TEMA 03. A REVOLUCIÓN INDUSTRIAL E OS CAMBIOS SOCIAIS - 4ºESO (pdf)

Tema 3. A Revolución Industrial e os cambios sociais

3.1. A orixe da Revolución Industrial

Os procesos industriais, de transformación de materias primas en produtos elaborados, sufriu nos últimos séculos unha evolución radical, que coñecemos como “Revolución Industrial”. Distinguimos unha primeira revolución industrial a partir de finais do s. XVIII, baseada no emprego da máquina de vapor, movida mediante a queima de carbón e destinada sobre todo á produción téxtil e aos transportes (ferrocarril, barco a vapor); e unha segunda revolución industrial dende finais do s. XIX, baseada en novas fontes de enerxía (petróleo, electricidade) e novas industrias e formas de transporte.

Ademais, a partir de finais do XVIII prodúcense varias novidades nos modos de vida da poboación europea. A principal actividade económica, que era a agricultura, levaba un tempo inmersa nunha serie de avances e melloras que aumentan notablemente a produción de alimentos:

    Melloráronse as técnicas agrícolas: substituíuse o barbeito pola rotación continua de cultivos, co que se evitaba o esgotamento das terras (sistema Norfolk). Cara a 1750 introduciuse o arado de ferro, e perfeccionáronse os sistemas de rega. Algúns inventos de pensadores ilustrados, como a sementadora de Jethro Tull, permitiron aumentar a produtividade dos agricultores.

    Desenvolvéronse novos cultivos: os alimentos chegados de América tiveron un gran desenvolvemento durante o s. XVIII, en especial o millo e a pataca, que permitiron cubrir as necesidades de alimentación da poboación europea, complementando os cereais tradicionais como o trigo.

    Cambiaron as estruturas agrarias:  as revolucións liberais acabaron coas propiedades señoriais e comunais explotadas de forma colectiva, e a terra converteuse nunha propiedade privada. En Inglaterra realizáronse as “enclosures” (parcelando as terras comunais), e os burgueses comezaron a comprar eses terreos, co desexo de investir neles para poder obter beneficios.

No plano da ciencia, Edward Jenner descubriu unha vacina efectiva contra a varíola, que reduciu a mortalidade provocada polas terribles epidemias desta enfermidade, hoxe erradicada por completo. Ademais, xeneralizáronse costumes de hixiene cotiá, como lavar as mans con xabón para previr infeccións.  Por todos estes avances, tanto da alimentación como da medicina, comeza a transición demográfica dende unha sociedade tradicional, con alta natalidade e mortalidade, a outra na que a mortalidade se reduce enormemente. Isto permite que a poboación empece a medrar sen parar, a un alto ritmo, e o excedente de poboación vai abandonar o campo para agruparse en cidades, onde van atopar traballo como man de obra nas modernas fábricas que se están a desenvolver.


3.2. A primeira revolución industrial

Ata o s. XVIII, as manufacturas elaborábanse en pequenos obradoiros artesáns espallados polo territorio: todas as cidades tiñan varios obradoiros que abastecían a poboación de manufacturas (roupa, cerámica, mobles…). O traballo era manual, non se usaban máquinas e as ferramentas eran escasas. Cada artesán realizaba as pezas completas e controlaba o seu ritmo de traballo, sen horarios fixos.

A finais do XVIII os obradoiros comezaron a ser substituídos por fábricas, establecementos onde os obreiros dispoñían de máquinas para traballar. As primeiras máquinas funcionaban cunha nova fonte de enerxía, o vapor, que se xeraba queimando carbón mineral. En 1775, James Watt logrou inventar un modelo eficiente de máquina de vapor, que multiplicaba a capacidade de produción dos traballadores manuais.

Por outra banda, modificouse a organización do traballo: cada obreiro especializouse nunha tarefa concreta do proceso produtivo, seguindo un modelo de división do traballo; ademais debía traballar ao ritmo que impoñía a máquina e fixáronse uns horarios estables de acordo con esta nova organización da produción. En consecuencia, os custos de fabricación caeron e isto permitiu abaratar enormemente os prezos dos produtos, de forma que moitos deles pasaron a estar ao alcance de case toda a poboación.

Gran Bretaña foi a orixe da primeira Revolución Industrial, xa que se daban alí as condicións favorables para o crecemento económico (xacementos de ferro e carbón, man de obra abundante, numerosos pequenos propietarios con mentalidade emprendedora…). Os sectores punta nesta fase foron:

    A industria téxtil algodoeira, que desenvolveu rapidamente invencións como a fiadora e o tear mecánicos. O algodón chegaba dende as colonias a baixo custo, e grazas ás novas máquinas que permitían elaborar fío e tecelo, desbancou en prezo as tradicionais pezas téxtiles de lá. Ademais, os antigos obradoiros artesanais dos gremios foron substituídos por grandes locais que concentraban a maquinaria, as fábricas. Este espectacular aumento da produción permitiu que as manufacturas británicas inundasen os mercados mundiais con produtos de calidade e a un prezo insuperable, o que sentou as bases do dominio mundial do Imperio británico.

    A industria siderúrxica alcanzou unha gran actividade a mediados do XIX, substituíndo o carbón vexetal polo carbón mineral (coque), e empregando modernos altos fornos, que funcionan a temperaturas máis altas e producen un ferro refinado de gran calidade.

Gran Bretaña tivo unha vantaxe tamén no plano das ideas. O liberalismo económico defendido entre outros por Adam Smith, no seu libro A riqueza das nacións, criticaba as regulacións do sistema dos gremios e apoiábase na necesidade de liberar o mercado, xa que os compradores e vendedores debían acordar mutuamente os prezos das mercancías e os salarios dos traballadores, deixando que actuase a lei da oferta e a demanda, é dicir, permitindo que actúe a “man invisible” do mercado. Este pensamento resúmese na máxima proposta por outros pensadores ilustrados anteriores: “laissez faire, laissez passer”.


 

3.3. A revolución dos transportes

A expansión da industria e do comercio permitiron idear novas formas de desprazarse a longas distancias no menor tempo posible e a un custo asumible. As primeiras innovacións producíronse na navegación, onde xa durante o s. XVIII se viñan realizando grandes obras para a circulación de barcos no interior, creando canles fluviais que comunicaban entre si os grandes ríos europeos, o que xa abaratara notablemente os custos de transporte.

Pero a introdución da máquina de vapor no ámbito do transporte deu lugar a unha transformación radical. En 1803, Robert Fulton navegou por primeira vez nun barco a vapor. Os veleiros británicos de tipo “clipper” seguiron sendo o principal medio de transporte, pero o barco a vapor, moito máis rápido e cun casco de ferro, rematou por impoñerse algunhas décadas despois. Xa en 1870, os primeiros barcos con cámaras frigoríficas revolucionaron o transporte de produtos perecedoiros a longa distancia, e a construción do canal de Suez acurtou un 40% a travesía entre Londres e Bombai.

No transporte por terra, o inglés George Stephenson construíu a primeira locomotora a vapor totalmente autónoma, bautizada como “Rocket”, que en 1830 recorreu a primeira liña de ferrocarril da historia, transportando carbón entre Liverpool e Manchester. O perfeccionamento deste invento fixo do ferrocarril un medio de transporte cada vez máis rápido, seguro e barato, que aceleraba a industrialización por onde pasaba. Axiña se multiplicaron as vías férreas por todo o mundo, e incluso se deseñaron liñas intercontinentais, como o Transiberiano ruso, construído entre 1891 e 1895.

A revolución nos medios de transporte tiveron importantes consecuencias na economía e a sociedade do seu tempo:

       Produciuse un gran crecemento da minería do carbón (para propulsar o transporte) e da industria metalúrxica (para construír os vehículos).

       O comercio internacional aumentou considerablemente, ao poder comerciar moito máis lonxe e a menor custo.

       A sociedade europea beneficiouse destes avances, xa que a alimentación se diversificou moito (con moita máis variedade de produtos dispoñibles) e volveuse máis sinxelo emigrar a lugares afastados, especialmente América e Oceanía.

 


3.4. A segunda revolución industrial

A partir de 1870, ensaiáronse novas fontes de enerxía que, pouco a pouco, substituíron o carbón: a electricidade e o petróleo. O seu uso masivo chegou xa no s. XX.

A industria téxtil perdeu o seu papel de liderado, que foi ocupado polo sector siderúrxico, a industria eléctrica e a industria química:

      No sector siderúrxico (fabricación de aceiro), desencadeouse un gran progreso coa invención do forno Bessemer, capaz de producir grandes cantidades de aceiro a baixo custo. O aceiro usouse na industria naval e de armamento ,así como na arquitectura (rañaceos) e na enxeñaría (pontes).

      A industria eléctrica apareceu grazas á invención dos motores eléctricos (tranvía), os novos medios de comunicación (teléfono, radio) e á lámpada incandescente, que revolucionou a vida cotiá coa iluminación eléctrica. Fíxose así necesario producir e distribuír cada vez maiores cantidades de enerxía eléctrica ás cidades.

      A industria química usou diversas materias primas, como o petróleo e o caucho, para fabricar novos produtos: artigos farmacéuticos, pneumáticos, dinamita, celuloide…

Nesta segunda fase da industrialización, Gran Bretaña perdeu o protagonismo en favor de novos países industriais, sobre todo Alemaña e Estados Unidos.

 

Paralelamente, e co obxectivo de aumentar a produción, puxéronse en práctica novos sistemas de traballo, que se baseaban na división do traballo proposta por Adam Smith no século anterior:

     O enxeñeiro F. W. Taylor creou o sistema do taylorismo. Dividiu o traballo en pequenas tarefas, cunha duración cronometrada con exactitude. Cada obreiro especializábase nunha tarefa e recibía un salario proporcional ao labor realizado, tendo incentivos pola súa produción.

     O empresario Henry Ford difundiu a produción en serie (fordismo). Os produtos pasaban dun operario a outro a través dunha cadea de montaxe. Así evitábanse os tempos mortos entre unhas tarefas e outras e aumentou o número de produtos que elaboraba cada operario. Como consecuencia, os prezos reducíronse e máis xente puido consumir os produtos industriais.


3.5. A concentración empresarial na segunda revolución industrial

Como consecuencia da expansión económica que supón a segunda revolución industrial, xa que afecta a un número crecente de sectores e incorpora cada vez máis avances no campo das fontes de enerxía e a tecnoloxía, nunha poboación que ademais está a medrar como nunca o fixera na historia, podemos apreciar a finais do s. XIX un proceso imparable de crecemento das grandes empresas industriais, é dicir, unha concentración empresarial da industria. A necesidade de contar con enormes investimentos de capital, na carreira polo control dos mercados desta industria en expansión, levaba ás empresas a fusionarse e asinar acordos entre elas. Deste xeito, xurdiron algunhas formas de asociación entre empresas, entre elas o cártel, o trust e o holding:

     O cártel é unha asociación de empresas dedicadas á mesma rama de actividade, que chegan a acordos para controlar a produción e a distribución, fixar os prezos e compartir beneficios. Na actualidade, un exemplo de cártel podería ser a OPEP, na que se reúnen os principais países produtores de petróleo para decidir conxuntamente aumentar ou reducir a súa produción, co fin de variar o prezo a nivel internacional.

     O holding é unha corporación de compañías que están controladas por unha soa, que é propietaria da maior parte das accións do resto. Hoxe en día, Nestlé pode representar un exemplo deste tipo de asociación empresarial.

     O trust é o máximo expoñente da concentración empresarial, xa que implica a fusión total de todas as empresas dun sector nunha soa compañía, o que lle permite monopolizar a produción dun ben determinado eliminando a competencia. Un dos mellores exemplos de trust foi a Standard Oil de John D. Rockefeller, que controlou a práctica totalidade da produción de petróleo en Estados Unidos a finais do s. XIX. Pero xa no XX, as leis antimonopolio nos países occidentais prohibirían  a existencia deste tipo de asociacións, o que acabaría forzando a magnates como Rockefeller a vender parte do seu “imperio” industrial.

Neste contexto de concentración empresarial, as antigas empresas familiares, que cada vez eran máis grandes, víanse faltas dos capitais suficientes para continuar medrando (investir en novas máquinas, instalacións, etc.). Así, creáronse sociedades anónimas, nas que calquera inversor pode adquirir accións da empresa na bolsa, estando ademais blindados en caso de bancarrota. Os socios só responderían co capital que tiveran invertido en accións da sociedade, e non terían que aportar os seus cartos personais para pagar as posibles débedas da mesma. Ademais, en caso de que un socio non desexe continuar participando nesa compañía, ten toda a liberdade de vender as súas accións a un terceiro na bolsa.

Este desenvolvemento das sociedades anónimas permitiu tamén que os bancos comezaran a investir os aforros dos seus clientes en accións rendibles. Deste modo, desenvolveuse un capitalismo financeiro, é dicir, baseado na inversión de capital financeiro (bancario) nas novas empresas da revolución industrial.


 3.6. Os efectos da industrialización

A industrialización foi un proceso gradual, que como xa vimos comezou en Gran Bretaña dende o s. XVIII, e se estendeu pouco a pouco a outros países que mantiñan un contacto máis ou menos estreito coa economía británica. En 1830, aproximadamente, Bélxica, o norte de Francia e algunhas zonas de Alemaña reciben as innovacións que permiten a súa industrialización. A finais do s. XIX, a onda chega a rexións máis afastadas do continente, entre elas España, Rusia ou Suecia.

Ademais, o excedente de poboación en Europa e a crecente facilidade para viaxar levan o fenómeno industrial por zonas do mundo que ata entón permaneceran atrasadas, especialmente Norteamérica (Estados Unidos e Canadá) e Oceanía (Australia e Nova Zelanda). Outra potencia industrial desta época foi Xapón, que dende 1868 abandonou o feudalismo, abriuse ao mundo e aproximouse culturalmente aos países occidentais (era Meijí).

No plano social, a industrialización consolidou o cambio dos grupos pechados do Antigo Réxime (nobreza, clero, burguesía) a unha sociedade de clases, na que os cidadáns son tratados con igualdade pola lei, e os niveis altos e baixos (clase social) están determinados unicamente polo nivel económico, que pode variar segundo as circunstancias da vida, é dicir, que existe o que se coñece como mobilidade social: os máis pobres teñen a posibilidade de enriquecerse, mentres que os máis ricos son susceptibles de empobrecerse. En resumo, a nova sociedade industrial é dinámica e desaparece o privilexio legal por nacemento.

As familias da nobreza ou aristocracia, despois de perder eses privilexios, van tender a caer nunha decadencia progresiva e so algúns manterán certo prestixio social adaptándose ao mundo empresarial. O grupo predominante dende o s. XIX é a burguesía, isto é, os comerciantes e industriais propietarios de negocios, que dispoñen cada vez de máis liberdade para emprender, arriscando o seu capital para fundar negocios cos que chegar a prosperar.

Ao mesmo tempo, as empresas dos burgueses, que se fan cada vez máis grandes, precisan dun número crecente de traballadores (obreiros, tamén chamados proletarios), que van compoñer a gran masa social do proletariado. Na defensa dos seus intereses, algunhas ideas políticas vanse volver cada vez máis influentes dentro do movemento obreiro, especialmente o socialismo de Karl Marx, que defende a loita de clases como forma de liberación do proletariado. Segundo Marx, os obreiros deben enfrontarse aos empresarios, arrebatarlles os medios de produción (fábricas) e instaurar así a ditadura do proletariado, que permitirá finalmente acadar o comunismo (un estado ideal no que as clases sociais xa non existirán e a comunidade convivirá en harmonía).

Outra variante moi influínte, especialmente en España, foi o anarquismo, defendido por autores como Mikhail Bakunin, que buscaba a abolición do Estado, para alcanzar un fin similar ao proposto por Marx. A principal diferencia co marxismo é que os anarquistas non apoian unha ditadura do proletariado, xa que simplemente non cren na autoridade do Estado, dirixa quen o dirixa. Aínda que non todos os movementos anarquistas foron violentos, foi bastante habitual que levasen a cabo atentados terroristas para propagar as súas ideas e destruír directamente as institucións do Estado. Estes ataques eran coñecidos como a “acción directa”.


Comments