Tema 9. A Idade Moderna, unha nova era - 3ºESO (pdf)

Tema 9. A Idade Moderna, unha nova era

9.1. Un tempo de exploracións

Ata os séculos XV e XVI, os europeos concibían o mundo dividido en tres partes, separadas por mares: Europa, Asia e África. E, contrariamente ao que se pensa, dende a antiga Grecia xa se era consciente da esfericidade da Terra... aínda que non se coñecera nada do que había alén o “Océano” (unha única masa de auga que se supoñía que envolvía toda a Terra coñecida).

Durante a Idade Media eran moi prezados en Europa os produtos exóticos que chegaban de Extremo Oriente, como a seda e as especias, que eran un distintivo de prestixio para os grupos dominantes da sociedade. Os mercadores traíanos a través da ruta da seda, unha serie de vías comerciais que unían Constantinopla con China. En 1453 os otománs conquistaron Constantinopla, absorbendo o Imperio bizantino e bloqueando así a ruta da seda. Foi entón cando moitos mercadores e gobernantes comezaron a pensar nunha ruta alternativa.

Ademais, a navegación ata aquel momento era basicamente de cabotaxe, é dicir, de cabo a cabo e sen perder de vista a costa, xa que era a única referencia fiable da ubicación na mar. Pero ao longo do século XV difundiuse o uso de varios instrumentos que facilitaron a navegación en alta mar, entre outros os seguintes:

*      O compás, que probablemente chegou a Europa desde Oriente a través dos comerciantes árabes, permitiu navegar sen ter a costa á vista e tamén de noite, polo que se acortaban as viaxes marítimas.

*      O astrolabio e o cuadrante posibilitaron calcular a latitude.

*      A corredeira e a ampoleta axudaron a medir a velocidade á que navegaba o barco.

*      Os portolanos eran cartas náuticas en que se representaban as costas, as rutas marítimas e os obstáculos que os mariños debían ter en conta ao navegar preto da costa. Isto deu un impulso á cartografía, que se desenvolvería completamente cos primeiros viaxes oceánicos.

Por outra banda, mellorouse a técnica de construción de barcos, engadindo un temón no eixe, que aumentaba a manobrabilidade. E apareceron novos modelos de embarcacións, adaptadas á navegación no océano, como a carabela, máis lixeira e segura, ou a nao, que tiña unha maior capacidade de carga.

 

1.   Que pobo domina as rutas comerciais terrestres entre Europa e os mercados asiáticos no s. XV?

2.   Cita cinco avances que permiten a navegación en alta mar dende o s. XV.


9.2. As exploracións portuguesas

Desde principios do s. XV, Portugal quería encontrar unha ruta cara á India distinta da que utilizaban os comerciantes italianos e musulmáns e, polo tanto, que evitase a navegación polo Mediterráneo. Deste xeito, os portugueses pensaban que poderían facerse co comercio das especias e da seda de Extremo Oriente.

O grande impulsor deste ambicioso proxecto foi o infante Henrique o Navegante, fillo do rei Xoán I de Portugal. Para salvar as dificultades, como a inexperiencia dos mariñeiros ou o medo destes a navegar cara ao sur do continente africano, onde as lendas falaban dun “mar tenebroso”, creou unha escola náutica en Sagres. Nela formáronse as tripulacións das expedicións, e cartógrafos chegados desde diferentes lugares do mundo elaboraron mapas máis precisos.

Os portugueses avanzaron pouco a pouco. Tras a conquista de Ceuta en 1415, descubriron as illas de Madeira (1419) e dos Azores (1431), que incorporaron a Portugal. En 1434 dobraron o cabo Bojador, ao sur de Marrocos; para iso tiveron que perfeccionar a navegación e dominar a técnica coñecida como “volta do mar”, que lles permitía sortear as correntes adversas e buscar as favorables para chegar ao seu destino.

En 1446 ocuparon as illas de Cabo Verde, e, no ano 1460, entraron no golfo de Guinea. Tras a morte de Henrique o Navegante en 1460, o avance portugués cara ao sur continuou, pero de forma máis lenta. En 1482, Diego Cao descubriu a desembocadura do río Congo e, en 1487, Bartolomé Díaz alcanzou o cabo de Boa Esperanza, no extremo sur de África, o que deixaba aberto o paso cara ao océano Índico.

Por eses anos, un tal Cristovo Colón visitara ao rei de Portugal unha nova ruta para chegar á India, navegando cara ao oeste polo Océano; pero o éxito de Bartolomé Díaz fixo que se desestimara unha idea así. En 1498, Vasco da Gama conseguía chegar á India, culminando así este proxecto e consolidando a presenza dos barcos portugueses no Océano Índico. Os portugueses crearon un grande imperio marítimo, defendido por factorías costeiras, que servían para dar comerciar co interior dos territorios  en que se atopaban e para dar abastecemento e asistencia aos barcos que transitaban por estas rutas.

 

3.  Que institución, fundada polo infante Henrique o Navegante, facilitou importantes avances para a navegación en alta mar?

4.  Como se chaman os enclaves comerciais construídos polos portugueses nas costas de África e a India?


9.3. As exploracións castelás

Cristovo Colón, un mariñeiro de orixes un tanto misteriosas, estaba convencido de que existía unha forma máis curta de chegar á India que a ruta arredor de África, navegando cara ao oeste e cruzando así a “mar Océana”. Pero esta idea resultaba unha empresa aloucada na época, polo enorme risco que supoñía investir unha considerable suma de cartos en formar unha frota que ía afastarse das costas para seguramente nunca retornar.

Tras a negativa de Portugal, Colón dirixiuse a Castela, onde Isabel e Fernando, os Reis Católicos, decidiron apoiar este singular proxecto. A expedición, formada por tres naves, partiu o 3 de agosto de 1492 do porto de Palos de la Frontera (Huelva). Dirixiuse primeiro ás illas Canarias, de onde parten unhas correntes mariñas e de vento que forman unha auténtica “autopista” cara ao oeste.

Despois de varias semanas vagando polo océano, cunha tripulación desesperada e a punto de amotinarse contra Colón, avistouse terra o 12 de outubro de 1492. Os cálculos do almirante indicaban que se atopaban en Cipango (Xapón); a realidade é que estaban na illa de Guanahaní, unha das que conforman as Bahamas. Despois de recalar en Cuba e A Española, regresou a Castela, e faría tres viaxes máis na súa vida, para explorar e asegurar o dominio castelán das novas terras.

Nos seus últimos anos, o diario de Colón nos di que el podía sospeitar que chegara a un novo mundo, distinto de Asia. En todo caso, o éxito da súa expedición dependía de atopar as riquezas da India e sempre defendeu en público que se atopaba preto de alí. Outros mariñeiros puideron visitar as terras descubertas, como o italiano Américo Vespucio, quen escribiu uns relatos moi populares acerca dos seus viaxes. En memoria destas obras, o novo mundo acabaría levando o seu nome.

A rivalidade entre Castela e Portugal polos novos territorios que ambos ían descubrindo fixo que os Reis Católicos acudisen ao Papa de Roma para que decidise sobre os dereitos sobre esas terras. Despois de varios acordos, Castela e Portugal asinaron en 1494 o Tratado de Tordesillas. Nel decidiuse trazar un meridiano situado a 370 leguas (uns 2000 km) ao oeste de Cabo Verde; as terras situadas máis ao oeste dese meridiano serían para Castela, e as situadas ao leste para Portugal. Deste xeito o rei portugués mantiña as súas factorías en África e Asia, e tamén Brasil, cuxa existencia posiblemente xa coñecía este monarca. Os descubrimentos supuxeron a creación dos primeiros dous grandes imperios ultramarinos, o español e o portugués. Foi tamén o comezo da exploración e elaboración de mapas do mundo, grazas ao enorme traballo de cartógrafos do século XVI como Diego Gutiérrez.

Moitas desas exploracións tiñan como obxectivo atopar un paso cara a Asia; en 1519 partiu de Sevilla a expedición capitaneada por Fernando de Magalláns, que bordeou o continente americano polo sur, en busca dos mercados de cravo das illas Molucas. O ano seguinte conseguiu cruzar cara ao Océano Pacífico polo estreito que leva o seu nome, e cruzou este inmenso océano ata Filipinas, onde morreu asasinado. Tomou o mando Juan Sebastián Elcano, que despois de inimaxinables penurias completou a primeira volta ao mundo da historia, regresando así á península ibérica.

5.   Que documento asinan Castela e Portugal para non entrar en conflitos polas novas terras a descubrir?

6.    Que destino pretende acadar Magalláns na súa expedición de 1519?

7.    Que nome recibe o primeiro paso marítimo atopado para cruzar ao Océano Pacífico?


9.4. América precolombiana

Cando os españois chegaron a América atoparon un territorio habitado por moitos pobos. Estes pobos recibiron o nome de precolombianos, é dicir, anteriores á chegada de Colón (Columbus, en latín). A maioría eran pequenas tribos que tiñan formas de vida moi primitivas, como os caribes e os taínos, nas Antillas. Pero tamén había grandes civilizacións, como a maia, inca e mexica.

Os maias poboaban a península do Iucatán e outros territorios dos actuais México, Guatemala, O Salvador e Honduras. Alcanzaron grande esplendor entre os anos 300 e 900 da nosa era. Despois, as guerras e as loitas polo poder provocaron a súa decadencia. Non formaron un Estado, senón que estaban organizados en cidades independentes, gobernadas por un xefe supremo. A sociedade dividíase en distintos estamentos, como na Europa medieval: nobres, sacerdotes, artesáns, campesiños e escravos, que adoitaban ser prisioneiros de guerra.

Aínda que os maias eran hábiles artesáns, a súa economía baseábase principalmente no cultivo de millo, algodón, cacao, tomate e outros produtos. O comercio entre cidades foi moi activo. A súa relixión era politeísta. Os sacerdotes estudaban as estrelas para predicir o futuro e destacaron como brillantes matemáticos, astrónomos, arquitectos e escultores. Desenvolveron a escritura, crearon calendarios moi exactos e edificaron palacios e templos con forma de pirámide graduada: Tikal, Tulum, Palenque, Chichen Itza...

8.   Nomea tres pirámides construídas polos maias.

Os incas crearon un gran imperio, chamado Tawantinsuyu (as Catro Rexións) que dominaba os pobos que habitaban os actuais Perú, Bolivia, Ecuador, Arxentina e Chile. A autoridade máxima era o inca, considerado fillo do Sol, de aí que os coñezamos por ese nome. A sociedade tamén era estamental, cunha clase dominante que dispoñía de privilexios sobre o resto. E igualmente eran politeístas, con deuses como Viracocha (deus creador), Inti (deus do Sol), Pachamama (deusa da nai terra), etc. Foron grandes construtores, como se ve na fortaleza de Cusco ou no poboado de Machu Picchu; ademais foron quen de construír unha impresionante rede de calzadas que comunicaban as rexións do imperio a través da cordilleira dos Andes.

9.    Nomea tres divindades da civilización incaica.

Os mexicas (mal chamados “aztecas”) eran un pobo de guerreiros que poboaban o val de México desde o século XII. Dominaban militarmente os pobos veciños, de quen obtiñan tributos económicos ou “humanos” No s. XIV fundaron no lago Texcoco a cidade de Tenochtitlán (actual cidade de México), que xunto con Texcoco e Tlacopán constituíu unha tripla alianza que dominaba a rexión. O emperador mexica tiña o título de Huēi Tlahtoāni (wei tlatoani), líder político, relixioso e militar. A sociedade estaba organizada en estamentos, cunha nobreza (pipiltzin), casta sacerdotal, campesiñado, comerciantes, escravos... O principal deus era Huitzilopochtli, asociado co Sol. Os mexicas adoitaban sacrificar os prisioneiros de guerra e os entregados como tributo en grandes cerimonias relixiosas, como xa fixeran os maias e outros poboadores destas terras.

10.   Que figura política é coñecida como “huey tlahtoani”?

11.    Escribe o nome das tres cidades do lago Texcoco que forman o chamado “imperio mexica”.


9.5. As transformacións sociais e económicas na Idade Moderna

A sociedade da Idade Moderna seguiu dividida nos tres estamentos da Idade Media: a nobreza, o clero e os traballadores. Nobreza e clero mantiveron os privilexios que lles correspondían (exención de impostos, leis especiais para eles, etc.). Porén, dentro do estamento dos traballadores, a burguesía comezou a gañar cada vez máis importancia. Tratábase de familias de grandes comerciantes e banqueiros, que puideron prosperar e amasar grandes fortunas. Moitos emparentaron con familias nobres por matrimonio, para ascender na escala social, e buscaron facer negocios coa monarquía.

Os séculos XV e XVI foron unha época de prosperidade económica. O crecemento da poboación, xa superados os efectos da Peste Negra, provocou un incremento da demanda de alimentos. Isto ocasionou un aumento da produción agrícola e o cultivo de novas terras. Os descubrimentos xeográficos desta época favoreceron os intercambios comerciais. As cidades que contaban con grandes portos, como Venecia, Anveres, Hamburgo, Lisboa, Londres ou Sevilla, convertéronse nas grandes potencias económicas. O centro de gravidade da economía europea foise desprazando desde o mar Mediterráneo cara ao océano Atlántico, que agora daba acceso a multitude de destinos comerciais en todo o mundo.

12.   Que grupo social comeza a gañar protagonismo durante a Idade Moderna? A que estamento pertencía?

13.   Que cambio se produce na Idade Moderna en canto aos centros do comercio marítimo?

14.   Nomea cinco portos comerciais do Atlántico que tiveron importancia na Idade Moderna.

 

Tamén apareceron novos instrumentos económicos, necesarios para desenvolver as actividades comerciais nas novas rutas descubertas. As empresas comerciais requirían grandes investimentos de capital, e supoñían un alto risco, xa que moitos barcos naufragaban durante a viaxe e outros eran asaltados por piratas. Así, os comerciantes asociáronse en compañías comerciais para compartiren tanto os beneficios coma as perdas. Os banqueiros, pola súa banda, facilitaron o crédito mediante o uso da letra de cambio, que permitía realizar operacións comerciais sen necesidade de levar o diñeiro en metálico. A letra garantía que o banco entregaría a cantidade indicada noutra sucursal situada na cidade de orixe do comerciante.

A actividade bancaria foi adquirindo grande importancia e empezaron a destacar algunhas familias. Nas cidades de Italia, os Médici, Spínola e Borromei tiveron un gran poder económico e político á fronte da municipalidade. En Alemaña, familias de banqueiros como os Fugger e os Welser, destacaron por prestar grandes sumas aos monarcas españois do s. XVI, dos que recibían a cambio grandes intereses e beneficios económicos (como as minas de mercurio de Almadén, xestionada pola familia Fugger).

 

15.  Cita dous avances de tipo financeiro e tres familias de banqueiros que tiveron relevancia durante a Idade Moderna.



Comments