TEMA 09. A GUERRA FRÍA - 4ºESO(pdf)
Tema 9. A
Guerra Fría
9.1.
A xénese da Guerra Fría
A Guerra Fría foi o estado de tensión
permanente que caracterizou as relacións internacionais entre 1947 e 1991.
Durante ese período o mundo dividiuse en dous bloques antagónicos:
● O bloque occidental, encabezado por EE. UU., caracterizado por
sistemas políticos democráticos e economías capitalistas de libre mercado.
● O bloque comunista, liderado pola URSS, que defendía un sistema
político totalitario de tipo marxista-leninista e unha economía planificada
polo Estado.
Dende
os últimos meses da II Guerra Mundial xa se ía vendo que a cooperación entre os
aliados, aínda que axudaba a derrotar a Hitler, producía diversos roces e
enfrontamentos entre Stalin e os dirixentes occidentais. Xa en 1946, Churchill
anunciou nun famoso e polémico discurso que unha “cortina de aceiro” dividía Europa en dous. En 1947, comezaron as tensións entre as superpotencias: crises en Iran
e Turquía, guerra civil en Grecia… Por iso, adóitase considerar que este ano
deu comezo a Guerra Fría, que se prolongaría ata finais dos anos 80.
Podemos
resumir as características da Guerra Fría nos seguintes puntos:
➔ Articulouse un sistema bipolar, en que ambas
superpotencias, cunha capacidade bélica e destrutiva semellante, mantiñan un
clima de tensión internacional permanente.
➔ Deuse unha carreira de armamentos, que aumentou
perigosamente a capacidade destrutiva de ambas as superpotencias, con armamento
atómico, bombas de hidróxeno, mísiles intercontinentais… Esta competencia
trasladouse tamén ao ámbito cósmico, onde os contendentes loitaban pola
conquista do espazo.
➔ Delimitáronse áreas de influencia por parte das dúas
superpotencias. En cada zona, estadounidenses e soviéticos trataron de impedir
que calquera dos países incluídos na súa órbita puidese desviarse dos
obxectivos trazados e castigaron as disidencias.
➔ Empregouse a propaganda por parte de ambas
superpotencias para reforzar as súas respectivas zonas de influencia,
convencéndoas dos perigos que representaba o bloque contrario e impedindo que
penetrase nelas a ideoloxía rival.
➔ A política do “bordo do abismo” foi un recurso
habitual, alternando momentos de alta tensión, cando algún país superaba os
límites da zona de seguridade, e momentos de distensión, nos que se chegaba a
acordos de seguridade ou de non proliferación de armas. Os momentos de tensión
buscaban a disuasión, é dicir, o medo a actuar ante unha ameaza de guerra
nuclear, que provocaría a destrución total de ambos.
➔ Había conflitos de baixa intensidade, de carácter rexional, que non
implicaban un perigo para a paz mundial, nos cales as superpotencias interviñan
axudando directa ou indirectamente a un dos contendentes segundo a ideoloxía de
cada un.
➔ Desenvolvéronse actividades
de espionaxe mediante os servizos
secretos, a CIA e o KGB, para coñecer os avances científicos, tecnolóxicos
e armamentistas do adversario.
9.2.
Os bloques da Guerra Fría
Dentro
do bloque occidental ou capitalista, Estados Unidos afianzou o
seu liderado na maioría dos países de Europa occidental, onde se estableceron
democracias e economías de libre mercado. España e Portugal irían aproximándose
máis tarde ao resto deste bloque. Houbo tres grandes eixes que deron cohesión a
esta agrupación:
❖
A doutrina Truman ou doutrina da contención: en 1947, os efectos da II Guerra Mundial
nos países de Europa occidental eran moi graves: escaseza de alimentos e de
combustible, infraestruturas desmanteladas e un deficiente sistema financeiro.
A xuízo da administración estadounidense, corríase o risco de que o comunismo
se impuxera nesta zona dada a situación. Por iso, o presidente de EE. UU., H.
S. Truman, puxo en marcha unha
política exterior centrada na contención do comunismo a través dun programa de axuda económica.
❖
Programa de Reconstrución Europeo, coñecido como Plan Marshall: o Goberno estadounidense
deseñou un plan de axudas á economía europea por valor de case 13.000 millóns
de dólares. O plan beneficiou dezasete países de Europa, entre os que non se
atopaba España, illada por non contar cun goberno democrático.
❖
A Organización do Tratado do Atlántico Norte
(OTAN): en 1949 asinouse en Washington o Tratado do Atlántico Norte, que
estableceu unha alianza militar defensiva contra calquera agresión ao mundo
occidental. Inicialmente estivo integrada por Bélxica, Canadá, Dinamarca, EE.
UU., Francia, Islandia, Italia, Luxemburgo, Noruega, Países Baixos, Portugal e
o Reino Unido.
En
canto ao bloque oriental ou comunista, foi organizado baixo o
liderado da Unión Soviética, convertendo os países de Europa central e oriental
en auténticos “satélites” cunha
total dependencia política e económica respecto da URSS. Romanía, Hungría,
Checoslovaquia, Polonia, Bulgaria e a República Democrática Alemá (RDA) viron
así como se impoñían réximes totalitarios coñecidos como “democracias populares”. En realidade, eran ditaduras de partido
único nos que non se respectaban os dereitos e liberdades fundamentais dos
cidadáns e se reprimía con dureza calquera tipo de oposición.
Co
fin de afianzar o seu dominio, a URSS utilizou unha dobre táctica económica e
militar:
a)
En 1949 creouse o Consello de Axuda Mutua
Económica (Comecon), que tiña o
obxectivo de coordinar a planificación da economía dos países do bloque, como
se viña facendo na URSS, e consensuar un sistema de axuda económica mutua.
b)
Así mesmo, e en resposta á OTAN, en 1955 fundouse
o Pacto de Varsovia, que foi unha
alianza militar entre a URSS e os países europeos da órbita soviética para
defenderse ante calquera agresión do bloque occidental. Este acordo militar, en
realidade, utilizouse máis para impoñer a orde dentro do bloque comunista ca
para o seu obxectivo teórico.
9.3.
Dos inicios á coexistencia pacífica (1947-1953)
Os
primeiros anos da Guerra Fría foron os máis duros. Aínda que houbo outras, dúas
grandes crises destacaron neste período:
●
A guerra
civil en Grecia. A II Guerra Mundial deixou a Grecia nunha situación de
guerra civil entre os partisanos
comunistas, que combateran o exército nazi e recibían apoio da URSS para
facerse co goberno do país, e os monárquicos,
que contaban con axuda británica. A importante cooperación estadounidense,
xunto co enfrontamento dentro do partido comunista grego, deron a vitoria aos
monárquicos. O interese das superpotencias neste país era sobre todo
estratéxico, pola proximidade aos estreitos do Bósforo e os Dardanelos.
●
O bloqueo
de Berlín. Tras a guerra, os países vencedores acordaron a división de
Alemaña en catro sectores, cada un deles administrado por un país. Berlín,
aínda que estaba situado dentro da zona soviética, tamén foi dividido en catro
zonas de ocupación. En 1948 os aliados unificaron as súas zonas nun só Estado,
a República Federal Alemá (RFA). A
resposta de Stalin foi o bloqueo
terrestre de Berlín, é dicir, cortou as estradas que permitían acceder á
capital desde a RFA. Pero a resposta estadounidense foi unha inmensa ponte
aérea para garantir o abastecemento da poboación de Berlín occidental. Stalin
non foi quen de subir o nivel de intensidade da confrontación, e o bloqueo foi
levantado o ano seguinte. Como reacción á RFA, Stalin creou a RDA na zona de Alemaña controlada polo
seu exército.
Mentres,
en Asia, a guerra civil en China
volveu a intensificarse despois da derrota de Xapón na II Guerra Mundial. O Kuomintang ou Partido Nacionalista
Chinés, liderado por Chiang Kai-Shek, combatía o avance do Partido Comunista Chinés, dirixido por Mao Zedong. Pero finalmente Mao puido impoñerse e tomar o poder,
asinando a continuación un tratado de axuda mutua con Stalin. A entrada de
China na órbita soviética supuxo un gran triunfo diplomático e estratéxico para
a URSS, dado que a súa ideoloxía se fixo co control dunha gran parte da
poboación mundial. O bando nacionalista de Chiang Kai-Shek tivo que fuxir da
China continental, refuxiándose na illa de Formosa, onde se creou a República
de China, hoxe máis coñecida como Taiwán.
Outro
conflito bélico en Asia foi a guerra de
Corea. Corea formaba parte do imperio xaponés antes da II Guerra Mundial, e
tras o fin da guerra quedou dividida polo paralelo
38º N, en:
→
Corea do Norte, cun goberno
comunista que apoiado pola URSS e liderado por Kim Il Sung.
→
Corea do Sur, un Estado
prooccidental, aínda que autoritario, apoiado por EE. UU. e dirixido por
Syngman Rhee.
En 1950 Corea do Norte invadiu Corea do Sur, e case tiña vencido, cando a ONU autorizou unha intervención e EE. UU. logrou reconquistar o territorio do Sur, e mesmo chegar a avanzar na parte Norte. Pero nese punto, o China iniciou un contraataque masivo. O xeneral MacArthur propuxo o uso da bomba nuclear, pero foi destituído e non se levou á práctica a idea. Como ningún dos bandos conseguía impoñerse, o conflito estancouse en 1953 co armisticio de Panmunjon, que consolidaba a existencia de dous Estados separados por unha franxa controlada pola ONU. Ante a ausencia dun tratado de paz posterior, a situación mantense así desde entón...
9.4.
Da coexistencia pacífica á crise dos mísiles (1953-1962)
En
1953, coa morte de Stalin, a URSS comeza unha nova etapa na súa historia. O seu
sucesor sería Nikita Khruschev,
sendo elixido Primeiro Secretario do PCUS. Nos Estados Unidos iniciábase a
etapa de Dwight Eisenhower como
Presidente, e deste xeito abríase unha nova etapa nas relacións entre os dous
bloques que se denominou coexistencia
pacífica. Non obstante, a pesar de rebaixarse a tensión entre as
superpotencias houbo certas crises localizadas.
Baixo
o mandato de Khruschev viviuse unha certa apertura no bloque comunista, e nese
contexto en Hungría xurdiu un
importante movemento de protesta e crítica ao comunismo na poboación. En
outubro de 1956 producíronse manifestacións demandando liberdades, e o exército
húngaro uniuse aos manifestantes, transformándose a protesta nunha verdadeira
revolución. Un mes despois, Hungría anunciou a súa saída do Pacto de Varsovia e solicitoulle á ONU ser recoñecida como
país neutral. Os tanques soviéticos
entraron en Budapest e acabaron coas pretensións húngaras.
Berlín, como xa vimos, quedara dividido en
dous sectores despois da creación da RFA e a RDA: o sector occidental, pertencente á RFA, e o oriental, capital da RDA. Entre ambas zonas existían grandes
diferenzas: o sector occidental gozaba dunha economía moito máis próspera ca o
oriental e a súa poboación gozaba de liberdades. Por iso, moitos habitantes da
Alemaña Oriental escapaban á zona occidental. As autoridades comunistas
decidiron poñer fin a esas fuxidas coa construción, en 1961, dun muro que dividiu Berlín durante case
trinta anos. O muro foi reforzado durante anos con medidas de seguridade
extrema. A pesar diso, e conscientes de lanzarse a unha morte probable, miles
de cidadáns da RDA tentaron a súa sorte empregando os máis diversos e creativos
plans de fuga, con tal de ter unha oportunidade de escapar das súas penurias.
En
1959, a guerrilla liderada por Fidel
Castro puxo fin ao goberno autoritario de Batista en Cuba. O novo Goberno foi visto como unha ameaza para os intereses
económicos estadounidenses na illa. En 1961, exiliados cubanos, apoiados por
EE. UU., invadiron a baía de Cochinos,
na costa suroccidental de Cuba, coa intención de derrocar o réxime de Castro.
Pero a invasión foi un completo fracaso, e tivo como consecuencia un xiro ideolóxico do novo ditador, quen
se aproximou á URSS e abrazou a doutrina comunista.
Nese contexto produciuse en 1962 a crise dos mísiles. Avións espía estadounidenses detectaron a presenza en Cuba de ramplas de mísiles nucleares soviéticos. O presidente estadounidense Kennedy decretou o bloqueo naval de Cuba para evitar a chegada de subministracións militares á illa e ameazou a URSS con invadir Cuba se non retiraba os mísiles. O momento máis grave produciuse cando buques estadounidenses pecharon o paso a un convoi soviético que se dirixía a Cuba e que se negou a deterse. Finalmente, Khruschev ordenou a retirada dos barcos e o desmantelamento das ramplas de mísiles, a cambio de que EE. UU. non invadise Cuba. Malia todo, EE. UU. mantivo a presión sobre o réxime de Castro.
9.5.
Da máxima tensión á crise (1963-1973)
Tras
a crise de Cuba, iniciouse unha nova etapa de contactos entre as dúas
superpotencias co fin de limitar a produción de armamento atómico e evitar un
conflito de consecuencias catastróficas. En 1968 asinaron o Tratado de Non
Proliferación das Armas Nucleares, e en 1972 os chamados Acordos SALT I para
a limitación de armas defensivas nucleares estratéxicas.
A
comezos de 1968, Alexander Dubcek, líder do Partido Comunista de Checoslovaquia,
emprendeu unha serie de liberdades políticas e económicas, que ilusionaban a
sociedade ante a construción dun “socialismo de rostro humano”. Non
obstante, a URSS non o permitiu. Coas forzas do Pacto de Varsovia invadiu
Checoslovaquia, Dubcek fuxiu do país e, pese ás protestas da poboación, a
Unión Soviética obrigou o novo Goberno checoslovaco a retomar a liña marcada
desde Moscova.
Un
dos focos máis importantes do período foi Vietnam, que formaba parte da
colonia francesa Asiática chamada Indochina. No ano 1954, Francia retirou a súa
presenza na colonia, e a rexión de Vietnam quedou dividida en dous Estados,
separados polo paralelo 17º N: Vietnam do Norte, cun réxime comunista
encabezado por Ho Chi Minh; e Vietnam do Sur, cun réxime ditatorial,
pero simpatizante de Estados Unidos.
En
Vietnam do Sur, o réxime loitaba contra unha guerrilla comunista infiltrada
desde o Norte, chamada Vietcong, que buscaba derrocar o Goberno. EE.
UU., alarmado pola ameaza de que o comunismo se expandira por toda esta rexión,
foi aumentando a súa presenza en Vietnam do Sur, primeiro con asesores
militares e, a partir de 1964, con tropas estadounidenses que ían
combater directamente no terreo contra o Vietcong.
A
loita foi durísima e chea de atrocidades contra a poboación civil das aldeas e
pobos, entre a que se agochaban os guerrilleiros comunistas. Porén, pese á
superioridade tecnolóxica, aos ataques con armamento químico e aos bombardeos
masivos, o exército de EE. UU. non foi quen de acabar cun inimigo que usaba
tácticas guerrilleiras e que contaba co apoio popular. Os marines íanse
desgastando pouco a pouco, e o Vietcong lanzou a súa ofensiva definitiva en
1968. Esta guerra, a primeira da historia transmitida pola televisión,
amosábase imposible de gañar para os estadounidenses. Afrontaban ademais a
oposición interna de gran parte da poboación, especialmente na xuventude, que
influída polo nacente movemento “hippy” protestaba nas rúas contra a
intervención en Vietnam.
En 1973, o Presidente Richard Nixon chegou a un acordo de alto o fogo. EE. UU. retirou as tropas e a loita entre Norte e Sur continuou ata 1975, cando o Norte toma Saigón, capital do Sur, unificando ambos países nun: a República Socialista de Vietnam, que se sumou ao bloque comunista baixo a influencia da URSS.
9.6.
O rebrotamento e o final da Guerra Fría (1973-1991)
A
finais dos anos 70, e tras a derrota estadounidense en Vietnam, ten lugar un
novo incremento da carreira de armamentos nucleares. A comezos dos 80, a
URSS aumenta o seu arsenal con mísiles nucleares de alcance medio, que
despregou na súa área de influencia en Europa do Leste. Pola súa banda, en EE.
UU. chega á presidencia Ronald Reagan, que en 1983 despregará centenares
de mísiles de alcance medio en Europa occidental, que ameazaban con impactar no
máis profundo do territorio soviético. Pero ademais, Reagan permitiu a
realización do programa de Iniciativa de Defensa Estratéxica, popularmente
coñecido como “guerra das galaxias” (Star Wars), que pretendía
desenvolver un escudo espacial para destruír os mísiles soviéticos en caso de
ataque nuclear, antes de que estes puidesen caer sobre Estados Unidos.
Ante
un desafío de tales dimensións, a URSS, sumida nunha crise económica e política
por aquelas alturas, non foi quen de responder. O sistema produtivo
creado por unha economía planificada dende a creación da Unión Soviética amosou
ser incapaz de desenvolver realmente o país. Sobredimensionaba os investimentos
en industria pesada e armamento, o que lle dera un gran pulo internacional na
época de Stalin, pero descoidaba enormemente a produción de bens de consumo
para a poboación, polo que a longo prazo a base económica do país se atopaba
moi deteriorada.
En
consecuencia, nos anos 80 as tensións da Guerra Fría foron ascendendo e chegaron
ao nivel dos que foran os anos máis duros; non obstante, desde 1985, o bloque
comunista viuse afectado pola citada crise e entrou nun proceso de
descomposición que poría fin á propia Guerra Fría. Nese mesmo ano, Mikhail Gorbachev
chega ao poder na URSS, e ante a grave situación económica e política aplicou
un conxunto de reformas que pretendían rexenerar o país:
v A Perestroika,
reformas que permitían a pluralidade de partidos e certa economía de mercado.
v A Glásnost, que
permitía unha maior liberdade de prensa e de expresión.
Gorbachev
retomou unha actitude de diálogo e cooperación con EE. UU. para frear a
carreira de armamento, xa que estaba a provocar o colapso económico da URSS.
Finalmente, en 1987 Reagan e Gorbachev chegaron a pactar conxuntamente no Tratado
de Washington a destrución de mísiles de alcance medio e curto instalados
en bases europeas. Xa en 1991, coa presidencia de George Bush, reduciríanse os
mísiles intercontinentais e os seus sistemas de lanzamento.
Pero
o desenlace final da Guerra Fría viría acompañado de certos sucesos de gran
repercusión:
A saída dos soviéticos de Afganistán, poñendo fin a
dez anos de ocupación. Estados Unidos formou as milicias que combatían a
ocupación soviética do país, que logo integrarían os coñecidos talibáns e acabarían
enfrontándose a eles.
A caída do muro de Berlín, en outubro de 1989, seguida
en 1990 da reunificación de Alemaña.
A fin dos réximes comunistas en Europa do Leste e a
súa transición a sistemas parlamentarios.
A disolución da URSS en 1991, cando Gorbachev é
forzado a dimitir e a Unión Soviética se desintegra en 15 novas repúblicas.
Comments
Post a Comment