TEMA 08. ESPAÑA: DA CRISE DO 98 Á GUERRA CIVIL - 4ºESO (pdf)

 

Tema 8. España: da crise do 98 á Guerra Civil

8.1. O “desastre” do 98

Despois dunha guerra de dez anos (1868-1878) e varios levantamentos armados, o movemento de independencia na provincia española de Cuba permaneceu máis ou menos baixo o control do Goberno. Pero en 1895, José Martí, fundador do Partido Revolucionario Cubano, iniciou unha nova insurrección, que sería a definitiva. A pesar das tropas enviadas desde a península, o exército español viu decimadas as súas filas polos continuos ataques dos insurrectos e polas epidemias. En 1896 estalou tamén o movemento independentista en Filipinas.

A explosión do acoirazado estadounidense Maine en 1898 na Habana serviu de pretexto a Estados Unidos para declarar a guerra a España. O 1 de maio a frota estadounidense destruíu a escuadra española en Cavite (Filipinas) e o 3 de xullo acabou co resto da armada en Santiago de Cuba.

Tras a guerra asinouse o Tratado de París, polo que España renunciou a Cuba, declarada oficialmente independente, pero na práctica sometida á administración de EE. UU. Mentres, a illa de Porto Rico pasou directamente a mans estadounidenses, e Filipinas quedaba igualmente convertida nunha colonia do goberno de Washington. Deste xeito desaparecían os últimos restos do imperio español de ultramar.

Estes feitos, que en realidade non tiveron unhas consecuencias especialmente negativas no desenvolvemento social ou económico de España, si tiveron unha pegada nas mentalidades, especialmente polas correntes intelectuais da época, que deron a coñecer este proceso como o “Desastre do 98”, e falaban dunha decadencia histórica de España, que era preciso arranxar mediante unha “rexeneración” do país. De aí que se coñecera esta corrente de pensamento como o “Rexeneracionismo”, e foi representada por moitos intelectuais con posicións diversas, entre os que destacou Joaquín Costa.


8.2. A crise da Restauración

O sistema da Restauración borbónica, que deu estabilidade ao panorama político de España a finais do s. XIX, co bipartidismo encabezado por Cánovas (Partido Conservador) e Sagasta (Partido Liberal), comezou a esgotarse a principios do s. XX, despois da morte de ambos políticos.

Un dos principais factores da crise debeuse á entrada de España como administradora do Protectorado do Norte de Marrocos, a partir de 1906. A disputa entre as potencias europeas por quen controlaría a parte Sur do estreito de Xibraltar levaron a elixir a España como candidata ideal. Pero a situación do exército español e do país era demasiado precaria para soportar unha labor destas características. A partir de 1909 xa se desataron varias crises, destacando a Semana Tráxica en maio dese ano, en Barcelona, cando se produciron uns disturbios multitudinarios pola oposición ao recrutamento de tropas para ser enviadas a Marrocos.

Anos despois, dábase unha situación moi complicada en España, pola repercusión de sucesos internacionais (I Guerra Mundial, revolución bolxevique en Rusia). A inflación, as protestas obreiras, o descontento de moitos militares polo sistema de ascensos que favorecían aos que combatían en Marrocos, e outros problemas do momento, facían moi difícil o Goberno do país. En medio de todo ese contexto, produciuse a derrota de Annual, en Marrocos, na que morreron máis de 10.000 soldados españois a raíz dunha operación militar desastrosamente organizada. Tras unha investigación, acusouse de neglixencia a algúns dos principais mandos militares do exército.

Antes de que estas acusacións se espallasen e que puidesen ter consecuencias políticas, o xeneral Miguel Primo de Rivera, apoiado por un sector do exército, deu un golpe de Estado coa aprobación do rei Afonso XIII. Desta forma, implantouse unha ditadura militar en que Primo de Rivera suspendeu a Constitución, disolveu as Cortes e prohibiu os partidos políticos e os sindicatos. Tamén acabou coa guerra en Marrocos en 1927, tras o exitoso desembarco en Alhucemas de 1925, que permitiu pacificar o protectorado definitivamente.

A ditadura mantívose ata 1930 grazas á prosperidade económica da década de 1920. Realizáronse numerosas obras públicas (estradas, encoros...) e potenciouse a industria. Creáronse diversos monopolios estatais nas telecomunicacións (Telefónica) e na subministración de petróleo (CAMPSA), entre outros sectores.

A partir de 1927, o réxime comezou a ser criticado por intelectuais, estudantes, colectivos obreiros e grupos nacionalistas rexionais. Por iso, en 1929, o rei retirou o seu apoio a Primo de Rivera, que dimitiu en xaneiro de 1930.

Afonso XIII encargou formar un novo Goberno que restableceu a Constitución de 1876 e convocou eleccións municipais para abril de 1931. Pero a oposición ao rei era xa moi forte, ao consideralo cómplice e responsable da ditadura de Primo. No verán de 1930, os principais políticos republicanos e catalanistas xa asinaran o Pacto de San Sebastián, que tiña como obxectivo derrocar a monarquía mediante un levantamento militar, levado a cabo a finais dese ano e que fracasou. Porén, o impulso republicano non se detivo senón que foi cada vez maior...


8.3. O triunfo da República e o Bienio Reformista (1931-1933)

O 12 de abril de 1931, as eleccións municipais celebradas deron o triunfo a partidos republicanos nas principais cidades. Aínda que os partidos monárquicos seguían a ter a maioría de votos no conxunto do país, o resultado foi interpretado por Afonso XIII como unha ameaza á súa continuidade no trono. Nas 48 horas seguintes, o rei, vendo que non contaba cun gran apoio das autoridades do país, nin dos seus antigos partidarios monárquicos (que o culpaban de colaborar coa ditadura de Primo de Rivera), decide apresuradamente saír de España. Nunca regresaría.

En realidade, Afonso nunca chegou a renunciar á Coroa oficialmente; pero ante a súa ausencia, as masas inundan as rúas das cidades e o poder foi asumido por un Goberno Provisional, representado polos mesmos políticos republicanos que andaban a conspirar contra a monarquía. Ese mesmo día, 14 de abril de 1931, proclamouse a Segunda República Española.

O novo Goberno, encabezado por Niceto Alcalá-Zamora, convoca eleccións a Cortes Constituíntes, para elaborar a Constitución de 1931, na que se implanta un réxime democrático con numerosas reformas de tipo progresista. Noméase a Alcalá-Zamora Presidente da República, mentres que o xefe do Goberno pasa a ser Manuel Azaña. O seu goberno durou algo máis de dous anos, polo que se coñece xeralmente como Bienio Reformista. O nome deste período débese ás numerosas reformas realizadas, que pretendían cambiar radicalmente o funcionamento do país en diversas materias: reforma do exército, reforma agraria, reforma educativa, reforma eclesiástica, autonomía a certas rexións como Cataluña...

 Desde os primeiros días da República, comezan os ataques á Igrexa que xa viñan sendo habituais desde o século anterior. O anticlericalismo deixa un rastro de conventos incendiados ou destruídos, ademais da persecución a numerosos crentes e membros da Igrexa católica. Por outra banda, prodúcense varias sublevacións de grupos anarquistas, que consideraban as reformas de Azaña insuficientes e desexaban a destrución inmediata do Estado e a implantación de comunas de traballo local.

Ante estes excesos e a inestabilidade, apareceron novos partidos de dereita. Os grupos de dereita tradicional uníronse na Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA), mentres que as ideas do fascismo italiano da época callaron en novas agrupacións, en especial a Falanxe Española, fundada por José Antonio Primo de Rivera (fillo do ditador dos anos vinte). Ademais, algúns militares escandalizados pola inestabilidade organizaron un golpe, dirixido polo xeneral José Sanjurjo, que pouco antes fixera posible a creación da República. Este golpe de Estado de 1932, coñecido habitualmente como a “Sanjurjada”, fracasou, sendo Sanjurjo condenado a morte, e máis tarde perdoado e exiliado a Portugal.

O goberno de Azaña remataría a causa dunha nova sublevación anarquista en Casas Viejas (Andalucía), en 1933, pola responsabilidade que tivo na brutal represión levada a cabo contra os sublevados. A finais dese ano convocábanse novas eleccións, que levaría ao poder ás dereitas.


8.4. O Bienio Conservador e a Fronte Popular (1933-1936)

As eleccións de novembro de 1933 foron gañadas pola CEDA, dirixida por José María Gil Robles, o que levaba ás dereitas ao Goberno da República. Porén, sendo a CEDA unha agrupación composta por partidarios da monarquía (e isto non se toleraba na II República), Gil Robles aceptou que fose un partido republicano o que presidira o Goberno, polo que foi elixido Alejandro Lerroux, líder do Partido Radical, o máis conservador dos partidos republicanos. As dereitas gobernarían durante algo máis de dous anos, e por iso se coñece este novo período como Bienio Conservador.

Os gobernos desta etapa dedicáronse a modificar ou suspender todas as anteriores reformas levadas a cabo por Azaña. Como consecuencia, creceu a tensión entre as esquerdas e as dereitas; esa tensión estouparía definitivamente en outubro de 1934, cando Lerroux permitiu que entraran no Goberno tres ministros que pertencían á CEDA. O PSOE de Largo Caballero e outros partidos de esquerda organizaron entón unha folga revolucionaria, que pretendía derrocar o réxime da República e dar paso a unha ditadura do proletariado, inspirada na revolución bolxevique rusa que tivera lugar 17 anos atrás. Pero a insurrección non tivo éxito, a excepción de dous focos:

v  En Asturias, as organizacións obreiras ocuparon a conca mineira, onde se fixeron fortes grazas ao armamento e explosivos e trataron de crear un Goberno revolucionario. Este levantamento tivo que ser duramente reprimido polo exército, cuns 2.000 mortos e 30.000 detidos.

v  En Cataluña, o Goberno autónomo sumouse á insurrección, e o Presidente Lluís Companys proclamou o Estado Catalán dentro da República Federal Española. Pero sen o apoio das autoridades militares, horas despois os responsables foron encarcerados.

A finais de 1935, os gobernos de dereitas fóronse debilitando por enfrontamentos ideolóxicos e varios casos de corrupción que foron aparecendo. Así, convocáronse eleccións en febreiro de 1936; as esquerdas uníronse agora nunha gran formación que lles permitiu gañar, a Fronte Popular, na que se atopaban socialistas, comunistas e republicanos de esquerda, xunto con algúns nacionalistas. Na dereita, as loitas entre partidos fixeron que dividisen as súas forzas e isto prexudicou os seus intereses.

O Goberno da Fronte Popular retomou as reformas que foran anuladas e liberou os presos da revolución de 1934. As tensións políticas eran cada vez máis pronunciadas, e foise desatando un clima de violencia crecente nos meses seguintes, na “Primavera Tráxica”. Algúns militares, encabezados polo xeneral Mola, desde Pamplona, comezaron a conspirar contra a República.

A noite do 12 de xullo de 1936, membros da garda persoal do socialista Indalecio Prieto chegaron á casa dun dos líderes da dereita, o galego José Calvo Sotelo, para secuestralo e asasinalo. O seu corpo apareceu o día seguinte. Menos dunha semana despois, o 18 de xullo, quedaba fixada a data para o levantamento militar. Só unha parte do país o apoiaría, o que provocou unha guerra civil que había durar case tres anos.


8.5. A guerra civil

O golpe do 18 de xullo adiantouse un día en Melilla, e coa chegada do xeneral Franco desde Canarias decantou o Protectorado cara aos militares sublevados, como o propio arquipélago canario. A península quedou dividida en dúas zonas en conflito:

v  As grandes cidades e zonas industriais (Madrid, Barcelona, Bilbao, Asturias...) conseguiron derrotar a sublevación militar, e integraron o que se coñece como “bando republicano”. Como as autoridades desconfiaban do exército, foron os sindicatos e os partidos de esquerdas os que armaron e formaron milicias populares, que en moitos casos se dedicaron a realizar a revolución social que perseguía a súa ideoloxía, expropiando terras e fábricas, perseguindo aos simpatizantes das dereitas e creando frecuentes conflitos entre eles mesmos.

v  Galicia, o Norte de Castela, Navarra e outras rexións interiores apoiaron o levantamento desde o primeiro día, conformando o chamado “bando nacional”. Para unificar o mando das operacións, creouse unha Xunta de Defensa Nacional, na que o xeneral Franco, por ser o que levaba a iniciativa e ter o maior prestixio entre os seus pares, foi nomeado xefe de todos os exércitos, xefe do Goberno e mesmo xefe do Estado, con plenos poderes, o que lle permitiría despois da guerra continuar como dirixente político do país.

Entre ambas zonas en conflito, aínda sendo similares en tamaño, había grandes diferencias nos recursos dispoñibles: o 80% da industria atopábase na zona republicana, mentres que o territorio rebelde (bando nacional) dependía do agro.

A guerra civil española non foi só un conflito interno; pola contra, este enfrontamento tivo grandes repercusións internacionais, e pódese considerar un campo de probas de cara á II Guerra Mundial, que comezaría xusto ao remate da guerra en España. No mesmo momento da sublevación, Franco desde Marrocos quedou illado pola negativa da frota republicana a participar no golpe; foi así como contactou co Goberno alemán mediante axentes situados en Tánxer. Hitler estivo de acordo en facer o transbordo das tropas de Franco en avións sobre o estreito; máis tarde continuou a súa axuda militar, en forma de forzas aéreas (Lexión Cóndor), e máis a do seu aliado Benito Mussolini, que enviou o Corpo Truppe Volontarie en axuda do bando nacional.

Reino Unido e Francia, ante o dilema de participar en axuda da República, decidiron absterse. O Goberno británico non era especialmente simpatizante da Fronte Popular que gobernaba España, e ademais había unha gran tensión con Hitler neses anos, como xa vimos na política de “pacificación” seguida por Neville Chamberlain. En conclusión, británicos e franceses decidiron conveniente asinar o Acordo de Non Intervención, polo que se comprometían a non intervir na guerra, e fixérono asinar tamén a Alemaña, Italia e a URSS (os cales seguiron participando, ignorando dito acordo).

O bando republicano quedaba en mans dun único aliado, a URSS de Stalin, que enviou certo armamento, previo envío dos depósitos de ouro do Banco de España a Moscova, de onde nunca regresou. Ademais, chegaron a combater do lado republicano as chamadas Brigadas Internacionais, miles de voluntarios coordinados pola Internacional Comunista (Komintern), en numerosos batallóns chegados de moi diversos países.


Comments