Tema 10. Novas formas de pensar: Renacemento e Reforma - 3ºESO (pdf)

 

Tema 10. Novas formas de pensar: Renacemento e Reforma

10.1. O humanismo, unha nova forma de pensar

A finais da Idade Media, Europa Iniciou unha fonda transformación política, social e económica. Estes cambios fixeron posible a aparición da corrente cultural chamada humanismo, xa existente no s. XIV, pero que tivo a súa plenitude no XV e principios do XVI.Os seus trazos principais foron:

       Fronte ao pensamento dominante en séculos anteriores, en que todos os aspectos da vida xiraban en torno a Deus (teocentrismo), deféndese agora o punto de vista do ser humano, é dicir, o antropocentrismo.

       Valórase a razón como ferramenta para coñecer o mundo, aínda que iso si, sen abandonar para nada a fe católica (de feito grandes humanistas, como Erasmo, eran eclesiásticos). Obsérvase a natureza, experiméntase con ela e créanse así as bases do método científico.

       Os humanistas sentiron unha gran curiosidade polo mundo físico e espiritual; aspiraban á sabiduría en todos os campos, e non ser especialistas nunha soa materia.

       O humanismo inspírase na cultura da Antigüidade de Grecia e Roma, grazas á tradución crecente de moitos textos e libros de autores clásicos desde finais da Idade Media.

       Ademais de reforzar o estudo do latín clásico, que se fora desvirtuando co paso dos séculos na Idade Media, vaise promover o emprego das linguas vernáculas ou romances (italiano, francés, etc.). Antonio de Nebrija publicou en 1492 o primeiro tratado de gramática dunha lingua vernácula, o castelán.

Entre as principais figuras do humanismo hai nomes coma Erasmo de Rotterdam, Tomé Moro, Antonio de Nebrija e Luis Vives.

1.  Nomea catro dos principais representantes do Humanismo.

O humanismo alcanzou unha gran difusión por Europa grazas a varios factores:

     A imprenta: a creación da imprenta moderna (con tipos móbiles) por Gutenberg cara a 1440 permitiu crear moitos libros en moi pouco tempo. Isto fixo que o prezo dos libros baixase e que fosen accesibles para unha maior parte da poboación.

     As relacións entre os humanistas por medio de viaxes e cartas, para compartir ideas.

     As academias, centros culturais nos que se desenvolvían coñecementos, como a Academia Platónica de Florencia, fundada polo mecenas Cosme de Médici.

     As universidades, entre outras as de Viena, Cracovia, Bolonia e Alcalá de Henares, que promoveron o estudo dos autores clásicos de Grecia e Roma.

2. Que centros se fundaron para que os humanistas puideran compartir os seus coñecementos?

3. Que invención revoluciona a reprodución de libros no s. XV? Como se chama o seu inventor?



10.2. Unha concepción diferente da ciencia e da arte

Como xa vimos, o humanismo destacou polo seu desexo de coñecer o mundo mediante a razón e a observación, realizando experimentos que confirmasen as teorías e argumentos propostos; é dicir, empregando o chamado “método científico”. As principais ramas científicas do humanismo foron a astronomía, a medicina e a física, ademais de todo o relativo aos descubrimentos xeográficos das expedicións castelás, que permitiron desenvolver a cartografía, a botánica e a zooloxía.

O astrónomo polaco Nicolás Copérnico publicou en 1543 o libro Das revolucións dos corpos celestes, en que desenvolveu a teoría heliocéntrica. Nela deféndese que o Sol era o centro de Universo e que todos os planetas, incluída a Terra, xiran en torno a el. Isto supuxo unha revolución que máis tarde sería confirmada polas observacións mediante os primeiros telescopios.

O médico e teólogo aragonés Miguel Servet descubriu a circulación pulmonar do sangue en 1553, grazas aos aportes de Andrés Vesalio, que anos antes publicara un libro de anatomía baseado na observación directa de corpos humanos falecidos.

No campo da física, o principal científico foi Leonardo da Vinci, ao que debemos numerosas achegas en mecánica, hidráulica ou aerodinámica. Inventou desde engrenaxes e dispositivos xiratorios ata embarcacións de guerra, pasando por unha máquina voadora, un guindastre, etc.

4.     Cita tres avances científicos do humanismo e os seus autores.

No terreo das artes, o humanismo favoreceu o desenvolvemento dunha corrente estilística que se denomina Renacemento, cuxo nome se debe á idea de rescatar a arte do mundo antigo. Para iso se empregaron certos modelos que se conservaban de época grega e romana. Noutros casos, dado que os restos daquel mundo xa eran moi escasos, simplemente se usaron elementos que “parecían” propios da Antigüidade. Podemos resumir o estilo renacentista nos seguintes trazos:

a)      O home convértese en protagonista das artes plásticas, desprazando en importancia a Deus e as referencias relixiosas (aínda que seguen tendo importancia).

b)      A Antigüidade clásica vai ser unha referencia moi habitual na temática e as formas.

c)      A financiación das obras provén dos mecenas, que poden ser burgueses adiñeirados, nobres ou altos cargos do clero, que buscan amosar o seu poder e perpetuar o seu legado.

d)      Os artistas gozan dun maior recoñecemento e pasan á historia coas súas obras, nas que plasman a súa sinatura, a diferenza do que era habitual anteriormente.

O estilo renacentista xurdiu na rexión de Toscana, en Italia, onde Florencia foi o principal centro de referencia durante o século XV (Quattrocento). No século XVI (Cinquecento), foi Roma o punto de difusión da arte renacentista, grazas ao impulso que exerceu o Papado por reflectir a súa autoridade e prestixio internacionais.

5.   Como se chaman os burgueses que acollen e financian artistas, para realzar o prestixio da súa familia e da cidade?



10.3. O Quattrocento

Os arquitectos renacentistas florentinos deseñaron edificios nos que predominaban as liñas horizontais. Buscábase ante todo a simetría e a proporción, para o cal empregaron sobre todo formas xeométricas: arcos de medio punto, frontóns, bóvedas de canón, cúpulas, etc. Un dos arquitectos máis importantes foi Filippo Brunelleschi, autor da cúpula da catedral de Florencia. Destacou tamén Leon Battista Alberti, coa fachada da igrexa de Santa María Novella.

A escultura inspirouse, igual ca a arquitectura, nos modelos clásicos. Centrouse na representación do corpo humano e concedeu unha especial importancia ás proporcións, á beleza e aos estudos anatómicos, polo que proliferaron os nus. Tamén se realizaron numerosos retratos e esculturas ecuestres. En ambos os casos tratouse de plasmar a personalidade do personaxe, pero representando as figuras de maneira idealizada. Os principais escultores do Quattrocento foron Lourenzo Ghiberti, autor das portas do baptisterio da catedral de Florencia; e Donatello, autor de obras como o David e o San Xurxo.

Os pintores do Quattrocento introduciron a perspectiva lineal, unha técnica que lles permitiu representar a profundidade. Ademais, lograron dar sensación de volume usando contrastes de luces e sombras (claroscuro) e gradacións dos tons das cores. Usaron tamén o escorzo, representando as figuras de forma perpendicular ao espectador. Seguíronse pintando escenas relixiosas, aínda que cun tratamento máis humano, pero introducíronse novos temas: mitolóxicos, retratos e paisaxes. Os principais pintores foron Masaccio, autor da Trindade; Mantegna, autor do Cristo morto; e Botticelli, que pintou O nacemento de Venus e A Primavera.

6. Nomea un edificio, unha escultura e dúas pinturas do Quattrocento.



10.4. O Cinquecento

Desde o s. XVI, Roma foi o principal centro da arte nacida en séculos anteriores. Os Papas promoveron o uso desta linguaxe artística para expresar a súa autoridade política internacional, amosándose ademais como herdeiros da antiga Roma. Na “cidade eterna” traballaron os arquitectos máis destacados, que realizaron obras como a basílica de San Pedro do Vaticano, na que interviñeron, entre outros, Donato Bramante e Miguel Anxo. A referencia para esta basílica e moitos outros edificios foi o pequeno templo de San Pietro in Montorio, deseñado por Bramante. A escultura deste período buscaba a grandiosidade e a monumentalidade, que Miguel Anxo representou coma ninguén. Destacan entre as súas obras A Piedade, David e Moisés.

Na pintura podemos mencionar catro grandes artistas:

*      Leonardo da Vinci: é o mestre do sfumato, técnica que consiste en difuminar os contornos para dar sensación de profundidade. Entre as súas obras atopamos a Santa Cea e a famosa Gioconda.

*      Miguel Anxo: é o autor dos frescos do teito e da parede do altar da Capela Sixtina, no Vaticano.

*      Rafael Sanzio: realizou retratos e obras de tema relixioso e filosófico, como A virxe do xílgaro e as pinturas das estancias vaticanas, das que forma parte A escola de Atenas.

*      Tiziano: foi o principal representante da pintura veneciana do Renacemento, que se caracterizou pola riqueza de cor. Entre as súas obras destaca A Venus de Urbino.

7. Nomea cinco obras do Cinquecento, abranguendo as TRES artes plásticas.



10.5. A expansión do Renacemento

Durante o século XVI, a arte renacentista estendeuse fóra de Italia. Non obstante, en moitos países mantivéronse as formas do Gótico ata ben entrado ese século.

En España, o saqueo de Roma por parte das tropas protestantes que combatían nos terzos provocaron un cambio nas tendencias artísticas da época. O Emperador Carlos V quixo desde entón reafirmarse como gran defensor do catolicismo e do Papado, polo que comezou a promover o estilo renacentista (que adoptaran como propio os Papas algúns anos antes). Así, podemos diferenciar os seguintes períodos ao longo do século XVI:

1)      O estilo plateresco, que aínda se asocia ao gótico, presenta unha decoración moi abundante. Foi o principal no primeiro terzo do século, destacando entre outras obras a fachada da Universidade de Salamanca.

2)      O estilo clasicista, que introduce xa as formas do Renacemento italiano, é claramente visible en edificios como o palacio de Carlos V na Alhambra, edificado polo Emperador na cidade na que pasara a súa lúa de mel.

3)      O estilo herreriano, dominante na segunda metade do s. XVI, toma o seu nome do arquitecto Juan de Herrera, creador do mosteiro de San Lourenzo do Escorial, en Madrid, cunha gran sobriedade, falta de decoración e harmonía xeométrica.

Na pintura, unha figura de gran importancia foi O Greco, artista que realizou obras relixiosas e retratos cheos de dramatismo e movemento, empregando un estilo único, con figuras alongadas e cheas de espiritualidade. Entre os seus numerosos cadros podemos mencionar algúns tan coñecidos como O cabaleiro da man no peito e O enterro do señor de Orgaz.

8.  Cita cinco obras do Renacemento español segundo a seguinte táboa:

Arquitectura plateresca

Arquitectura clasicista

Arquitectura herreriana

Pintura (x2)

 



10.6. Os cambios relixiosos: a Reforma

A comezos da Idade Moderna, a Igrexa católica encontrábase inmersa nunha profunda crise. As altas xerarquías vivían rodeadas de luxo, o que atentaba contra os principios cristiáns, e o clero tiña unha escasa formación, era facilmente corrompible e non exercía correctamente o seu labor pastoral. Nese contexto, o papa León X, preocupado por rematar a construción da basílica de San Pedro do Vaticano, concedeu unhas bulas de indulxencia, documentos emitidos polos Papas co fin de recadar cartos a cambio da “indulxencia” ou perdón dos pecados do comprador.

O monxe alemán Martín Lutero respondeu ante a venda de indulxencias en territorios alemáns publicando as coñecidas como 95 teses, coas que criticaba duramente os vicios do Papado de Roma e expoñía as bases para reformar a doutrina católica. Lutero foi perseguido por iso, pero negouse a retractarse das súas acusacións. Aínda que foi excomungado, salvou a súa vida grazas a que foi protexido por certos príncipes alemáns, que desexaban ter certa independencia respecto do Papa e do Emperador Carlos V.

A doutrina luterana pódese resumir nos seguintes puntos:

  •  As persoas sálvanse pola súa fe, non polas súas obras.
  • Toda a verdade revelada está contida nas Sagradas Escrituras, polo que os crentes poden lelas e interpretalas directamente, sen necesidade de acudir aos sacerdotes eclesiásticos.
  • Só hai dous sacramentos verdadeiros: bautismo e eucaristía.
  • O culto aos santos e á Virxe non aparece nas Escrituras, polo que debe suprimirse.
  • O celibato do clero, é dicir, a prohibición de casar, non foi instituído por Deus, senón pola Igrexa, de xeito que non é obrigatorio.
9.   Que publicou Martiño Lutero en 1517 como protesta contra certas prácticas da Igrexa católica?

O luteranismo expandiuse rapidamente polo centro e polo norte de Europa. En Alemaña, moitos nobres viron na Reforma a oportunidade para opoñerse ao emperador Carlos V, firme defensor do Papa, e enriquecerse, apropiándose dos bens da Igrexa. Por toda Europa xurdiron reformadores. En Xenebra (Suíza), Xoán Calvino defendeu que desde o nacemento o ser humano está predestinado á salvación ou á condenación, polo que carecen de importancia as súas obras. Os calvinistas pensaban que, para evitar que os crente pecasen, debían ser vixiados, razón pola que se impuxo unha ríxida censura. O calvinismo estendeuse por Suíza, os Países Baixos, Francia, Inglaterra e Escocia. En Francia, os calvinistas foron chamados hugonotes, en en Inglaterra puritanos.

En Inglaterra xurdiu o anglicanismo. O rei Henrique VIII provocou a ruptura con Roma cando o Papa se negou a concederlle o divorcio de Catarina de Aragón para casar con Ana Bolena. En 1534, publicouse a Acta de Supremacía, que convertía o rei na cabeza da Igrexa en Inglaterra. A doutrina anglicana conservou moitos aspectos do catolicismo, e adoptou co tempo algúns trazos do calvinismo e outros aspectos diferenciadores.

10.  Como se coñecen os seguidores de Xoán Calvino en Francia?

11.    Como se coñecen os seguidores de Xoán Calvino en Gran Bretaña?

12.   Que documento proclama a Henrique VIII de Inglaterra como cabeza da Igrexa inglesa en 1534?



10.7. A Contrarreforma

Entre 1545 e 1563 reuniuse o Concilio de Trento, en Italia, para tratar de conciliar os católicos e os protestantes. Finalmente non se logrou o obxectivo orixinal, que era reintegrar as igrexas protestantes de novo na igrexa católica romana. Europa quedou en adiante dividida en dous bloques relixiosos, e producíronse terribles guerras de relixión, como en Francia.

Pero ao menos serviu para que o bloque católico se unise e reforzase a súa doutrina, realizando o que se coñece como Contrarreforma, buscando a renovación interna e unha reorganización da Igrexa de Roma. Para iso, adoptou unha serie de resolucións:

  • Reafirmouse a doutrina tradicional da Igrexa: a validez dos sete sacramentos, a primacía do Papa, o culto á Virxe e aos santos, a indisolubilidade do matrimonio e a validez das boas obras para alcanzar a salvación da alma.
  • Dítanse normas para evitar a mala conduta do clero e fomentar a súa moralidade. Fundáronse os seminarios para mellorar a formación do clero e ordenouse que todos os bispos residisen nas súas dioceses.
  • Buscáronse novos métodos para estender a doutrina católica, como o catecismo e a creación de escolas.
13.    Indica cal era o obxectivo orixinal e o resultado final do Concilio de Trento.

Paralelamente ás novas medidas de Trento, nos anos anteriores xa se viñan reformando as antigas ordes relixiosas, para adaptalas ao seu tempo. Tamén se crearon outras novas, que pretendían renovar o mundo católico, como os escolapios, os irmáns de san Xoán de Xesús ou as ursulinas. Pero a máis importante de todas foi a Compañía de Xesús, fundada en París en 1534 polo vasco Ignacio de Loyola e recoñecida polo Papa uns anos despois. Esta orde, coñecida tamén como os xesuítas, levaría por todo o mundo católico (especialmente América e Asia) o espírito da Contrarreforma. Dedicáronse á predicación e á ensinanza, fundando misións en territorios indíxenas onde se levaba a cabo un labor fundamental de educación da poboación.

14.   Cita unha orde relixiosa fundada no s. XVI para expandir polo mundo a fe católica establecida no Concilio de Trento.

Comments