían a profesar o xudaísmo en segredo (“xudaizantes”). Pero a Inquisición non tiña xurisdición sobre os non cristiáns; por iso en 1492 se decretou a conversión forzosa dos xudeus. Miles de xudeus preferiron emigrar a outras partes de Europa, onde se lles coñeceu como sefardís. Despois da conquista de Granada, a poboación musulmá dese reino foi obrigada a converterse. Esta poboación, oficialmente cristiá pero que mantiña moitos hábitos culturais musulmáns, coñécese como “mouriscos”.

5.                    Que nome recibían os antigos xudeus que seguían a practicar en segredo o xudaísmo?

En 1492 remata a conquista de Granada, o último reino musulmán da península, que pasou á Coroa de Castela. Pouco despois fundouse Melilla e outras prazas militares defensivas no Norte de África, e en 1496 conclúe a conquista das illas Canarias. O reino italiano de Nápoles foi integrado na Coroa de Aragón, e en 1512, unha vez falecida Isabel, Fernando incorporou o reino de Navarra dentro da Coroa de Castela.

Ademais, os Reis Católicos aplicaron unha política de alianzas matrimoniais con outros Estados europeos para lograr a futura unión con Portugal e para aliarse cos inimigos de Francia, a súa gran rival europea.

6.                    Indica cinco territorios conquistados polos Reis Católicos no seu reinado.

7.                    Que dous obxectivos tiña a política matrimonial seguida polos Reis Católicos?



11.3. O imperio español: os problemas internos

En 1516, Carlos I, fillo de Xoana a Louca e Filipe o Fermoso, e neto por tanto dos Reis Católicos, herdou o trono español e pouco despois o título de emperador alemán (co nome de Carlos V) e extensos territorios europeos por parte dos pais de Filipe. Con esta herdanza, Carlos pretendeu unificar a cristiandade europea nun só Estado, revivindo o extinto Imperio romano, aínda que atopou diversas frontes de resistencia que o fixeron fracasar nese intento.

Dentro de España, Carlos I tamén tivo problemas internos. Nacido en Flandres, onde se atopaba Xoana, á súa chegada a España falaba mal o castelán e situou no goberno a conselleiros estranxeiros. Ademais, para pagar a súa elección como emperador solicitou diñeiro ás Cortes castelás, partindo en 1520 da Coruña para ser coroado en Alemaña. Todos estes agravios provocaron a revolta das Comunidades (1520), en que os burgueses de varias cidades se levantaron en armas ata 1521, cando foron derrotados militarmente e os seus líderes foron executados. De forma paralela, na Coroa de Aragón estalaron revoltas populares contra a nobreza, chamadas Xermanías. O rei, coa axuda dos nobres, conseguiu esmagar igualmente estas rebelións.

8.     Que finalidade tiñan os cartos que Carlos I pediu ás Cortes (na Coruña) en 1520?

En 1556, Carlos I abdicou e dividiu as súas posesións: cedeu o título de emperador e os seus territorios austríacos ao seu irmán Fernando e entregou as restantes posesións ao seu fillo Filipe. Ademais, Filipe II herdou en 1580 a Coroa de Portugal e os seus dominios en África, Asia e Brasil.

O imperio de Filipe II coñécese como “Monarquía Hispánica”, e foi con diferencia o máis poderoso da súa época; un imperio “onde nunca se pon o Sol”, xa que abarcaba territorios nos cinco continentes. O monarca gobernábao desde a vila castelá de Madrid, onde fixou a sede do Goberno e a administración desde 1565. Nesa cidade edificou o mosteiro de San Lourenzo do Escorial, que servía de palacio real

Como o Concilio de Trento non conseguiu reconciliar aos protestantes coa Igrexa católica, Filipe converteuse no defensor do catolicismo fronte a ameazas exteriores. Reforzou o papel da Inquisición, que agora perseguiría tamén calquera brote de protestantismo ou a circulación de libros e persoas desde territorios protestantes.

Tamén fixo fronte ao avance do islam cara a Europa. Os mouriscos granadinos, que foran oficialmente convertidos en 1502, conservaban na práctica moito da súa cultura e mesmo a relixión musulmás. Esta poboación era rexeitada polos seus veciños cristiáns, tanto polos seus hábitos de vida como pola sospeita de colaborar co Imperio otomán na súa expansión mediterránea. O monarca aplicou en 1567 unha prohibición estrita deses hábitos culturais e relixiosos, e o ano seguinte estalou unha cruenta sublevación dos mouriscos en Granada. Esta rebelión tivo que ser reprimida con dureza, sendo miles deles deportados a diversas partes de Castela. A zona foi máis tarde repoboada por cristiáns, procedentes, entre outros lugares, de Galicia.

9.     Que novidade presenta a Inquisición a partir de 1542?

 


11.4. Os problemas exteriores

O avance do Imperio turco otomán supuxo unha dobre ameaza en tempos de Carlos I. Por unha banda trataron de avanzar cara a Alemaña, poñendo en perigo a cidade de Viena, que estivo a piques de caer; por outra, o Mediterráneo foi continuamente atacado por piratas berberiscos, aliados dos otománs, que atacaban as costas, secuestrando e escravizando a poboación capturada. Por iso, Carlos I conquistou Tunes, continuando a creación de prazas estratéxicas no Norte de África, para frear estes ataques.

Os turcos seguiron a ser unha ameaza no reinado de Filipe II. En 1570 conquistaron Tunes e Chipre. España, Venecia e o Papado asinaron a Santa Alianza, que venceu os turcos na batalla de Lepanto de 1571, a cal freou os avances otománs en territorio cristián.

10.   Que praza militar do Norte de África conquistou Carlos V na súa loita contra a piratería musulmá?

11.    Que batalla gañou Felipe II contra a hexemonía turca no Mediterráneo oriental?

O calvinismo estendérase polos Países Baixos, e provocou conflitos coa política de Filipe II, defensora do catolicismo, sobre todo a partir de 1567. En 1568, as provincias do norte, lideradas por Guillerme de Orange, declaráronse independentes co nome de Provincias Unidas. Isto deu lugar a unha guerra pola independencia deses territorios da Coroa española, que se había lograr despois de 80 anos de enfrontamentos armados.

12.   Que nome reciben os territorios dos Países Baixos que se rebelan contra Felipe II, baixo o liderado de Guillerme de Orange?

En Inglaterra, desde a chegada ao trono de Isabel I en 1558, as relacións entre España e Inglaterra empeoraron. O apoio inglés aos rebeldes dos Países Baixos, a persecución dos católicos ingleses e a piratería contra o comercio español con América levaron a Filipe II a enviar en 1588 a Gran Armada, coñecida despois como Armada Invencible, unha enorme flota que partindo de Lisboa debía recoller os terzos españois nos Países Baixos e dirixirse con eles cara a Londres para destronar a Isabel I. As condicións meteorolóxicas non permitiron realizar estas manobras, e os barcos españois, perseguidos polos ingleses, deberon rodear as illas británicas e volver a porto, naufragando decenas deles polo camiño.

O ano seguinte, Isabel I dirixiu como represalia unha “Contraarmada”, que debía esnaquizar o resto da frota nos portos españois e saquear as cidades costeiras, especialmente A Coruña e Lisboa, e outras vilas como Vigo. Pero esta campaña tamén resultou un fracaso, destacando a heroica resistencia da coruñesa María Pita, unha humilde muller de orixe campesiña que tomou as armas e dirixiu a loita contra os invasores. O propio Filipe II, coñecedor da fazaña, concedeu a María o título de “soldado avantaxado” e unha xenerosa pensión de por vida.

13.   Con que alcume se coñece a Grande Armada, que tentou de invadir Inglaterra en 1588?



11.5. A conquista de América

A comezos do s. XVI, os españois só ocuparan as grandes illas do Caribe (A Española, Cuba) onde crearan xa algunhas facendas agrícolas. Ao mesmo tempo, novas expedicións lanzáronse a buscar tanto un paso cara a India (que aínda non se atopara) como novos territorios que ofrecesen riquezas aos seus ocupantes. Estas campañas eran dirixidas por iniciativa de particulares, chamados “adiantados”, que asinaban unha capitulación de conquista co rei, pola cal se encargaban de financiar todos os gastos da expedición a cambio de obter beneficios económicos dos territorios que conquistasen. Eses territorios pasarían así ao dominio da Coroa de Castela.

Organizáronse así numerosas expedicións, entre as que destacan as de Cortés e Pizarro. En 1518, o estremeño Hernán Cortés partiu en segredo de Cuba con 400 homes, fundando a cidade de Veracruz para obter dese xeito o dereito de conquistar novos territorios no continente pola súa conta. Facendo aliados entre os pobos da rexión, emprendeu o camiño cara a Tenochtitlán, onde foi recibido polo emperador Moctezuma II, a quen logo capturou prisioneiro para gobernar a cidade por medio da súa persoa. Unha rebelión de nobres mexicas contra Moctezuma e os españois obrigoulles a fuxir (a Noite Triste), pero un ano despois Cortés e os aliados indíxenas organizaron o asedio definitivo da capital Mexica, que daría lugar á Nova España, un vicerreinado que iría sendo ampliado en décadas posteriores.

Francisco Pizarro organizou anos despois a conquista do imperio inca. Igual que fixera Cortés, aproveitou a inimizade dos pobos sometidos polos incas e os problemas internos dos dous aspirantes ao trono, os irmáns Atahualpa e Huáscar. En 1532, Pizarro logrou cunha asombrosa manobra capturar a Atahualpa, que sería apresado e máis tarde executado. O ano seguinte, os conquistadores tomaron Cuzco, a capital inca, e en 1535 fundaron a cidade de Lima, que sería a capital do vicerreinado do Perú. Pero o dominio do enorme territorio inca levaría moitos anos en completarse xa que o relevo e a extensión do territorio permitiu a resistencia de certos grupos nas montañas.

14.   Resume nun esquema os dous principais conquistadores españois, os territorios que fundaron e a capital de cada un.



11.6. A economía do imperio

A comezos do s. XVI, Castela era o principal soporte económico da Monarquía Hispánica. A agricultura e a artesanía prosperaron notablemente. Con todo, o comercio foi a actividade económica que experimentou un maior auxe, debido en gran medida ao monopolio comercial co imperio colonial e á chegada de metais preciosos desde América. Todo o comercio americano pasaba por Sevilla, que se converteu nunha das cidades máis importantes a nivel mundial. Outros portos do Cantábrico, como Bilbao, mantiveron tamén un destacado tráfico comercial con Europa.

A chegada de metais preciosos de América provocou un exceso de diñeiro en circulación, é dicir, unha inflación monetaria, que deu lugar a un constante encarecemento de todos os produtos. Algúns historiadores aducen outros factores complementarios, como pode ser o crecemento da poboación e o conseguinte aumento da demanda de produtos. Sexa como fose, a situación foi tan acusada na época que recibe o nome de revolución dos prezos. Esta inflación non se limitou á Monarquía Hispánica, senón que foi pasando ao resto de Europa mediante o comercio que mantiña coa península ibérica e indirectamente con América.

15.   Que porto obtén en 1503 o privilexio do monopolio comercial entre a península e América?

16.   Como se coñece o proceso de inflación que tivo lugar no s. XVI en Castela, afectando ao resto de Europa?

Comments