Tema 8. A sustentabilidade medioambiental - 3ºESO (pdf)

Tema 8. A sustentabilidade medioambiental

8.1. A contaminación atmosférica e o cambio climático

A contaminación prodúcese pola emisión á atmosfera dunha cantidade importante de gases e outras substancias nocivas como resultado da actividade humana. Esta contaminación afecta a saúde dos seres vivos e causa tamén graves problemas medioambientais, como os que veremos a continuación.

A bruma fotoquímica ou smog prodúcese cando a luz do Sol incide sobre o ozono e os óxidos de nitróxeno, formando unha pesada e escura néboa que irrita os ollos e os pulmóns. Tamén afecta as árbores e os cultivos. O smog adoita atoparse nas grandes cidades durante o inverno, cando se suman as emisións das calefaccións ás dos automóbiles.

A chuvia ácida xérase cando os óxidos de nitróxeno e o dióxido de carbono se mesturan coa auga de chuvia e producen ácido sulfúrico e ácido nítrico disoltos. Os seus efectos son moi nocivos. Pode atacar as follas das plantas e destruílas. Tamén incrementa a acidez das augas dos ríos e lagos, o que repercute negativamente sobre a vexetación e a fauna.

O ozono é un gas presente na atmosfera, e é fundamental para a nosa vida, pois absorbe o 90% da radiación ultravioleta procedente do Sol, que é nociva para a saúde humana. De xeito natural, a capa de ozono diminúe o seu grosor nas zonas polares durante o outono e o inverno e recupérao durante a primavera e o verán. Pero a emisión de gases CFC á atmosfera rompe ese equilibrio natural: disolven o ozono, provocan un maior adelgazamento da capa de ozono no outono e no inverno e impide que esta se recupere na primavera e no verán. O burato da capa de ozono formouse inicialmente sobre a Antártida, pois as temperaturas extremadamente baixas son as que máis favorecen a destrución deste gas.

Algúns gases, como o metano, os óxidos de nitróxeno e o dióxido de carbono, coñécense como gases invernadoiro. Permiten que a calor do Sol pase desde o espazo á Terra e impiden que parte del volva saír. Dese xeito, a atmosfera mantén de forma natural unha temperatura moderada na superficie terrestre. O aumento da concentración de gases de efecto invernadoiro na atmosfera como consecuencia das actividades humanas está provocando un quecemento global, é dicir, un ascenso da temperatura media do planeta, que se incrementou en 0,6º C durante o século XX. As consecuencias dun aumento continuado das temperaturas poden ser o aumento do nivel do mar e a destrución dalgúns ecosistemas especialmente sensibles a estes cambios.

 

1.                     Que fenómeno se produce cando certos gases se mesturan co vapor de auga para precipitar substancias corrosivas?

2.                    Que problema pode ocorrer cando certos gases atmosféricos entran en contacto cos raios do sol?


 

8.2. A auga: escaseza e contaminación

A auga é un recurso natural esencial para a vida dos seres vivos e para moitas actividades económicas, como a agricultura, a gandaría, a industria e algúns servizos turísticos e de ocio (piscinas, campos de golf, etc.). Só a agricultura acapara o 75% do total da auga utilizada a nivel mundial. Aínda que a auga é un recurso renovable, pois son continuos os procesos de evaporación e chuvia, é un ben escaso. Unicamente o 3% da auga do planeta é doce, pero a maioría desa auga doce está conxelada nos casquetes polares e nos glaciares.

Ademais, a auga dispoñible non se reparte por igual en todo o planeta, senón que en moitas rexións é insuficiente porque non existen as infraestruturas necesarias. Por outra banda, o desenvolvemento económico crecente en gran parte do mundo favorece unha demanda cada vez maior de auga, sobre todo nos países emerxentes, o que fai cada vez máis necesario poñer en marcha medidas que permitan aumentar a cantidade de auga dispoñible:

o   Construír obras hidráulicas que permitan almacenar auga en épocas de abundancia, como os encoros, ou levar auga dunha zona a outra, como os transvasamentos. Con todo, estas obras implican uns elevados custos e causan grandes impactos ecolóxicos nas zonas implicadas.

o   Crear plantas desalgadoras para converter a auga do mar en auga potable en zonas especialmente secas, como Canarias e o litoral mediterráneo. Porén, este método ten un impacto moi negativo no medio polo enorme custo enerxético que require, e polas cantidades de salmoira e residuos que deixa.

o   Depurar as augas residuais para empregar esa auga nas fontes públicas, a rega de parques e xardíns e a agricultura. A instalación de depuradoras é fácil en cidades e concentracións industriais, xa que as augas utilizadas van canalizadas, pero resulta imposible nas actividades agrícolas, onde a auga se dispersa no subsolo.

o   Reducir a contaminación das augas evitando no posible as verteduras contaminantes, como as producidas polos fertilizantes e pesticidas empregados na agricultura.

o   Explotar os acuíferos ou depósitos subterráneos de auga é outra das opcións habitualmente empregadas. Pero trátase dunha solución temporal, porque se extraemos auga dun acuífero sen parar este esgótase e esgotará tamén os ríos, mananciais e zonas húmidas que se alimentan das súas augas.

O gran reto na actualidade é reducir o consumo de auga, especialmente na agricultura, por ser a actividade humana que máis auga consome. Para diminuír este consumo débense reducir os sistemas de rega por inundación, que empregan moita auga e que a perden debido á evaporación e infiltración, e utilizar sistemas de rega de baixo consumo e máis eficientes, como a rega por goteo.

Nas industrias é posible practicar a reciclaxe da auga. Tamén é necesario manter en bo estado a rede de canalizacións para o subministro de auga nas cidades, xa que poden alcanzar perdas do 50%. Nos fogares, podemos cambiar os hábitos de consumo e usar aparatos de baixo consumo.

3.                    Que problema supoñen os acuíferos como forma de aumentar a auga doce dispoñible?

4.                   Nomea dúas rexións de España onde é común desalgar a auga mariña.

5.                    Que substancias contaminan as augas no campo?

6.                    Cal é o problema que aparece na rede de distribución de auga nas cidades?



8.3. A perda de biodiversidade

A biodiversidade da Terra é a variedade de especies e ecosistemas que hai nela. Todo o planeta forma parte da biodiversidade, pero hai zonas en que é moito máis elevada. As selvas tropicais son os lugares máis diversos do planeta, xa que ocupan o 6% da súa superficie pero albergan máis do 50% dos seres vivos existentes.

A biodiversidade é esencial para o medio ambiente e a vida, xa que cada especie desempeña un papel específico dentro dun ecosistema. A perda dunha especie implica profundos efectos no resto de seres vivos, sobre todo se se trata de “especies clave”.

Existe unha serie de factores e procesos que supoñen un risco para o mantemento da biodiversidade, como por exemplo:

*      Os cambios nos usos do solo. A substitución dos usos naturais do terreo por usos agrarios e usos artificiais afectou o 35% da superficie do planeta. A deforestación e a explotación de xacementos mineiros ou de hidrocarburos ameazan a vida vexetal e animal.

*      A sobreexplotación de especies animais. O 30% dos caladoiros pesqueiros están esgotados e outro 50% explótanse ao límite da súa capacidade de rexeneración. En terra firme, algúns animais están practicamente extinguidos pola redución do seu hábitat, como o lince ibérico, ou pola caza incontrolada, como o rinoceronte.

*      A chegada de especies foráneas. As especies autóctonas enfróntanse así a unha competencia nova (alimentación, enfermidades, etc.) para a que non están preparadas. O uso de especies transxénicas pode ocasionar efectos semellantes.

*      A contaminación da atmosfera, das augas e dos solos. É tóxica para as especies que viven neles e modifica o medio (redución dos recursos alimenticios, cambios nos hábitats, etc.).

*      O cambio climático. A suba das temperaturas e do nivel das augas mariñas, o desxeo dos casquetes polares, a desertización dalgunhas zonas, o aumento das precipitacións catastróficas, etc., poden modificar o medio e afectar negativamente as especies que se desenvolven nel.

 

7.                    Como se coñece as especies que se introducen nun hábitat e compiten coas especies autóctonas?

8.                    Cales son os espazos naturais do planeta cunha maior biodiversidade?


 

8.4. A degradación do solo

O solo é a parte superficial da codia terrestre que se atopa situada entre a rocha nai e a atmosfera. Os solos teñen unha importante función medioambiental, pois condicionan as formas de vida que se producen sobre eles.

A riqueza dun solo depende de catro factores básicos:

ü  A vexetación. Obtén do solo minerais, auga, etc., e enriquéceo cos nutrientes que achegan as súas follas e ramas.

ü  A auga. Infíltrase no solo e deposita as partículas disoltas que leva. Cando se produce a evaporación, as substancias das capas máis profundas ascenden cara á superficie.

ü  O vento. Achega partículas minerais e vexetais traídas doutros solos ou lugares. Tamén arrastra outras partículas.

ü  A rocha nai. É o substrato litolóxico sobre o que se sustenta o solo. Proporciónalle os elementos químicos da súa composición.

Un dos problemas que afrontan os solos na actualidade é a contaminación, que se produce pola contaminación da atmosfera e das augas superficiais e subterráneas, producidas polas actividades humanas. A corta abusiva, o excesivo consumo de fertilizantes e praguicidas, o depósito de residuos tóxicos sobre os solos e a substitución da vexetación por usos artificiais (estradas, encoros, etc.) provocan fortes impactos negativos. Para evitar todo isto, impúlsanse determinadas medidas, como a reciclaxe dos residuos, a construción de vertedoiros seguros e o desenvolvemento de actividades de descontaminación.

Outra das principais ameazas para os solos é a erosión, é dicir, a perda das capas superficiais pola acción natural que realizan a auga, o vento e outros elementos meteorolóxicos. As actividades humanas acentúan o proceso de erosión, de forma que se fan máis intensas e destrutivas.

As zonas máis expostas á erosión natural son as que reciben escasas precipitacións, as que se encontran expostas a chuvias torrenciais ou fortes ventos e as que están situadas en pendentes pronunciadas.

As zonas máis afectadas á erosión causada por accións humanas son aquelas en que se dan grandes concentracións de poboación, prácticas agrarias intensivas, un forte desenvolvemento urbano...

Cando os solos perden a cuberta vexetal e se empobrecen de tal xeito que se converten en desertos, falamos de desertificación. As terras desertificadas ou con risco de desertificación supoñen un 22% do total do planeta, aproximadamente.

 

9.                    Escribe de memoria a definición de solo segundo os apuntes.

10.                 Nomea tres factores que producen unha erosión NATURAL dos solos.

11.                   Enumera tres factores que causan unha erosión ARTIFICIAL dos solos.


Comments