TEMA 02. REVOLUCIÓNS LIBERAIS E NACIONALISMOS - 4ºESO (pdf)

Tema 2. Revolucións liberais e nacionalismos

2.1. A Revolución americana

No s. XVIII, Gran Bretaña tiña colonias no leste de América do Norte (Nova Inglaterra), as chamadas Trece Colonias. A Revolución Americana é o conflito entre os colonos de Nova Inglaterra e Gran Bretaña, que culminou coa independencia dos primeiros.

A orixe do problema ten unha base económica. As colonias desenvolveron un sistema económico propio e empezaron a ver a metrópole (Gran Bretaña) como unha barreira para o seu desenvolvemento. Gran Bretaña estaba interesada en dispoñer das materias primas americanas, pero non en desenvolver a industria, e ademais reservaba para ela o monopolio de varios produtos, o que complicaba o comercio das Trece Colonias con outras partes de América.

Nas colonias existían unhas asembleas que podían recadar impostos, e debían pagarllos a Gran Bretaña, pero a realidade era que case nunca o facían, xa que consideraban que non lles correspondía mentres non puidesen elixir deputados no Parlamento inglés.

O conflito comezou cando o rei Xurxo III intentou establecer entre 1764 e 1766 varias leis para regular os impostos coloniais (Sugar Acts, Stamps Acts, etc.), pero non o logrou polas protestas dos colonos americanos. En 1773 o goberno inglés impuxo as Tea Acts, nas que Inglaterra reservábase o comercio do té en América, o que arruinaría aos comerciantes americanos. Estes atacaron disfrazados de indíxenas uns barcos ingleses cargados de té que se atopaban no porto de Boston (Motín do té de Boston). O goberno inglés bloqueou o porto e quitoulle os dereitos á colonia de Massachusetts, e aí comezaron os primeiros movementos armados.

Un dos líderes da rebelión foi Thomas Jefferson, que participou na Declaración de Dereitos de Virxinia en 1776, e na Declaración de Independencia asinada días despois (4 de xullo de 1776). A partir deste momento, o conflito armado converteuse nunha guerra de independencia, na que España e Francia axudaron aos colonos americanos, co fin de debilitar o poder de Gran Bretaña. Destacou a figura de Bernardo de Gálvez, que foi declarado cidadán honorífico dos Estados Unidos. Recentemente, a súa figura foi recuperada da historia e un cadro del figura no Capitolio de Washington.

O desenvolvemento da guerra entrou na súa fase decisiva coas vitorias dos colonos en Saratoga (1778) e Yorktown (1781). Isto levou á sinatura da Paz de Versalles (1783), en que Gran Bretaña recoñeceu a independencia de Estados Unidos. Na Constitución de 1787 organizouse a nova orde política. O novo Estado tiña unha estrutura federal, é dicir, tratábase dun Estado formado como unión de Estados (as antigas Trece Colonias, máis os territorios que se conquistarían despois). O primeiro presidente dos Estados Unidos foi un dos líderes rebeldes, George Washington, que deu nome á capital do país.

A estadounidense foi a primeira Constitución promulgada no mundo na que se levan á práctica os conceptos da Ilustración, como a soberanía nacional e división de poderes. Tivo unha enorme influencia posterior, xa que foi o modelo para a Revolución francesa e para os movementos de independencia no resto de América, ademais de consolidar o modelo de Estado democrático no que vivimos hoxe.


2.2. O comezo da Revolución francesa

A comezos de 1789, Francia era unha gran potencia que vivía segundo as normas do Antigo Réxime. Porén, dábanse as circunstancias que desembocarían nunha revolución que transformaría o país e xeraría unha nova realidade en Europa e no mundo:

       A crise económica, constante dende 1780, agravouse. A escaseza de alimento disparou os prezos dos produtos básicos. Creouse un clima de rebelión no estamento dos traballadores contra o pago de impostos e contra os estamentos privilexiados, aos que culpaban de acaparar o trigo para aumentar o prezo.

       O déficit da Facenda Real aumentou coa guerra nas Trece Colonias, xa que Francia axudou á independencia dos colonos, e xa viña provocado por todas as guerras nas que o país estaba implicado dende o século anterior. Ademais, esta bancarrota fiscal se agravaba polo feito de que os impostos recaían sobre os traballadores, mentres que os estamentos privilexiados estaban exentos do seu pago.

       As ideas da Ilustración, que xa se puxeran na práctica por eses anos na creación de Estados Unidos (Constitución de 1787), formaron un caldo de cultivo para o estoupido dun movemento revolucionario contra as bases do Antigo Réxime.

       Por todos estes factores, o estamento dos traballadores vaise conformar como un colectivo que reclamará os seus dereitos e a fin dos privilexios. Este colectivo pasa a denominarse a si mesmo o Terceiro Estado (oprimido polos dous estamentos privilexiados).

Dende 1783, os sucesivos ministros de Facenda do rei francés Luis XVI intentaron frear a crise, e todos concluíron que era necesario facer unha reforma profunda para que os privilexiados pagasen impostos. O rei convocou unha asemblea de notables (nobres) en 1787 para conseguilo, pero negáronse e a tentativa fracasou.

Así, o rei non tivo outra saída que convocar os Estados Xerais, o Parlamento francés, que levaba máis de século e medio sen reunirse (recordemos que a monarquía absoluta de Francia podía reinar sen o control do Parlamento). Nos Estados Xerais xuntábanse representantes dos tres estamentos, e daban un voto por estamento (non por persoa). Cada estamento preparaba uns cadernos de queixas, onde acordaban os problemas a discutir e as propostas para resolvelos. Os cadernos do Terceiro Estado mostraban o seu desexo de acabar cos fundamentos do Antigo Réxime.

O Terceiro Estado quixo impoñer o voto por persoa, e ante a negativa do rei, os deputados pasan a denominarse Asemblea Nacional, a única con lexitimidade para representar a nación francesa. O rei mandou pechar a sala onde se reunían, pero pasaron a ocupar a sala do Xogo de Pelota do palacio de Versailles, onde fixeron o xuramento de permanecer ata que se redactase unha Constitución. A Asemblea Nacional pasou a chamarse Asemblea Constituínte, e o rei non tivo máis remedio que aceptar esta situación revolucionaria.

Mentres, na cidade de París, o prezo do pan rompía o récord de todo o século e o pobo levantouse en armas. Asaltaron a torre da Bastilla o 14 de xullo, co que se xuntaba así unha revolución institucional en Versailles e outra popular en París. O Terceiro Estado suprime nos primeiros días os privilexios feudais, e redacta a Declaración Universal de Dereitos do Home e do Cidadán. A primeira Constitución francesa chegará dous anos despois (1791).


2.3. A radicalización da Revolución

Reticente de aceptar a nova Constitución, Luis XVI e a súa familia trataron de escapar de Francia, aínda que foron capturados e máis adiante habíalle custar o trono e a vida. Xa en 1792, o apoio que Austria e Prusia deron ao rei de Francia provocou que a Asemblea declarase a guerra a eses dous países, no que sería a guerra da Primeira Coalición. A partir de 1792, a Revolución radicalizouse e entrou nunha fase cada vez máis agresiva. En setembro, a Monarquía caeu, foi declarada a República Francesa e a Asemblea que a gobernaba tomou o nome de Convención Nacional.

Esta Convención reuníase nun hemiciclo dominado por dous grandes partidos: os Xirondinos, burgueses máis moderados e sentados á dereita; e os Xacobinos, con grupos máis radicais como os temibles Sans Culottes, e sentados á esquerda. No primeiro ano de existencia, a Convención estivo controlada sobre todo polos xirondinos, polo que se fala da “Convención xirondina”.

Pero en 1793, a condena á morte na guillotina de Luis XVI provocou unha gran revolta campesiña en La Vendée. Xunto coa guerra, esta revolta debilitou o poder xirondino, e os xacobinos, dirixidos por Maximilien Robespierre, deron un golpe de Estado. Comeza así a Convención xacobina, un período de violencia desatada, coñecido como “O Terror”. As execucións foron masivas, incluíndo a da antiga raíña, María Antonieta. Calquera sospeitoso de non comulgar co réxime era condenado á guillotina sen necesidade de probas, e miles de persoas foron masacradas en todo o país.

Neste tempo, Robespierre levou a cabo unha reforma total do sistema, con leis que trataban de crear un novo mundo baseado nas ideas revolucionarias. A Lei do Máximo tentaba de fixar os prezos máximos dos produtos do mercado, conforme ás esixencias dos Sans Culottes. Como xa sucedera na historia, esta medida provocou o efecto contrario, é dicir a desaparición dos produtos no mercado oficial (os produtores evitan así perder coa venda). Tamén se aboliu o calendario cristián e se creou un novo, baseado na astronomía, a natureza e as tarefas do campo (Vendimario, Brumario, Frimario...).

Pouco a pouco, o terror imposto por Robespierre foi volvéndose contra el. Ante o intento de continuar coas execucións masivas, algúns dos candidatos a morrer xuntáronse contra el. En 1794, foi arrestado violentamente polos conspiradores e condenado á guillotina. O golpe contra Robespierre coñécese como Reacción de Termidor (un dos meses do calendario), e levará en 1795 a un novo réxime, no que haberá cinco gobernantes conxuntos ou “directores”, e recibe por iso o nome de Directorio.

O Directorio tivo unha duración de varios anos e foi unha fase moderada, na que se redactou unha nova Constitución (a Constitución do ano III). Neste tempo houbo varios intentos de derrocar o goberno: os realistas tentaron de restaurar a monarquía na Revolta de Vendimario do ano IV (1795), e dende os sectores máis radicais da Revolución tivo lugar a Conxura dos Iguais, dirixida por François Babeuf, que fracasou pero foi o primeiro antecedente do movemento obreiro e as ideoloxías comunistas contemporáneas.

Pero a fin do Directorio chegou en 1799, co golpe de Estado do 18 de Brumario. Esta conxura estivo organizada por tres figuras políticas que compartirían o poder como cónsules: Sieyès, Ducos, e un prestixioso militar que viña de obter asombrosas vitorias; un tal Napoleón Bonaparte.


2.4. A Europa napoleónica

Unha vez asaltado o poder, Napoleón soubo desfacerse habilmente dos seus dous cómplices e converteuse no gobernante en solitario de Francia. As súas vitorias militares contra a Segunda Coalición permitíronlle nomearse cónsul vitalicio (1802) e máis tarde coroarse a si mesmo Emperador de Francia (1804), co que puido gobernar como un auténtico “monarca absoluto” de tempos pasados.

Gran Bretaña, temerosa da hexemonía francesa, formou a Terceira Coalición con Austria a Rusia. Aínda que a flota francesa (e Española) foi derrotada en Trafalgar (1805), a vitoria francesa en Austerlitz supuxo a fin do Sacro Imperio Romano Xermánico. As vitorias posteriores de Napoleón (batalla de Friedland, 1807) conduciron á Paz de Tilsit, que marcou o cénit do seu poder.

A partir de entón, a política exterior de Napoleón tivo dúas direccións: a alianza con Rusia e o illamento de Gran Bretaña, contra a que decretou o Bloqueo Continental. Case todas as potencias europeas aceptaron deixar de comerciar cos británicos, pero Portugal non o aceptou, e Napoleón decidiu invadir o país. España, que permitiría o paso das tropas francesas de camiño a Portugal, remataría por ser invadida dende 1808, desatando Guerra de Independencia ata 1813. A guerra en España esgotaría lentamente os recursos do Imperio napoleónico e axudaría á súa caída.

A situación complicouse cando Rusia abandonou a alianza e comezou a comerciar con Gran Bretaña. A invasión de Rusia por Napoleón rematou nunha desastrosa retirada en 1812, que marca o fin do Imperio. A Sexta Coalición derrotou a Napoleón en Leipzig (1813), coincidindo coa derrota en España. Napoleón foi obrigado a abdicar e exiliado na illa de Elba. Os seus partidarios trouxérono de volta e retornou ao poder durante Cen Días, pero foi derrotado finalmente en Waterloo (1815). Para evitar máis fugas, foi deportado a unha pequena illa en medio do Atlántico, Santa Helena, onde morreu anos despois.



2.5. A Restauración

A derrota de Napoleón permitiu Restauración da monarquía en Francia, dando así nome ao período histórico que comezaba en 1815. As potencias vencedoras contra Napoleón intentaron evitar novos experimentos revolucionarios como o de Francia. Para iso, tiveron en conta os seguintes principios:

  1. Defensa a ultranza da Monarquía como réxime de goberno.
  2. Axuda mutua entre elas en caso de que algunha afrontase unha situación revolucionaria.
  3. Creación dun equilibrio de poder entre as cinco principais potencias europeas.

Reunidas no Congreso de Viena, as potencias modelaron o novo mapa europeo:

       Francia volveu ás súas fronteiras anteriores á Revolución e ás conquistas napoleónicas.

       Creáronse Estados tapón para dificultar unha nova expansión francesa. No Norte, o reino de Holanda absorbeu Bélxica, e no Sur Piamonte recibiu Savoia e Xénova.

       Austria, Prusia e Rusia gañaron territorios nunha medida similar, para que ningún se impuxera aos demais (“teoría do equilibrio”).

Este reparto equilibrado beneficiou a Gran Bretaña, que continuaba a súa expansión en ultramar e converteríase pouco a pouco no maior Imperio mundial.

O Congreso de Viena inaugurou unha serie de congresos, nos que as potencias europeas buscaron consolidar a Restauración monárquica cun sistema de alianzas. Creáronse dous grandes bloques:

      A Santa Alianza, formada por Rusia, Austria e Prusia, cuxos monarcas representaban a defensa do catolicismo e o absolutismo máis puros.

      A Cuádrupla Alianza, formada por Gran Bretaña, Austria, Prusia e Rusia, que logo incluiría a Francia (Quíntupla Alianza), unha asociación máis moderada e centrada en preservar a integridade do novo mapa creado no Congreso de Viena.


 

2.6. Revolucións liberais e nacionalismos no s. XIX

En 1820, 1830 e 1848 producíronse tres ciclos revolucionarios en Europa que se sustentaron esencialmente en dúas ideoloxías: o liberalismo e o nacionalismo. Ambos eran contrarios ao novo réxime da Restauración, imposto dende a derrota de Napoleón:

ü  O liberalismo, que na primeira metade do XIX rexeitaba o absolutismo e esixía recuperar os dereitos e as liberdades individuais recoñecidas nas revolucións americana e francesa.

ü  O nacionalismo, que ten a súa orixe na expansión napoleónica, que exacerbara os sentimentos de pertenza a unha “nación” (poboación nacida nun lugar común) que comparte trazos identitarios como a lingua, as tradicións, etc. Como o Congreso de Viena reorganizou o mapa europeo, quedaron moitos pequenos pobos con desexos de independencia que quedaban dentro dos grandes imperios: o ruso, o austríaco e o otomán. Estamos a falar entre outros do pobo polaco, o húngaro, o grego, e un largo etcétera.

En 1820 produciuse a primeira onda revolucionaria, que tivo a súa orixe en España, cando o xeneral Rafael del Riego obrigou ao Rei Fernando VII a xurar a Constitución de 1812, que derrogara cando chegou ao poder. Esta e outras revoltas en Europa foron sufocadas pola intervención militar da Santa Alianza, aínda que Grecia puido obter a súa independencia uns anos despois.

A segunda onda comezou en 1830 e tivo a súa orixe en Francia. O Rei Carlos X intentou gobernar como un monarca absoluto, anulando a carta outorgada (unha Constitución redactada polo propio Rei e “outorgada” ao pobo, que non a pode votar). Como resposta, en xullo produciuse unha revolta que obrigou a Carlos a fuxir, chegando ao trono Luis Felipe de Orléans. Outros países contaxiáronse destes movementos revolucionarios, e en 1831 chega a independencia de Bélxica.

O movemento revolucionario de 1848 foi máis profundo que os anteriores, abrangueu un gran número de países e tivo un novo carácter socialista coa aparición do movemento obreiro das fábricas, que se sumou ás antigas ideas liberais e nacionalistas. Todo comezou en Francia, cando o reinado de Luis Felipe sufriu unha reacción do pobo pola súa corrupción. Proclamouse a II República (a primeira fora na Revolución francesa), e uns anos despois Luis Napoleón Bonaparte fíxose co poder, proclamando así o II Imperio en 1852. A pesar de que estas revolucións foron sufocadas, tiveron un grande impacto xa que marcaron un avance da democracia: os gobernantes preferiron ceder nas liberdades antes que sufrir novas rebelións.

No caso do nacionalismo, as revolucións de 1848 deron paso tamén á unificación de dúas nacións históricas, Italia e Alemaña, o que representa o nacionalismo unificador, é dicir o contrario ao nacionalismo separatista, que busca a disgregación dunha nación respecto doutra que a contén (caso de Grecia por exemplo).

A unificación dos pobos de fala italiana nun só Estado (a Italia que coñecemos hoxe) realizouse dende o reino de Piamonte-Sardeña, no Norte. O Conde de Cavour, como primeiro ministro, logrou no plano político a anexión de Lombardía, mentres que Giuseppe Garibaldi, mediante unha expedición militar, conseguiu unir Nápoles e outros territorios do Sur. O novo reino de Italia tivo como primeiro monarca a Vítor Manuel II. En canto a Alemaña, o primeiro ministro Otto von Bismarck converteu ao Rei de Prusia en Emperador da nova nación alemá, o Kaiser Guillerme I.


Comments