Tema 3. O sector primario - 3ºESO (pdf)
Tema 3. O
sector primario
3.1.
O sector primario nos nosos días
O
sector primario comprende as actividades que proporcionan produtos directamente da natureza: a agricultura, a gandaría, a
pesca e a explotación forestal. Son actividades moi importantes, principalmente
porque moitas delas constitúen a base da nosa alimentación.
Para
comezar debemos diferenciar tres conceptos que están relacionados:
➔ O termo agrícola refírese á agricultura.
➔ O termo agrario é máis amplo, fai referencia á explotación do campo en
actividades como a agricultura, pero tamén a gandaría ou a explotación
forestal.
➔ O termo rural é oposto a urbano, é dicir en xeral a vida humana fora das
cidades.
O
sector primario foi hai uns séculos o predominante na economía humana, pero
hoxe so ocupa algo máis do 30% da poboación activa do planeta, e a porcentaxe
descende a medida que os países se mecanizan. Porén, esta cifra media esconde
diferencias moi grandes entre países:
● Nos países desenvolvidos, o
sector primario emprega entre o 1 e o 6% da poboación activa, e representa
menos dos 4% do PIB. Ao mesmo tempo, é un sector cunha enorme produtividade,
moi mecanizado, de xeito que a súa produción se duplicou nos últimos trinta
anos.
● En países en desenvolvemento,
este sector ocupa a metade da poboación e corresponde a máis do 10% do PIB. Nos
países máis pobres, sobre todo en África subsahariana, estas cifras son aínda
máis esaxeradas. Pero ao dispoñer de técnicas de cultivo tradicionais a
produción é moi baixa e moi dependente do clima, polo que non sempre chega a
cubrir as necesidades alimentarias da poboación, que ademais medra a un ritmo
moi grande na actualidade.
Un
dos efectos da mecanización do campo nos países desenvolvidos é que se precisa
menos cantidade de man de obra, ao tempo que a poboación medrou
considerablemente nos primeiros anos. Por iso, unha das saídas para esta
situación foi o abandono do agro para desprazarse ás cidades, onde se poden atopar
outros traballos. Este fenómeno coñécese como éxodo rural, e nos últimos tempos
vense intentando compensar con iniciativas alternativas que buscan darlle novos
usos ao espazo rural, como pode ser:
✔
O turismo
rural.
✔
As plantas de produción de enerxía (eólica, solar...).
✔
O pluriemprego
(combinando o traballo no campo con outros a media xornada).
1. Que tipo de actividade é a tala de
árbores madeireiros? Está no sector primario?
2. Como se chama o movemento da
poboación dos pobos cara ás cidades? Cita tres medidas que serven para frealo.
3.2. Os factores físicos da paisaxe
agraria
As
actividades agrarias transforman a paisaxe natural, dando orixe a unha paisaxe agraria, que pode adoptar
diversos aspectos. Esta diversidade é froito da combinación de varios
elementos: forma e tamaño das leiras, sistemas de cultivo, variedade das
especies cultivadas, gandaría, repoboacións arbóreas, tipo de hábitat…
Dentro
das actividades agrarias, a máis importante é a agricultura, xa que é fonte de
alimento tanto para o home como para o gando. O traballo da terra permitiu aos
pobos nómadas transformarse pouco a pouco en sedentarios, dende hai uns 12.000
anos (Neolítico), e vense practicando en case todos os lugares habitados do
planeta, aínda que esta condicionada por unha serie de factores físicos e
humanos que poden chegar a limitala ou impedila.
Os
factores físicos da agricultura eran moito máis importantes no pasado, e hoxe
podense compensar cos avances tecnolóxicos. De todos modos, continúan a ter
unha gran influencia, sobre todo en sociedades pouco tecnificadas:
❖ O relevo: as temperaturas descenden a medida que aumenta a altitude, o que limita o
desenvolvemento das especies a partir dos 200 m. Tamén é imposible cultivar
terras cunha inclinación superior
aos 10º. Por iso, a agricultura esténdese en xeral por chairas e vales, e é
menos productiva en zonas de montaña.
❖ O clima: cada planta necesita unhas determinadas condicións de
temperatura, insolación e humidade para poder crecer. Por iso, en cada zona
climática danse mellor uns cultivos ca outros. Ademais, hai factores climáticos
que impiden a agricultura. Os cultivos non se desenvolven en lugares con temperaturas moi altas (por riba dos 45
ºC), baixas (polo xeral, por debaixo dos 10 ºC) e en zonas con chuvias moi escasas ou excesivas.
❖ O solo: cada planta necesita un terreo cunhas características
axeitadas. O tamaño dos grans de terra e a súa porosidade condicionan a
cantidade de osíxeno do terreo e a súa capacidade para reter auga. Ademais,
cada terreo ten unha composición química e biolóxica que determina o seu grao
de acidez e a súa riqueza en nutrientes minerais e materia orgánica.
➢ Os solos arxilosos teñen un gran moi fino e compacto. Son ricos en nutrientes,
pero enchárcanse con facilidade. Por iso esixen un bo sistema de drenaxe para
evitar que as plantas apodrezan.
➢ Os solos areentos son de gran groso e moi solto. Non reteñen a auga e os
nutrientes que moitas plantas necesitan, polo que deben ser regados con
frecuencia.
➢ Os solos limosos son de gran medio e pouco compacto. Atópanse nas veigas ou
chairas na beira dos ríos, e é de gran calidade para a agricultura, xa que
retén a auga e os nutrientes sen encharcarse.
- Realiza un
esquema no que figuren os tres elementos físicos da paisaxe agraria.
Especifica os límites do relevo e cada tipo de solo e clima (indicando se
é beneficioso ou prexudicial para a agricultura).
3.3.
Os elementos humanos da paisaxe agraria
A
conformación dunha paisaxe agraria ven condicionada por unha serie de elementos
que dependen da acción humana, como son o tipo de leiras, o sistema de cultivo
e a variedade de cultivos que se producen.
As leiras son as porcións de terreo agrario
que pertencen a un mesmo propietario, e poden presentar diferentes formas e
tamaños. Cando se trata de fincas de extensión superior a 100 hectáreas (1 Ha =
100 m x 100 m), falamos de latifundios,
mentres que se é inferior a 10 hectáreas denomínanse minifundios. Ademais, as leiras poden estar cercadas, comunicándose
por unha zona de camiños, formando campos cerrados ou bocage. No caso contrario temos os campos abertos ou openfield, que é predominante na
Submeseta Sur de España.
Os sistemas de cultivo poden aproximarse a dous
modelos:
● A agricultura intensiva busca aproveitar ao máximo a terra. Nos
países desenvolvidos conséguese utilizando téncias de cultivo modernas que
proporcionan un alto rendemento. Nos países en desenvolvemento, como os
campesiños practican unha agricultura tradicional pouco ou nada tecnificada, o
aproveitamento intensivo da terra lógrase empregando man de obra abundante,
pero o rendemento é baixo.
● Na agricultura extensiva as leiras non se explotan na súa totalidade,
senón que se deixa unha parte en barbeito, é dicir, sen sementar, para
facilitar a recuperacón da fertilidade da terra. A agricultura extensiva
practícase tanto en países desenvolvidos (onde existen grandes superficies de
terreo, como Estados Unidos, Arxentina ou Australia) como en países
subdesevolvidos. Dase sobre todo en grandes estensións (latifundios).
Segundo
estes dous modelos, a agricultura pode empregar diferentes técnicas. Así, na
agricultura intensiva predominan elementos de regadío como cables, regos, aspersores, etc., que aumentan a
produtividade da terra; mentres que nos sistemas extensivos é máis corrente a
agricultura de secaño, onde só se
conta coa auga procedente das chuvias.
En
canto á variedade de cultivos, imos
distinguir entre o monocultivo e o policultivo. No monocultivo só se cultiva un produto, o que simplifica o uso de
maquinaria e é habitual en latifundios, destinados á produción comercial. Pola
súa banda, o policultivo consiste na
combinación de diversos produtos, e dase sobre todo en pequenas leiras
(minifundios), no que se coñece familarmente como cultivos de horta, que tenden
a destinarse ao consumo familiar dos agricultores.
- Se unha
explotación ten 20.000 metros cadrados, en que categoría de tamaño a
podemos encadrar?
- Define o
barbeito, e explica se podería ser unha técnica adecuada para a
agricultura intensiva.
- Que sistema
de cultivos (monocultivo/policultivo) se orienta ao consumo particular?
Cal busca sobre todo a rendibilidade económica?
3.4.
A agricultura das rexións desenvolvidas
Nos países desenvolvidos, a revolución agrícola que
comezou a finais do século XVIII en Reino Unido supuxo o paso dunha agricultura
de subsistencia, destinada a alimentar as familias campesiñas, a unha agricultura de mercado, é dicir,
orientada á venda. Co fin de obter o máximo beneficio con esta venda, a
agricultura de mercado presenta as seguintes características:
➔ A especialización da produción. Normalmente cultívase un só produto
en cada explotación agrícola, o que simplifica o traballo e o uso de
maquinaria, e mellora os rendementos.
➔ A mecanización das labores do campo. Gran parte do traballo humano
substitúese por máquinas, que multiplican a produtividade da agricultura
tradicional, o que se traduce en realizar as tarefas agrícolas cada vez en
menos tempo, con moita menos man de obra e polo tanto cun custo moi inferior.
➔ A aplicación de modernas técnicas de cultivo, entre outras as
seguintes:
◆ Os fertilizantes químicos melloran a capacidade da terra e permiten
obter varias colleitas anuais.
◆ A selección de sementes de alto rendemento facilita
unha produción moi elevada.
◆ Os produtos fitosanitarios preveñen e curan as
enfermidades e plagas.
◆ Os invernadoiros permiten o cultivo en zonas de clima e solo adversos.
◆ A rega por goteo e a hidropónica
son froito da investigación e aforran unha gran cantidade de auga.
◆ Algunhas técnicas permiten
optimizar a auga e o solo cultivable, como o acolchado (cultivos cobertos por plástico que non deixa medrar
outras herbas) e o enareado
(cultivos rodeados dunha capa de area que compre unha función similar).
◆ Os avances da biotecnoloxía
deu lugar a novas variedades de cultivos modificados xeneticamente, que
coñecemos como transxénicos ou OMX
(organismos modificados xenéticamente).
Debido
á enorme produtividade que se acada
na agricultura de mercado, os prezos dos produtos son cada vez menores, como
dixemos; porén, para competir con produtos doutros países de menor nivel
económico algúns países desenvolvidos (como os da UE) recorren a subvencións estatais, para baixar aínda
máis os prezos e competir cos produtos estranxeiros.
- Co acrónimo FASTER, cita seis avances
tecnolóxicos da agricultura de mercado que se mencionan neste texto.
- Que ocorre coa oferta de produtos na
agricultura de mercado? Que consecuencia ten nos prezos?
- Como interveñen os Estados desenvolvidos
na súa agricultura nacional?
3.5.
A agricultura das rexións en desenvolvemento
Nos países subdesenvolvidos, a agricultura é unha das
principales actividades económicas, e atopamos dous modelos moi diferenciados:
a agricultura tradicional e a agricultura de plantación.
A agricultura tradicional ocupa a
pequenos campesiños con escasos recursos que tratan de abastecer o seu propio
consumo familiar. É habitual o policultivo en minifundios, practicado con
ferramentas primitivas, polo que se obtén unha produtividade moi baixa. As
colleitas son moi variables en función da meteoroloxía que se da cada ano.
Algúns sistemas tradicionais típicos son:
❖ A agricultura de rozas, antes máis común e actualmente
reducida ás rexións de clima ecuatorial e tropical, que implica a queima
periódica de partes da selva para abonar a terra coas cinzas. Unha vez
cultivada, búscase unha nova zona de cultivo e a vexetación volve a medrar en
pouco tempo.
❖ A agricultura sedentaria de secaño, con cultivos
extensivos de cereais (trigo, cebada, etc.). E necesario combinar o cultivo das
leiras con períodos de barbeito, nos que a terra pode recuperar os nutrientes.
Tamén é frecuente explotar as partes menos produtivas co pastoreo de ovellas ou
cabras, que aproveitan a vexetación natural da zona.
❖ A agricultura irrigada monzónica, propia do Sureste e
Sur de Asia e outras zonas de clima monzónico, onde as copiosas chuvias do
outoño permiten cultivar arroz, en vales ou socalcos. Estes cultivos requiren
unha man de obra moi intensa polo xeral, e dan un gran rendimento, con varias
colleitas anuais.
A agricultura de plantación dase tamén en
países subdesenvolvidos e está controlada por grandes empresas multinacionais, que se dedican á
exportación aos países máis desenvolvidos, especializándose nun só cultivo que lles da unha
rentabilidade especial (azucre, tabaco, cacao, etc.). Require dunha inversión moi grande de capital, en
infraestruturas de transporte e tamén en maquinaria e tecnoloxía. Ao mesmo tempo,
precisan de grandes coidados por parte de traballadores, polo que son
intensivos en man de obra, e
aproveitan os baixos salarios destes países para obter produtos a un prezo
reducido.
- Que condicións
tecnolóxicas presenta a agricultura de subsistencia, e que consecuencia
ten isto,
segundo o texto?
- Indica que tipo de agricultura de
subsistencia...
➢ se pratica no extremo Oriente.
➢ consiste en incendiar o bosque.
➢ combina o cultivo co pasto do gando
➢ alterna cultivos distintos e un tempo de
descanso
➢ precisa moitos agricultores en pouco espazo
➢ se reduce actualmente a zonas tropicais do
planeta
➢ da varias produccións nun só ano
➢ implica un cambio constante da ubicación dos
cultivos
A
gandaría consiste na cría de animais para o seu aproveitamento: produción de
carne, leite, ovos, coiro, la, mel, etc., como forza de traballo ou,
simplemente, para a reprodución.
As
especies animais máis numerosas son as que constitúen os gandos bovino, ovino, porcino e aviario. Ademais, en determinados
lugares son importantes os gandos caprino
e equino; a cría de coellos, chamada
cunicultura; e a de abellas, que,
cando se destinan ao aproveitamento dos seus produtos constitúen a apicultura.
Tradicionalmente,
a gandaría foi considerado como un complemento da agricultura. Por iso, en
xeral, a súa práctica localízase nas zonas menos favorables para o
desenvolvemento dos cultivos. Hai granxas que se dedican exclusivamente á cría
de animais, pero existen outras onde conviven os cultivos e o gando. Nelas, a
agricultura produce a maior parte do alimento para os animais e estes
proporcionan o esterco que se utiliza para fertilizar a terra.
No
último século, a investigación científica permitiu obter razas selectas, que proporcionan elevados rendimentos, e vencer
moitas enfermidades que afectaban ao gando. E as novas tecnoloxías conseguiron
incrementar notablemente a produción e desenvolver sistemas de refrixeración e
conxelación que fan posible trasladar os produtos gandeiros a longas distancias
en perfecto estado. Con todo, a mecanización e a tecnificación modernas non se
empregan por igual nas explotacións gandeiras. Por iso se diferencian dous
tipos principais de gandaría:
● Gandaría extensiva: practícase tanto nos países desenvolvidos como nos
demais, e é propia das grandes explotacións nas que o gando vaga polo monte e
se alimenta de pastos naturais. Require poucos investimentos, pero a súa
produtividade é baixa. Os tipos de gando máis característicos son o bovino, o ovino e o caprino, e os
países nos que se da maís son aqueles que presentan grandes zonas de pastos,
como EE. UU., Arxentina, Brasil, Sur de Rusia, etc.
● Gandaría intensiva: tamén se coñece como gandaría industrial. É propia
de países desenvolvidos, e cada explotación se especializa nunha soa especie. Este tipo de actividade require grandes investimentos de capitais en
instalacións, tecnoloxía, pensos para o gando, etc., aínda que a súa alta produtividade compensa estes
gastos.
- Nomea cinco tipos de gandaría e menciona
que animais se cría en cada un.
- Qué técnica permitiu nos últimas tempos
aumentar o rendimento do gando e reducir o impacto das epidemias que
sofre?
- Menciona tres lugares do mundo que
destacan pola gandaría extensiva.
Comments
Post a Comment