Tema 12. A Europa do Barroco - 3ºESO (pdf)
12.4. A revolución científica
A importancia que os humanistas concederon á razón converteuse no fundamento do desenvolvemento da ciencia no século XVII. Os pensadores desta época sosteñan que a verdade podía alcanzarse a través do uso da razón (racionalismo) e da experimentación (empirismo). O principal representante do racionalismo foi o francés René Descartes, e o do empirismo foi o inglés Francis Bacon.
No século XVII desenvolveuse o método científico, que segue usándose na actualidade. Este método implica a formulación dunha hipótese, a súa comprobación mediante o contraste coa realidade (ensaios, experimientos...) e a confirmación, rexeitamento ou reformulación a partir dos resultados.
Algunhas universidades mostráronse remisas a aplicar os novos métodos de traballo científico. Xurdiron, en cambio, novas institucións que promoveron as investigacións e difundiron os descubrimentos. Destacaron a Royal Society de Londres, o Real Observatorio Astronómico de Greenwich e a Academia de Ciencias de París. Os membros destas institucións reuníanse periodicamente para realizar experimentos e intercambiar coñecementos sobre temas científicos. Tamén adoitaban publicar as conclusións en boletíns e revistas especializadas.
Tamén se produciron avances notables en astronomía, física, matemáticas, medicina... , destacando os seguintes:
- Galileo Galilei: reafirmou a teoría heliocéntrica que formulara Copérnico, usando o telescopio que el mesmo perfeccionou. Descubriu os satélites de Xúpiter, as manchas solares e as rugosidades da superficie lunar. A Inquisición romana acusouno de herexe e obrigouno a retractarse.
- Isaac Newton: formulou a lei da gravitación universal, que explicaba o movemento dos planetas no universo. Realizou tamén descubrimentos no campo das matemáticas (binomio de Newton), da óptica (descubriu que a luz branca é o resultado dunha mestura de cores) e a mecánica.
- Johannes Kepler: formulou as leis do movemento dos planetas e introduciu a linguaxe matemática na astronomía.
- Edmond Halley: estudou as órbitas do que, na súa época, se cría que eran varios cometas e descubriu que se trataba dun só, o que na actualidade leva o seu nome. Halley preveu o regreso deste cometa para o ano 1758.
- Robert Boyle: avanzou no coñecemento do baleiro e o comportamento dos gases. Descubriu a necesidade do aire para a combustión e definiu os elementos químicos.
- Evangelista Torricelli: demostrou a existencia dda presión atmosférica mediante a construción do barómetro de mercurio.
- Blaise Pascal: demosrou a variación da presión atmosférica en función da altitude e sentou as bases do cálculo de probabilidades. En 1642 inventou unha máquina calculadora que sumaba e restaba números de ata sete cifras.
- Gottfried Wilhelm Leibniz: desenvolveu o cálculo infinitesimal e inventou unha máquina capaz de sumar, restar, multiplicar e dividir, pero que era moi difícil de construír.
- Marcello Malpighi: o uso do microscopio permitiulle estudar con detalle os tecidos animais e avanzar no coñecemento da reprodución.
- Antonie van Leuwenhoek: construíu os seus propios microscopios, o que lle permitiu descubrir os glóbulos vermellos e as bacterias.
- William Harvey: descubriu a circulación do sangue e o papel que desempeñan nel o corazón, as veas e as arterias, a partir de diseccións de animais.
Comments
Post a Comment