TEMA 1: A ORGANIZACIÓN POLÍTICA DO MUNDO - 3ºESO (pdf)
Tema 1. A organización política do
mundo
1.1.
Os Estados actuais
O
Estado é o conxunto de institucións creadas para organizar a vida e a
actividade da poboación ou persoas que viven nun mesmo territorio
e que están gobernadas por unhas mesmas leis baixo un mesmo poder.
A
poboación do Estado que desfruta da súa cidadanía posúe unha serie de dereitos
e obrigas iguais para todas elas. É moi frecuente que un mesmo Estado englobe
persoas de distintas culturas e orixes, polo que certas partes do Estado poden
gozar dunha certa autonomía para administrarse e gobernarse.
O
territorio estatal adoita estar ben delimitado por unhas fronteiras que
permiten distinguilo doutros Estados e dos seus territorios. Máis alá desas
fronteiras, cada Estado non pode adoptar decisións nin impolas pola forza. Se
estas regras non se respectan, prodúcense conflitos entre os Estados.
O
poder do Estado maniféstase mediante as súas institucións (como poden ser os
Ministerios, os concellos, os corpos de seguridade, e moitos outros); as leis
que regulan as relacións sociais; e unha serie de símbolos que o identifican de
cara á súa poboación e ao estranxeiro (bandeira, escudo, himno, etc.).
Na
actualidade existen no mundo uns 200 Estados recoñecidos mutuamente, que
presentan características moi diversas. Cando un Estado non chega a impoñer o
seu poder de xeito efectivo en todos os puntos do seu territorio, poden xurdir “baleiros
de poder”, que fan medrar as ameazas para a súa existencia, como bandas
organizadas, mafias... Nestes casos podemos falar de “Estados frustrados”.
Por
outra banda, o Estado para a súa subsistencia necesita recadar impostos aos
seus cidadáns. Nos Estados actuais, financia infraestruturas de transporte,
servizos sanitarios, educativos, subsidios de desemprego e de xubilación... No
s. XX, os países máis desenvolvidos comezaron a coñecer este sistema de
servizos como o “Estado de benestar”.
1.
Como chamamos a un Estado
que non consegue impoñer o seu poder de forma efectiva?
2.
Cando comezan a aparecer
os primeiros Estados do benestar?
3.
Como se chaman os cartos
que concede o Estado a algunhas persoas ou grupos que os necesitan por varias
razóns?
1.2. Os Estados segundo a súa organización política
O
réxime político dos Estados pode ser moi diverso. Os Estados democráticos son
aqueles nos que os gobernantes se someten ás leis elixidas libremente pola
poboación, é dicir que existe o chamado “Imperio da Lei”. A Lei suprema
en moitas democracias é a Constitución, que define a forma do Estado, as
súas institucións e outras cuestións fundamentais, condicionando ademais o
resto das leis, que deben concordar cos seus principios.
Os
Estados democráticos respectan a chamada “separación de poderes”, para que
ningunha institución acapare todo o poder:
·
O poder lexislativo consiste na capacidade de elaborar
e aprobar as leis, e reside no Parlamento elixido por sufraxio
universal (cos votos de toda a poboación que acade a idade necesaria).
·
O poder executivo é exercido polo Goberno (Consello
de Ministros), e consiste na toma de decisións para a condución do Estado,
dentro dos marxes da lei.
·
O poder xudicial reside nos tribunais de
xustiza, e permítelles determinar se en certos casos se compren (ou non) as
leis, tomando as medidas necesarias no caso de que así sexa.
Cando
os gobernantes dun Estado acaparan todo o poder e se perpetúan nel sen cedelo a
novos candidatos, falamos de ditaduras. Porén, non todas as ditaduras se
manifestan claramente como tales, xa que en moitos casos se “camuflan” como falsas
democracias ou ditaduras encubertas. Neses casos, poden aparecer certos
elementos que fan pensar, erradamente, que se trata de democracias: eleccións
amañadas, opositores que desaparecen “misteriosamente”, etc.
Distinguimos
entre monarquías e repúblicas, segundo o Xefe do Estado sexa un Rei ou non. Hai
dous tipos de monarquías:
·
Monarquía constitucional: o Rei elixe directamente ao Xefe do
Goberno (Presidente, Primeiro Ministro). Por exemplo, Marrocos.
·
Monarquía parlamentaria: o Parlamento elixido
democraticamente é o encargado de elixir o xefe do Goberno, como é o caso de
España.
No
caso das repúblicas, hai tamén unha dobre división:
·
República presidencialista: o Xefe do Estado é elixido
directamente pola poboación, como ocorre en Francia ou Estados Unidos.
·
República parlamentaria: o Xefe do Estado é elixido polos
membros do Parlamento. Alemaña é un bo exemplo deste sistema.
En
canto á relixión e a súa importancia no Estado, podemos falar de Estados
laicos (separación entre poder relixioso e político); Estados
confesionais (hai unha relixión apoiada polo poder político, aínda que se
toleran outras); Estados teocráticos (gobernados polas leis da relixión
oficial, que se convirte en obrigatoria para os cidadáns).
4.
Como chamamos á idea de
que os homes están sometidos ás leis?
5.
Indica que tipos de
monarquías e de repúblicas existen, con algún exemplo de cada un.
1.3.
A cooperación entre os Estados
Para
facilitar as súas relacións, os Estados asinan tratados, pactos e
convenios. Son documentos nos que se comprometen a realizar certas
accións (comerciais, militares, educativas...). Porén, destes acordos poden
xurdir conflitos: así, en 2005, millóns de pezas de roupa procedentes de
China foron bloqueadas nas fronteiras da UE porque vulneraban os tratados de
comercio de mercadorías entre China e a propia UE. Por suposto, os máis graves
son os conflitos militares, que poden levar a terribles guerras.
As
organizacións internacionais son asociacións que os Estados crearon
voluntariamente para tratar cuestións de interese común, adoitar decisións
sobre elas e solucionar conflitos. Estas organizacións diferéncianse polo
ámbito territorial no que actúan. Hai organizacións de alcance mundial, como a
ONU, e outras que só agrupan países dunha zona determinada do mundo (UE,
Organización de Estados Americanos, Liga Árabe, etc.).
A ONU
ou Organización das Nacións Unidas foi fundada en 1945, despois da Segunda
Guerra Mundial, cando se fixo indispensable frear os conflitos dun xeito
pacífico. Os seus órganos de actuación son os seguintes:
·
A Asemblea da ONU, que discute e aproba certas
resolucións, e está formada por máis de 190, case todos os que existen no
planeta.
·
O Secretario Xeral, que é nomeado pola Asemblea e
actúa como portavoz da comunidade internacional.
·
O Consello de Seguridade, que é o que toma as
decisións de maior peso na organización, e que está formado por 15 países. Dez
deles son escollidos entre os membros da Asemblea, mentres que os outros cinco
son permanentes, e teñen o poder de veto, o cal lles da unha enorme influencia
na institución. Trátase de Estados Unidos, Rusia, Reino Unido, Francia e China,
é dicir, os aliados que venceron na Guerra Mundial.
A
ONU constituíuse con varios obxectivos: defender os dereitos humanos;
manter a paz (para o que empregan os Cascos Azuis formados por soldados
dos países membros que organizan misións de paz en zonas en conflito); e
fomentar a cooperación internacional, con algúns organismos que dependen
dela, como: a FAO (agricultura e alimentación), a UNESCO (educación
e cultura), a OMS (saúde), o Banco Mundial (créditos a países en
desenvolvemento), etc.
Entre
os puntos febles que podemos atopar nesta organización, destacan o citado
asunto do veto e tamén a ausencia dun sistema de financiamento propio, xa que
ao non ser un Estado carece de capacidade para recadar impostos aos cidadáns.
6.
Que organismo da ONU ten 5
representantes permanentes? Cales son, e que poden decidir eses países?
7.
Como se chama o organismo
no que participan todos os países da ONU? Cantos membros ten? Quen é o seu
voceiro actual?
8.
Como se chaman os
efectivos que a ONU envía a manter a paz en diversos lugares do mundo?
1.4. Un exemplo de cooperación: a UE
Tras
a experiencia da Segunda Guerra Mundial, e ante o crecemento de dúas grandes
superpotencias no mundo (EE. UU. e a URSS), os países europeos iniciaron un
proxecto de unión para consolidar a paz, por unha banda, e competir unidos
fronte aos dous xigantes citados. A idea partiu de Robert Schuman, ministro de
Asuntos Exteriores francés, o 9 de maio de 1950, data que se celebra
agora como Día de Europa.
Meses
despois, seis países europeos decidiron explotar conxuntamente os seus recursos
minerais, concretamente o carbón e o aceiro, vitais para a industria e motivos
de disputas que provocaran as dúas guerras mundiais. Naceu así en 1951 a Comunidade
Europea do Carbón e do Aceiro, máis coñecida como CECA, integrada
por Francia, Alemaña, Italia, Bélxica, Países Baixos e Luxemburgo.
O
éxito desta cooperación deu lugar en 1957 a un novo acordo. No Tratado de Roma,
estes 6 países constituíron a Comunidade Económica Europea (CEE),
así como a Comunidade Europea da Enerxía Atómica (Euratom). A CEE baseábase sobre
todo en dous piares:
·
Un Mercado Común, onde as mercadorías, os capitais e
os traballadores poderían transitar libremente a través das fronteiras dos
países membros.
·
Unha Política Agraria Común (PAC), que obriga aos
membros a seguir as directrices da Unión nesta materia (regulacións, cotas
máximas de produción en cada país, etc.).
Anos
máis tarde, varios países europeos se uniron a CEE. No caso de España e Portugal,
a súa entrada produciuse no ano 1986, conformando o que por entón se
chamou “a Europa dos Doce”.
Nos
anos seguintes, producíronse moitos cambios para adaptar esa unión, de tipo
económico, a outra que fose máis ampla, abranguendo o terreo político. Así, no Tratado
de Maastricht de 1993, e nos que viñeron máis adiante, afondase en aspectos
políticos, consolidando a transición da CEE á rebautizada UE ou Unión
Europea, tal como a coñecemos na actualidade. Nestes tratados destacan os
seguintes puntos:
·
Recoñecemento da cidadanía europea, con liberdade para
residir con pleno dereito en calquera país da UE.
·
Política exterior e de seguridade común (PESC).
·
Cooperación en materias de xustiza e interior.
En
2004, lanzouse un proxecto de Constitución Europea, aínda que finalmente foi
rexeitado en 2004 por varios membros. Despois de facer correccións nese
documento, logrouse aprobar o Tratado de Lisboa en 2009, onde se amplían
as competencias das institucións da UE, particularmente do Parlamento Europeo,
e se crean dous novos cargos, o Presidente da UE e o Alto Representante da
Unión para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade.
Na
actualidade, e tras a saída do Reino Unido, a UE está conformada por 27
países.
9.
Que países fundan a CECA
en 1951, e que dous obxectivos principais perseguían?
10.
Cita os dous piares nos
que se apoia a CEE.
11.
En que ano entra España na
UE? Chamábase UE nese momento? Por que?
1.5.
O Estado español
Segundo
a Constitución de 1978, a nosa lei suprema, España é un Estado social
e democrático de dereito. Social, dado que o Estado intervén na vida
pública para conseguir unha sociedade máis xusta. Democrático, porque os
cidadáns elixen os representantes das Cortes. E de dereito, xa que as leis
obrigan a todos os españois, tamén ás autoridades, e porque se lles recoñecen
unha serie de dereitos aos cidadáns.
A
Constitución define o sistema político como unha monarquía parlamentaria, na
que destacan as seguintes institucións:
·
A Xefatura do Estado, é dicir a Coroa, que
actualmente pertence a Felipe VI de Borbón.
·
As Cortes Xerais, que exercen o poder lexislativo e
están compostas por dúas cámaras: o Congreso dos Deputados e o Senado.
·
O Goberno, capacitado polo poder executivo do Estado e
formado polo Presidente do Goberno e os seus Ministros. O
Presidente é elixido polo conxunto dos deputados no Congreso, e pode ser
retirado por eles do seu cargo se así o consideran conveniente.
·
O Tribunal Supremo, que ten xurisdición en todo o
territorio e encabeza o poder xudicial, formado polo conxunto de xuíces e
tribunais de todo o Estado. Tamén existe o Tribunal Constitucional, que estima
se as leis aprobadas son contrarias ou non á Constitución.
Na
organización territorial, España divídese en diferentes unidades
administrativas:
·
Hai máis de 8100 municipios, cuxo goberno e
administración corresponden ao Concello, que está constituído polos
concelleiros, elixidos polos veciños cada catro anos, e polo alcalde, elixido
polos concelleiros.
·
Os municipios organízanse en 50 provincias, e o seu
goberno e administración pertence ás Deputacións Provinciais ou outras
corporacións de carácter representativo. As illas teñen, ademais, a súa
administración propia en forma de Cabidos, en Canarias, e Consellos,
en Baleares.
·
As provincias agrúpanse en 17 Comunidades Autónomas e
en dúas Cidades Autónomas (Ceuta e Melilla).
As
Comunidades Autónomas teñen o seu Estatuto de Autonomía, no que se
recollen as súas competencias, é dicir, as materias sobre as que pode
decidir, e as súas institucións de goberno propias: Goberno autónomo, Asemblea
Lexislativa ou Parlamento e Tribunal Superior de Xustiza.
O
Estado español é moi descentralizado, xa que as Comunidades teñen unhas
competencias moi amplas, se o comparamos con outros países máis centralistas,
como Francia. Porén, o Estado intervén e coordina a súa acción política
mediante órganos como o Delegado do Goberno, que en Galicia ten a súa sé
na Coruña.
12.
Quen é o xefe do Estado en
España? Quen é o xefe do Goberno? Cal dos dous posúe o poder executivo?
13.
Que institución representa
o poder lexislativo en España? En que órganos se divide?
14.
Que figura se ocupa de
coordinar o goberno das Comunidades co Goberno central en España?
15.
Como se chaman as
capacidades de tomar decisións en certas materias nas CC. AA.? Que documento as
regula?
Comments
Post a Comment