Tema 7. O reto do desenvolvemento - 3ºESO (pdf)

Tema 7. O reto do desenvolvemento

7.1. Os países segundo o seu desenvolvemento

O desenvolvemento dun país calcúlase tendo en conta a súa riqueza, por exemplo, os ingresos medios por habitante e a repercusión desta riqueza sobre a poboación, como o acceso á sanidade, o grao de alfabetización, a esperanza de vida ao nacer, etc. Existen distintas medidas:

o   A ONU publica anualmente o Índice de Desenvolvemento Humano, ou IDH, que avalía diferentes aspectos económicos e sociais, e proporciona a partir deles un valor entre 0 e 1, onde 0 é o nivel de desenvolvemento máis baixo e 1 o máis alto.

o   Outro indicador é o Índice de Pobreza Humana (IPH), que mide as carencias dunha sociedade respecto de varios aspectos fundamentais: a esperanza de vida, a porcentaxe de analfabetos adultos, a falta de acceso a auga potable, etc.

o   Nos países máis ricos, considérase tamén a exclusión social, é dicir, o illamento de grupos de persoas que non se integran na sociedade, e que se mide polo paro de longa duración (xente que non se incorpora ao mercado de traballo e polo tanto vive sen interactuar coa sociedade).

  1. Que fenómeno se refire a persoas de países ricos que viven ao marxe da sociedade?


7.2. Causas do atraso económico

Moitos países en desenvolvemento de África e Asia foron colonias europeas, especialmente de Reino Unido e Francia. Cando as colonias se independizaron, encontráronse nunha situación moi precaria, xa que as súas economías estaban atrasadas pola extracción sistemática de recursos que realizaban as metrópoles sobre elas.

Ademais, na independencia formáronse institucións democráticas imitando as da antiga metrópole, pero esas institucións, sen tradición histórica nesas sociedades, foron presa da corrupción e dos gobernos autoritarios que tomaron o poder, o que impediu unha economía de mercado libre.

Por outra banda, as metrópoles que abandonaban a colonia deixaban unhas fronteiras artificiais, xeralmente liñas rectas (sobre todo en África) que non se correspondían cos territorios que ocupaban as sociedades tribais tradicionais. Con todas estas circunstancias, foron moitos os conflitos armados, golpes de Estado e guerras civís, que ata hoxe perpetúan o atraso económico da meirande parte das antigas colonias.

  1. Como se chama o Estado que domina un territorio colonial?

Destaca tamén a débeda externa que os gobernos contraen, en complicidade cos organismos internacionais (Banco Mundial, FMI). Aínda que os países ricos son os máis endebedados, os non desenvolvidos son os que teñen máis problemas para afrontar o pago da súa débeda, que lastra totalmente o desenvolvemento. Para solucionar en parte esta problemática, o Banco Mundial e o FMI iniciaron programas de axuda aos chamados Países Pobres Moi Endebedados (PPME), mediante a condonación parcial ou total da súa débeda.

  1. Como se denominan os países que reciben axuda internacional para reducir ou eliminar a súa débeda externa?


7.3. A pobreza extrema e a fame

A pobreza extrema é a que afecta ás persoas que non poden satisfacer as súas necesidades básicas, como o acceso á auga potable, a alimentación, o coidado da saúde, etc., porque os seus ingresos son inferiores a 1,25 dólares diarios. Esta pobreza esténdese polas rexións en que a falta de servizos sanitarios e educativos dificultan o acceso da poboación a traballos produtivos, a explotación dos recursos naturais causou graves danos ao medio ambiente e as guerras e a corrupción política provocaron un mal uso dos recursos públicos e a diminución do investimento privado.

Na actualidade, a pobreza extrema reduciuse. O Banco Mundial calculou que de 1990 a 2010 o número de persoas nesta situación pasou de 1.900 millóns a 1.200. Nos países en desenvolvemento, a porcentaxe entre eses anos pasou do 47% ao 22% da poboación.

  1. Cal se considera o límite de ingresos para falar de extrema pobreza?


7.4. As desigualdades de saúde e benestar

Cada ano no mundo morren millóns de persoas por enfermidades que se poden previr, reducir ou curar, como a sida e a malaria, que son dúas das enfermidades que máis mortes provocan nas rexións en desenvolvemento. Case o 70% de enfermos de sida que hai no mundo vive en África subsahariana e aproximadamente o 15% son menores de idade. O número de novas infeccións diminuíu moito nos últimos anos. Arredor de 8 millóns de persoas dos países en desenvolvemento reciben medicamentos para tratar a sida. En 2010 producíronse 216 millóns de casos de malaria, que causaron unhas 660.000 mortes, a maioría en África. O 81% dos falecementos por esta enfermidade prodúcense en só 14 países.

Nos países en desenvolvemento, moitas mulleres morren durante o embarazo ou no parto. Unicamente a metade das embarazadas reciben atención prenatal e un terzo das nais dan a luz sen coidados médicos. Asia meridional e África subsahariana son as rexións cun maior nivel de mortalidade materna. Porén, esta diminuíu en todo o mundo un 47‰ nos últimos vinte anos.

A mortalidade infantil tamén se reduciu a nivel mundial nas últimas décadas. Aínda así, cada ano morren preto de 7 millóns de nenos menores de 5 anos, moitos deles como consecuencia de enfermidades que se poden previr (pneumonía, diarrea, paludismo...). Esta cifra aumenta nos países da África subsahariana, onde 1 de cada 9 nenos morre antes de facer os 5 anos, unha cifra 16 veces superior á media de mortes de nenos nos países desenvolvidos. 

  1. Cal é a rexión do mundo máis prexudicada por problemas sanitarios, segundo o libro?
  2. Nomea catro males que afectan a dita rexión.


7.5. As desigualdades económicas

Para medir o desenvolvemento económico dun país, unha das referencias máis empregadas é o Produto Interior Bruto (PIB) per cápita, é dicir, a riqueza producida nun ano dividida polo número de habitantes dun país. Por exemplo, os habitantes de Francia teñen un PIB per cápita de case 40.000 dólares, mentres que Luxemburgo, onde o PIB total é moito máis baixo polos poucos habitantes que ten, se medimos o seu PIB per cápita triplica a cifra de Francia (máis de 130.000 dólares anuais por habitante). Nos países máis pobres do planeta atopamos unhas cifras moi afastadas desas, como é o caso de Haití, onde a media por habitante é menos de 800 euros ao ano.

 En canto ao consumo, observamos grandes diferencias entre os países desenvolvidos e os menos desenvolvidos, vivindo a poboación destes últimos nunha situación de subsistencia e escaseza. Estes contrastes son enormes no consumo de alimentos. Nos países desenvolvidos, a obesidade está considerada como unhas das “epidemias do século XXI”, polo que podemos falar dunha situación de sobrenutrición. En cambio, en numerosos países de África subsahariana e nalgúns de Asia e Iberoamérica, abunda a desnutrición, cando non se cobren as 2.100 calorías mínimas diarias que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS).

O consumo de enerxía mostra tamén grandes diferencias. Mentres que China acapara o 16% do consumo de enerxía mundial, 2.500 millóns de persoas dependen da madeira para obter enerxía. Estas diferencias increméntanse noutros produtos máis caros: ordenadores, electrodomésticos...

  1. Nomea un exemplo de país cun PIB per cápita extremadamente baixo.
  2. Cal é a principal fonte de enerxía nos países máis pobres?


7.6. As desigualdades sociais

A pesar de que nos últimos anos se lograron no mundo importantes avances no acceso da muller á educación, as nenas seguen enfrontándose a grandes barreiras en moitas rexións de África e Asia. Ademais, en numerosos países deses dous continentes existe unha visible discriminación da muller en múltiples campos da vida social. Nos casos máis extremos, carece de dereitos xurídicos e non se lle permite expresar as súas ideas, quedando ademais excluída de calquera actividade social.

Outro problema considerable é a explotación infantil: existen no mundo 215 millóns de nenos que traballan en vez de asistiren á escola. A maioría destes nenos traballa na agricultura, axudando á súa familia para poder subsistir. Outros realizan actividades perigosas nas minas, na construción, etc. Algúns incluso se dedican a actividades ilegais que implican un gran perigo para a súa integridade, como o tráfico de drogas, a prostitución forzosa ou a guerra (nenos soldados). Este traballo infantil está diminuíndo a nivel mundial, excepto na África subsahariana, onde se produciu un incremento nos últimos anos.

Por último, podemos destacar a baixa taxa de alfabetización nos países máis pobres. O total de poboación alfabetizada no mundo chega ao 84%, pero mentres nos países desenvolvidos é próxima ao 100%, noutros segue sendo baixa. Por exemplo, en Mali só o 31% da poboación maior de 15 anos sabe ler ou escribir; de xeito similar, en Tchad é o 34%.

  1. Cal é, segundo o libro, a rexión do mundo na que os nenos afrontan as peores condicións de vida?
  2. Que dous retos principais afronta a infancia nos países en desenvolvemento?

Comments