Tema 6. Un mundo de cidades
Tema 6. Un mundo de cidades - 3ºESO (pdf)
Tema 6. Un
mundo de cidades
6.1.
A cidade: funcións e estrutura
Debemos diferenciar dous conceptos relacionados coa Xeografía urbana:
- O espazo urbano é o territorio que ten densidades de poboación superiores aos 150 hab./km2 e no que predominan os usos artificiais do solo, como as vivendas, as infraestruturas de transporte, as fábricas e outros elementos similares.
- A cidade é un tipo de localidade que se encontra no espazo urbano e que se diferencia doutros tipos de localidades por presentar certos trazos, entre outras:
- Un elevado número de habitantes, concentrados en pouco espazo.
- Un predominio de actividades do sector secundario ou terciario.
- Un estatuto administrativo de cidade, que se reflicte en dispoñer do título histórico de “vila”, contar con institucións municipais coma a Casa do Concello, etc.
A
cidade é unha agrupación de habitantes que ven a satisfacer unha serie de
necesidades ou funcións. A principal en xeral é a función residencial,
xa que serve para compartir un espazo onde vivir en proximidade dun gran número
de persoas e de servizos que se poden compartir. Pero ademais, existen outras
funcións, que en cada cidade poden ter máis ou menos importancia:
v Función comercial, tanto a escala local coma
internacional. Destacan as cidades situadas nas principais carreteiras, ríos ou
portos de mar, como pode ser Lisboa por exemplo.
v Función industrial, nas cidades que medraron moito
grazas ao desenvolvemento da industria, como ocorreu no caso de Vigo.
v Función
político-administrativa, especialmente en capitais e sedes de institucións políticas
, caso de Madrid.
v Función cultural, onde abundan centros
educativos, museos, teatros, etc. Un exemplo destacado podería ser Salamanca.
v Función turística, onde existen lugares de
interese para ser visitados, como en Venecia.
v Función relixiosa, en centros de peregrinación
como a cidade da Meca, en Arabia.
1.
Enumera cinco funcións que poden cumprir as cidades.
A
estrutura interna dunha cidade amosa unha serie de partes ben diferenciadas. Nas
cidades europeas antigas, distinguimos tres grandes zonas segundo a súa
evolución histórica: un pequeno e irregular casco histórico; os ensanches
de grandes rúas en cuadrícula realizados no s. XIX; e unha periferia que
cada vez se desenvolve máis grazas aos nosos modernos medios de transporte.
Ademais,
no centro das grandes cidades e xunto ao casco histórico atopamos o denominado Central
Business District (CBD), con grandes edificios que concentran as sedes dos
principais bancos e grandes empresas, etc. Polo que respecta á periferia, nela
se localizan moitos tipos de espazos, como os principais barrios
residenciais (ou “cidades dormitorio”), áreas comerciais, polígonos
industriais, zonas de transporte (estacións), áreas educativas,
sanitarias, etc.
2.
Que parte das cidades se edificou durante o s. XIX? Que forma
presentan as súas rúas?
6.2. A organización do espazo urbano
Igual
que existen diferentes partes nunha cidade, como vimos, podemos dividir tamén o
espazo urbano, que é o territorio no que se poden atopar varias cidades,
xeralmente relacionadas entre si. Así, distinguimos no espazo urbano: a cidade
central, o espazo periurbano e a área rururbana.
A cidade central é a principal
concentración que hai no espazo urbano, e é o elemento organizador do mesmo, xa
que nela se concentra a maioría de servizos, vivendas, institucións, empresas,
etc.
O espazo
periurbano é un anel amplo arredor da cidade central. Este espazo, xunto
coa cidade central, constitúe unha rede chamada área metropolitana. As
localidades do espazo periurbano teñen concello propio, pero dependen
fortemente da cidade central. Parte da
súa poboación traballa na cidade central, ou acode a ela para utilizar os seus
servizos, como hospitais, teatros, etc.
3.
Como se coñece o conxunto formado por unha cidade central e
outras localidades circundantes dependentes dela?
4.
Como se coñece un espazo que, sen deixar de ser rural, acolle
poboación e actividades tipicamente urbanas?
6.3. O proceso de urbanización
A
comezos do s. XX, só un 13% da poboación mundial vivía en cidades. Hoxe, acollen
a máis do 53% da poboación, e estímase que en 2050 esta porcentaxe rolde o
70%. Falamos de urbanización para referirnos ao proceso polo que o
espazo urbano gaña habitantes en detrimento da poboación rural.
Este
proceso de urbanización comezou nos países máis desenvolvidos hoxe, pero
actualmente está a ter máis intensidade nos menos desenvolvidos. A pesar
diso, os máis desenvolvidos seguen sendo os máis urbanizados en xeral.
Outro
trazo do urbanismo actual é o aumento das megacidades, que son
aglomeracións urbanas con máis de 10 millóns de habitantes. En 1975, só había
cinco; na actualidade superan a vintena e en 2025 poderían ser máis de 30, a
maioría situadas en países emerxentes e en desenvolvemento. O Gran Tokio,
que inclúe a súa área metropolitana, é a megacidade máis poboada do mundo.
Porén,
a meirande parte da poboación urbana do mundo vive en cidades medianas e
pequenas, xa que moitas antigas grandes cidades se van expandindo cara á outras
próximas máis pequenas.
O aumento incesable da poboación urbana no mundo pódese explicar por varios factores, especialmente os seguintes:
- O predominio dos postos de traballo no sector terciario na actualidade (terciarización da economía), xa que se concentran fundamentalmente nas cidades e non no medio rural.
- A existencia de poboación nova nas cidades, que chega en busca de traballo e pola súa idade tende a ter máis fillos que a poboación envellecida que queda no rural.
- En
que tipo de cidades vive a maioría da poboación urbana mundial, segundo o
texto?
- Que
países son os que teñen un maior CRECEMENTO actual de poboación urbana?
- Que
países son os que teñen unha maior PORCENTAXE actual de poboación urbana?
6.4. A rede urbana mundial
As cidades relaciónanse entre si e forman unha rede
urbana cunha xerarquía, segundo a influencia que ten cada cidade na súa zona. A
influencia mídese polo desprazamento da poboación de lugares circundantes para
recibir certos servizos, acudir ao traballo diariamente, etc.
A rede mundial está encabezada polas consideradas cidades
mundiais ou globais, como Nova York, Londres, París ou Tokio, nas que se
sitúan actividades económicas de repercusión mundial. Son sedes das principais
institucións financeiras (bolsas de valores, grandes bancos...), e actúan como
centros dos fluxos económicos, políticos, culturais, etc.
Dentro de España, a rede urbana conta con varios
niveis, dende as dúas metrópoles nacionais (Madrid, Barcelona), con varios
millóns de habitantes e coas sedes das principais empresas e institucións; ata
as localidades e vilas máis pequenas, que se atopan na base do sistema.
- Como
se chaman os centros urbanos de maior influencia a nivel mundial?
- Que
cidades galegas encabezan a xerarquía urbana española segundo a
presentación? Que categoría teñen?
6.5.
Os grandes retos das cidades
As
cidades presentan problemas específicos polas características propias do espazo
urbano: a alta densidade de habitantes, a súa mobilidade, o intenso uso de
medios de transporte, etc. Un deles é o fenómeno de aumento relativo da
temperatura nas zonas urbanas, que se coñece como “illa de calor”. Dáse
sobre todo nas noites sen vento nin nubes, e débese sobre todo aos materiais de
construción (formigón, asfalto...), á altura dos edificios e á emisión de gases
de combustión dos vehículos, industrias e calefaccións. No espazo rural que
rodea as cidades, pola contra, a vexetación e as masas de auga preservan un
ambiente máis fresco.
Por
outra banda, as cidades teñen unha densa rede de transporte para facilitar os
intensos fluxos de persoas e de mercadorías que se producen acotío. Cando a
rede de transporte non é suficiente para xestionar os movementos, atopamos
certos problemas de tráfico, como os atascos, a elevada sinistralidade,
un alto consumo enerxético e a contaminación atmosférica e acústica.
Outra
cuestión importante é a xestión dos residuos urbanos, que se producen en
enormes cantidades pola gran concentración de poboación e de consumo. Isto
require crear vertedoiros controlados, incineradoras, plantas de
reciclaxe e de compostaxe, etc. Cando os residuos se acumulan sen control, os
vertedoiros poden contaminar gravemente o terreo, o aire e a auga. En certos
casos, un vertedoiro pode derrubarse e causar unha catástrofe humana, como
aconteceu na Coruña en 1996, ou en Zaldibar (Biscaia) en 2020.
Finalmente,
podemos mencionar a creación de zonas de marxinalidade nas grandes
cidades, tanto en países desenvolvidos como no terceiro mundo. Cando a
poboación que chega ás cidades non se adapta correctamente á sociedade de
acollida, poden ocupar certas barriadas marxinais da periferia urbana,
denominadas de múltiples xeitos: “chabolas”, “guetos”, “favelas”, “slums”, etc.
- Que
fenómeno eleva a temperatura media dos espazos urbanos? Como se podería
evitar en certa medida?
- Nomea
ao menos tres sinónimos que coñezas para falar dos barrios marxinais nas
grandes cidades.
6.6. As cidades de España
En
España, o proceso de urbanización foi tardío, lento e presentou varias
interrupcións. Desenvolveuse paralelo ao proceso de industrialización e
provocou un masivo éxodo rural. Distinguimos tres etapas no desenvolvemento
do medio urbano español:
1) Desde mediados do s. XIX a
1955 foi un proceso lento. A poboación rural dirixiuse a unhas poucas cidades,
sobre todo Barcelona, Bilbao e Madrid.
2) De 1955 a 1980 o proceso
acelerouse, coa industrialización do país. Un terzo da poboación emigrou do
campo ás cidades industriais, incluíndo novos destinos, como as cidades
litorais galegas.
3) Da década de 1980 ata hoxe
diminuíu o éxodo rural, e moitas empresas das grandes cidades trasladáronse a
zonas periféricas e a cidades medianas próximas, o que desenvolveu o modelo
actual de áreas metropolitanas.
- Entre
que anos se produce en España o maior crecemento do porcentaxe de
poboación urbana?
- A partir de que ano se desenvolven as áreas metropolitanas
e o modelo de cidade difusa en España?
Comments
Post a Comment