TEMA 2: O mundo, unha economía globalizada - 3ºESO (pdf)
Tema 2. O
Mundo, unha economía globalizada
2.1.
A actividade económica
A actividade económica pódese definir
como o proceso mediante o cal obtemos algo que satisfai as nosas necesidades,
como o alimento, o vestido, o transporte, clases particulares de Xeografía... o
cal poden ser bens (materiais) ou servizos (inmateriais). As necesidades que
temos son infinitas, pero os medios para satisfacelas son limitados. Por iso,
debemos elixir que bens e servizos producir e cales solicitar. A produción por
tanto depende da oferta e da demanda, o que vai fixar en cada
ocasión un prezo en función deses
factores. A ciencia que estuda todos estes procesos chámase Economía. Un dos conceptos máis
empregados na Economía é o PIB
(Produto Interior Bruto), que corresponde ao valor de todos os bens e servizos
producidos nun país durante un ano.
Cando
analizamos as fases polas que pasa o proceso produtivo atopamos as seguintes:
●
Produción dos bens e
servizos que se estima que son demandados pola sociedade.
●
Distribución ou reparto deses
bens e servizos, ben sexa aos consumidores ou a outros produtores que os poden
transformar.
●
Consumo ou utilización
dese ben ou servizo por parte da persoa que o desexa.
Aínda
que existe unha infinidade de actividades económicas, xeralmente pódense
agrupar en tres sectores:
✔
Sector primario: comprende as
actividades destinadas a obter alimentos e materias primas vexetais e animais
do medio natural: a agricultura, a gandaría, a pesca e a explotación forestal.
✔
Sector secundario: engloba as
actividades económicas que transforman as materias primas extraídas da natureza
en produtos elaborados: a industria, a construción e tamén a minaría e a
explotación das fontes de enerxía, xa que están asociadas á industria
(petróleo, gas...).
✔
Sector terciario: agrupa unha
gran diversidade de actividades que, a diferenza dos sectores primario e
secundario, non producen un ben material, senón que prestan un servizo á
sociedade. Son, por exemplo, o comercio, o transporte, a sanidade, a
educación...
En
xeral, podemos afirmar que no mundo actual os países máis desenvolvidos teñen a
gran maioría da súa poboación traballando en actividades do sector terciario,
mentres que nos menos desenvolvidos destaca o sector primario.
- Imaxina unha
persoa que quere cortar o pelo. Esa persoa representa a oferta ou a
demanda? E trátase dun ben ou dun servizo?
- Indica algún
exemplo de actividade económica de cada sector económico que fai posible
que poidas comer un iogur de plátano.
2.2. Axentes económicos e factores produtivos
As
actividades económicas que se dan na actualidade combinan as accións de tres
axentes: as persoas, as empresas e o Estado.
As persoas desempeñan un papel dobre. Por un
lado, participan na produción, proporcionándolles ás empresas o seu traballo e
pagando os seus impostos ao Estado. Por outro lado, consomen os bens e servizos
que se producen, e este consumo é o que impulsa a actividade económica.
As empresas dedícanse á produción de bens e
servizos buscando un beneficio económico. Para desenvolver a súa actividade
precisan do traballo das persoas, e a cambio ofrecen un salario. Tamén compran
e venden produtos a outras empresas.
O Estado cumpre algunhas funcións económicas
como: elaborar normas para regular a actividade económica das empresas do país;
intervir na economía mediante subvencións a determinadas empresas fronte a
outras; prestar servizos públicos ás persoas a través de empresas que poden ser
públicas (do propio Estado) ou privadas (contratadas polo Estado para iso);
etc. Para realizar estas funcións, o Estado emprega unha parte dos cartos que
recada ás persoas e empresas nos impostos.
Cando
falamos de factores produtivos,
referímonos a unha serie de recursos ou elementos que son necesarios para
realizar o proceso de produción. Concretamente son os seguintes:
●
“Terra”:
son os recursos extraídos da natureza (da Terra), como materias primas e fontes
de enerxía, que serven para a produción dun ben ou dun servizo.
●
Traballo: é o esforzo
físico ou intelectual que realiza unha persoa para producir bens e servizos. A
produtividade dun traballador pode variar moito, e depende de varios factores,
como a formación que teña, o a súa habilidade e experiencia (o “saber facer”).
●
Tecnoloxía: refírese ao
emprego de avances técnicos que existen e que poden favorecer o ritmo de
produción (produción manual, mecanizada, robotizada, etc.). Cada ben ou servizo
dispoñen dunha tecnoloxía máis ou menos avanzada, e xeralmente vaise
perfeccionando co tempo.
●
Capital: todo o que se
emprega na produción a maiores do traballo das persoas é denominado “capital”,
que se adquire grazas a unha inversión dos aforros previos (propios ou obtidos
mediante un préstamo). Podemos falar de capital físico (maquinaria,
ferramentas, equipos informáticos, etc.) ou de capital financeiro (os cartos
que serven para fundar a empresa e manter os gastos de funcionamento que ten).
- Que realizan
en común tanto as persoas coma as empresas? Que reciben a cambio?
- Indica que
tipo de factor produtivo representa:
a.
Un dependente nunha tenda de roupa. |
b.
Un tractor nunha explotación de millo. |
c.
Unha investigación para a cría do polbo en catividade. |
d. O
tronco dun piñeiro. |
e.
Un curso de seguridade e hixiene no traballo. |
f.
Un piloto que pasou 5.000 horas
manexando avións comerciais. |
g.
Cen mil euros no banco para poder afrontar gastos da empresa. |
h.
Dous metros cúbicos de leite de vaca. |
i.
Un lavavaixelas nunha cafetería |
j. A
luz do sol. |
2.3.
A economía actual: a globalización
O
termo globalización fai referencia
ao proceso cara a unha maior interconexión das economías mundiais (globais)
entre si. Leva séculos en proceso, pero actualmente maniféstase dun xeito moi
notable e ten unha serie de consecuencias visibles:
●
Maior volume
comercial entre os países do mundo, que poden intercambiar bens e servizos
moito máis eficazmente grazas aos medios de transporte modernos e a supresión
de moitos aranceis (impostos á importación de produtos).
●
Interdependencia
económica, xa que o comercio a nivel mundial fai que calquera variación na
economía dun país poida afectar aos seus socios comerciais.
●
Globalización
cultural, que se pode ver na transmisións de certos valores e modos de
vida duns países a outros. O exemplo máis claro é a influencia cultural que
Estados Unidos exerce nas últimas décadas por todo o mundo.
Paralelamente
ao proceso de globalización, desenvolvéronse algunhas institucións de alcance
mundial que teñen un poder de decisión crecente, deixando ao marxe a capacidade
dos Estados para intervir e controlar as economías dos seus territorios:
●
A Organización
Mundial do Comercio (OMC) é
herdeira do GATT, creado na posguerra para promover a eliminación de aranceis (impostos ás importacións) entre os países
membros.
●
O Fondo Monetario
Internacional (FMI) e o Banco Mundial, que ofrecen asistencia
en materia económica aos gobernos que o precisen e poden concederlles préstamos
para resolver os seus problemas financeiros cando o soliciten.
●
Os cumios internacionais das principais economías
do mundo, como o G-8 e o G-20, que se reúnen periodicamente para
tratar e debater a situación económica no mundo.
Existen
diversos factores que contribúen á expansión do fenómeno globalizador.
Primeiro, o aumento da liberdade
económica nos Estados actuais, que se traduce nunha maior liberdade comercial (menos regulacións,
subvencións e aranceis para o comercio internacional) e financeira (facilidade para as operacións bancarias entre
países). Isto facilita ás empresas a deslocalización,
é dicir, o traslado dos seus procesos produtivos a países máis baratos en man
de obra, instalacións, etc. Os países que foron antes destino da
deslocalización, como China, desenvolvéronse e deslocalizan agora a produción a
outros países menos desenvolvidos (Vietnam, Filipinas, etc.).
Un
segundo factor foi o derrubamento do
bloque comunista dende 1989. Os antigos países comunistas apenas mantiñan
relacións económicas con resto do mundo. Tras a caída do comunismo, implantouse
o capitalismo e abriron as súas fronteiras a investimentos e produtos
internacionais. Salvo excepcións (Cuba, Corea do Norte), todos forman agora un
único mercado mundial. Finalmente, a mellora espectacular das infraestruturas de transporte e de
comunicacións nas últimas décadas permite un contacto instantáneo e
económico entre as rexións do mundo.
- Que
organismos internacionais propoñen encontros periódicos para tratar algúns
problemas económicos no mundo?
- Que organismo
establece unha regulación dos intercambios comerciais a nivel
internacional?
- Que organismos
ofrecen créditos a países con problemas económicos, con diversos
obxectivos?
2.4. As pegadas da globalización
Unha
das consecuencias da globalización económica é o auxe das grandes multinacionais, que son empresas que
teñen a súa actividade repartida en varios Estados do mundo. Xeralmente cada
unha dispón dunha sé central ou “matriz”, na que se concentran os
recursos directivos, e unha serie de filiais
situadas en diversos países. Pola súa banda, a globalización cultural
reflíctese nunha “norteamericanización”
ou influencia da cultura estadounidense sobre o resto do mundo, que non se
limita aos produtos de consumo senón que abrangue os modos de vida e as
mentalidades, ata extremos que non sempre nos resultan evidentes.
Nos
últimos anos, algúns países que viñan sendo pouco desenvolvidos están a medrar
no terreo económico dentro do contexto da globalización. O caso máis notable é
o dos que se coñecen como países
emerxentes, que se identifican habitualmente co acrónimo BRICS (Brasil, Rusia, India, China,
Sudáfrica). Aparte das grandes diferencias que amosan entre si, a nivel
histórico, político e socioeconómico, aseméllanse en tres grandes aspectos:
trátase de países cun enorme tamaño, tanto en superficie como en poboación; o
seu crecemento económico ven marcando un ritmo moi forte nos últimos anos (a
nivel xeral); e celebran reunións de xeito periódico para tratar diversas
cuestións que lles afectan en común.
Outro
grupo de países que está a desenvolverse dunha maneira moi notable son os
chamados “catro dragóns asiáticos”
(Singapur, Corea do Sur, Taiwán e Hong Kong), que ocupan un lugar fundamental
na súa rexión (Asia oriental). A mediados do século pasado, estes territorios
vivían nunha situación de extrema pobreza, pero empezaron a industrializarse
rapidamente grazas a que contaban cunha man de obra formada e barata.
Convertéronse en potencias exportadoras, posto que os seus produtos, que tiñan
gran calidade e baixo prezo, eran moi competitivos. En consecuencia, estes
países superaron a situación de subdesenvolvemento e encabezan algúns dos
sectores industriais máis innovadores.
- Como se chaman os
establecementos das multinacionais, que se sitúan en diversos países e
dependen dunha sede central ou matriz?
- Cres que che
afecta a “norteamericanización”? Pon algúns exemplos se é o caso.
- Pensas que a
cultura hispana ten impacto no resto do mundo? Pon algúns exemplos.
- Tenta de formar
unha mnemotecnia que che sexa fácil para memorizar os catro dragóns
asiáticos. Escríbea, e logo indica a que país se refire cada letra.
Comments
Post a Comment