Tema 1. A crise do Antigo Réxime
1.1.
O Antigo Réxime
Chamamos
Antigo Réxime ao conxunto de relacións sociais, económicas e políticas que
caracterizaban as monarquías europeas do século XVIII. O Antigo Réxime ten tres
características fundamentais: unha sociedade estamental de orixe feudal; un
sistema económico baseado no sector primario (agro); e un sistema político
tendente á monarquía absoluta.
A sociedade
estamental era a forma de organización social característica do Antigo
Réxime. Orixinouse durante a Idade Media, e dividía a sociedade en tres ordes
ou estamentos: clero, nobreza e xente do común (traballadores).
A
sociedade estamental tiña dúas características fundamentais:
·
Inmobilismo: os nobres e os traballadores pertencían a o seu
estamento por nacemento. No clero, os cargos máis altos estaban reservados para
que accedesen os nobres.
·
Privilexios: os nobres e o clero eran estamentos
privilexiados, xa que non pagaban impostos e tiñan leis especiais diferentes
das do estamento dos traballadores.
A economía
do Antigo Réxime é de subsistencia, xa que a produción non chegaba máis
que para subsistir, e en moitos casos nin sequera, producíndose grandes fames
que arrasaban coa poboación. Dependíase do clima e non existía a maquinaria
agraria contemporánea. Ademais a terra estaba sobre todo en mans dos estamentos
privilexiados, que controlaban as zonas máis produtivas e en conxunto preto da
metade da superficie cultivable.
As
terras da nobreza non se dividían, xa que o sistema de morgados obrigaba
ás familias nobres a deixar toda a propiedade familiar ao fillo máis vello, e
porén si era posible agregar novas terras ao patrimonio familiar. Este sistema
pretendía precisamente incrementar o poder económico das clases nobres dende a
Idade Media. No clero ocorría algo similar. As terras de “mans mortas”
eran aquelas que algúns propietarios deixaban como testamento á Igrexa, e esta
non podía vendelas de novo, de xeito que acababan engrosando as propiedades
eclesiásticas.
A
industria do Antigo Réxime estaba moi pouco desenvolvida, e controlada polos gremios,
que eran asociacións de artesáns que non permitían a competencia e decidían
canto se producía, de que xeito e a que prezo. Os monarcas do s. XVIII
comezaron a desenvolver un proxecto de industria moderna, as Reais Fábricas,
nas que se producían bens de interese para a monarquía. Pero estes intentos non
culminaron nunha industria realmente moderna, xa que non empregaban máis que o
traballo manual. Tan so en Inglaterra se comezaba por esa época a producir con
máquinas, que máis tarde rematarían por revolucionar os modos de produción e a
historia en xeral.
O
comercio internacional do s. XVIII foi intenso e baseouse en licencias ou
monopolios que as monarquías europeas concedían a certas compañías comerciais,
como a Compañía das Indias Orientais británica, que operaba a ruta entre Gran
Bretaña e a India. Este momento foi o auxe do chamado “comercio triangular”
entre Europa, África e América, establecéndose unha serie de rutas nas que os
barcos ían en todo momento cargados de mercadorías (manufacturas, escravos,
materias primas). Porén, o comercio interior nos países europeos estaba
bastante limitado polo control dos gremios e a falta dunha rede de transportes
adecuada.
1.2.
As formas de goberno a comezos do s. XVIII
O absolutismo
era o sistema político que rexía na maior parte de Europa ao principio do s.
XVIII. O rei concentraba o poder lexislativo, executivo, xudicial, militar,
etc., xa que el decidía as leis que entraban en vigor, tomaba as decisións de
goberno, nomeaba os xuíces e era o xefe do exército. Por iso se di que no
absolutismo é imposible separar monarquía e Estado (o Rei acapara o Estado). As
teorías dalgúns pensadores, como Bossuet, defendían a orixe divina do
poder monárquico, o que xustificaba o seu dereito a concentrar todo o poder.
Bossuet foi o preceptor do principal exemplo de monarca absoluto, Luis XIV
de Francia, coñecido como “o Rei Sol”.
No
terreo económico, os monarcas absolutos apoiábanse no mercantilismo, un
sistema desenvolvido por figuras como o ministro de Facenda de Luis XIV, Jean
Colbert, e baseado en tres ideas:
·
A riqueza dáse pola cantidade de metais preciosos
(ouro, prata), polo que un país debe acumular todos os que poida para superar
aos seus veciños.
·
Para evitar que os metais preciosos abandonen o país, é
preciso poñer impostos ás importacións, é dicir fomentar o proteccionismo económico.
·
O Estado debe intervir na economía (intervencionismo),
por exemplo creando fábricas e infraestruturas (carreteiras, canais, etc.).
En
certas partes de Europa, aparecían sistemas políticos distintos do absolutismo.
En Gran Bretaña, os reis da dinastía Estuardo atoparan xa no s. XVII a
firme oposición da burguesía, que dominaba a Cámara dos Comúns no
Parlamento. O conflito entre a monarquía e a burguesía provocou a revolución de
1642, na que o rei Carlos I foi condenado a morte polo Parlamento; e a de 1688,
na cal Xacobe II tivo que fuxir e deixar paso á monarquía parlamentaria
baixo unha nova dinastía. O liberalismo político tivo a súa orixe aquí,
baixo pensadores como John Locke, que definiu os principios básicos dun
Estado liberal: liberdades individuais, trato igual ante a lei e dereito á propiedade
privada.
Nas Provincias
Unidas (actualmente Países Baixos), despois da súa independencia efectiva
da Coroa española en 1648, consolidouse unha república parlamentaria
onde os Estados Xerais ou Parlamento elixían ao gobernante, denominado Estatúder.
1.3.
A Ilustración e a crítica do Antigo Réxime
Na
segunda metade do s. XVIII, xorde un movemento intelectual coñecido como
“Ilustración”, baseada nun avance do coñecemento científico e unha intención de
“dar luz” sobre cuestións anteriormente “escuras” ou ocultas. Os principios dos
pensadores ilustrados eran os seguintes:
·
A razón é o instrumento que fai posible a análise da
sociedade e os seus problemas, por riba das crenzas tradicionais ou relixiosas.
O uso da razón permite polo tanto o progreso da humanidade.
·
O ser humano é o punto central do seu pensamento, e
existe unha serie de dereitos naturais ou universais que pertencen a
todo home e non poden ser suprimidos polos gobernantes, como a liberdade
individual e a propiedade. Polo tanto, os ilustrados defenden a igualdade dos
homes ante a lei.
·
A tolerancia é a base da convivencia dos homes dentro
da sociedade.
O
pensamento ilustrado deuse en diversos países de Europa, aínda que soemos
destacar tres autores franceses:
·
Montesquieu, que na súa obra “O espírito das leis” propón un sistema
parlamentario baseado na separación de poderes (executivo, lexislativo,
xudicial).
·
Voltaire, quen criticou a relixión católica e foi un gran defensor da
tolerancia como forma de acadar o progreso na sociedade.
·
Rousseau, autor de obras como “O contrato social”, no que xustifica o
poder real como un contrato entre o Rei e os seus súbditos (e rexeita por tanto
a orixe divina dese poder).
As
ideas da Ilustración difundíronse por Europa en gran medida grazas á
publicación en Francia da Enciclopedia, unha obra dirixida por Denis
Diderot e realizada coa colaboración de 140 pensadores. Nos seus 28
volumes existen case 72.000 artigos nos que se recolle todo o coñecemento
humano baixo o punto de vista da “razón” entendida dende o punto de vista da
Ilustración. Así, criticábase moitas tradicións e crenzas que se demostraban
falsas ou inxustas, o que provocou as críticas dos privilexiados e dos grupos
máis conservadores.
Como
vemos, a Ilustración trouxo unhas novas ideas, como a crítica á idea de Deus e
os dereitos individuais, que axudarían a reformar os fundamentos da
monarquía absolutista, é dicir, do Antigo Réxime, e co tempo rematarían por
destruíla. Os ilustrados ademais pensaban que os privilexios da nobreza e do
clero eran un obstáculo tamén para o crecemento económico, e por iso defendían
a necesidade de acabar con eses privilexios.
Pero
moitos monarcas absolutos de mediados do s. XVIII se viron atraídos, polo menos
nun principio, polas ideas ilustradas, xa que vían nelas a forma de modernizar
a economía do país. De todos modos, as pretensións destes monarcas era
favorecer a economía sen chegar a modificar o sistema social do Antigo Réxime
(a sociedade estamental na que a nobreza e o clero eran privilexiados). Esta
forma de goberno coñécese como despotismo ilustrado ou absolutismo
ilustrado, e levou a cabo importantes reformas na agricultura e na industria
dos seus reinos. Porén, todos estes cambios económicos acabarían por provocar a
fin do propio absolutismo, sobre todo a partir da Revolución que tería lugar en
Francia a finais do XVIII.
1.4.
A guerra de Sucesión española
En
1700, a morte sen fillos de Carlos II de Habsburgo fixo que Francia e Austria
quixesen poñer no trono español os seus candidatos, familiares do rei falecido:
Filipe de Anjou, da casa de Borbón (Francia), e o Arquiduque Carlos
de Habsburgo (Austria). No seu testamento, Carlos II nomeaba sucesor a Filipe,
o que lle permitiu subir ao trono; pero o Arquiduque Carlos non o ía aceptar, e
reclamou os seus dereitos ao trono. Apoiábano potencias como Inglaterra e
Holanda, temerosas dunha unión entre as posesións dos Borbóns (Francia +
imperio español).
Comezou
así a Guerra de Sucesión, que foi unha guerra civil entre os territorios
de España (Aragón apoiou sobre todo a Carlos, mentres que Castela defendeu os
dereitos de Filipe ao trono); pero tamén foi unha guerra a nivel europeo, como
vimos. O conflito rematou en 1714 coa retirada de Carlos e a sinatura do Tratado
de Utrecht, que recoñecía a Filipe como rei a cambio das posesións
españolas en Flandres e Italia. Ademais, España cedeu a Inglaterra unha serie
de dereitos comerciais en América, así como Menorca e Xibraltar, invadidas
durante a guerra.
Para
España, a guerra supuxo a chegada da nova dinastía Borbón. Ademais, unha
vez asentado no poder, Filipe V puxo en práctica os Decretos de Nova Planta.
Estes foron implantados nos reinos da Coroa de Aragón (Aragón, Cataluña,
Valencia, Baleares) e substituíron das institucións tradicionais polas mesmas
que había en Castela. Deste xeito, o monarca podería reinar ao estilo
absolutista francés, cun goberno moi centralizado que actuaba dende a
capital para todo o territorio.
1.5.
Carlos III e o despotismo ilustrado
Con Carlos
III, as reformas de Felipe V foron a máis. Carlos III (1759-1788) pódese
considerar como un exemplo de despotismo ilustrado (ou absolutismo
ilustrado), xa que foi un monarca que contaba cun poder absoluto e tentou de
empregar os coñecementos da Ilustración para modernizar económicamente o país. Nos
primeiros anos, contou cun ministro de orixe italiana, o Marqués de Esquilache,
pero foi expulsado por un levantamento popular, o Motín de Esquilache,
causado durante un momento de escaseza de alimentos. Con Esquilache fora do
panorama, Carlos III levou ao poder a unha serie de ministros españois, que
impulsaron varias medidas de modernización baseadas no pensamento da
Ilustración deste tempo:
·
Os xesuítas foron expulsados dos territorios españois.
A obediencia que os xesuítas xuraban ao Papa era un obstáculo para unha
monarquía absolutista (o rei desexaba o control total da Igrexa en España).
·
Eliminouse o monopolio comercial entre España e América,
de xeito que se abrían novos portos e desaparecían moitas regulacións para este
comercio.
·
Créanse Reais Fábricas, para intentar que apareza unha
industria competitiva (aínda que non o lograron, xa que non chegaron a empregar
máquinas senón só o traballo manual).
·
Abríronse Sociedades Económicas de Amigos do País,
para agrupar pensadores que poderían aportar novas ideas para unha economía
máis moderna e produtiva.
No
reinado de Carlos IV (1788-1808) moitas destas reformas foron freadas, e
cando comezou a Revolución Francesa estas novas ideas comezaron a verse como
unha ameaza para a orde establecida (o Antigo Réxime), como pasou con outros
déspotas ilustrados en Europa.
Comments
Post a Comment